Na primeira edición dos seus premios á mellor teses, TFM e TFG
A Cátedra Oesía da UVigo recoñece o talento que deseñará o futuro tecnolóxico
Os traballos galardoados abordan temas como o procesado de sinal para 6G ou o radar en automoción
Co obxectivo de consolidar unha nova ponte entre a vangarda académica e o sector industrial, potenciando liñas estratéxicas que van desde o deseño de antenas e a fotónica, ata a computación cuántica e a IA aplicada ás comunicacións, a Cátedra Oesía da Universidade de Vigo outorgou os seus primeiros premios á mellor tese de doutoramento, TFM e TFG do alumnado da institución académica viguesa.
O intercambio de información mediante radares entre vehículos resulta vital para mellorar a seguridade viaria e optimizar itinerarios en tempo real, non obstante a alta mobilidade dos vehículos e a saturación da canle, supoñen un desafío técnico constante ao que Luis López Valcárcel buscou unha solución durante cinco anos de investigación, coa que gañou o premio á mellor tese na convocatoria de galardóns organizada pola Cátedra Oesía. Pola súa banda, Francisco Miguel González Castro fíxose co premio ao mellor traballo fin de mestrado por unha investigación que optimiza os cálculos matemáticos (FFT) esenciais para que os dispositivos xestionen datos a gran velocidade, permitindo que radares e futuras redes 6G sexan más rápidas e eficientes no consumo de recursos. Mentres, Raúl Estévez Gómez recibiu o premio ao mellor traballo fin de grao polo deseño dun amplificador para chips fotónicos que iguala o rendemento de equipos comerciais actuais, pero sendo un cento de veces máis económico.
Na entrega dos galardóns da Cátedra Oesía da UVigo, codirixida polos docentes e investigadores da UVigo Óscar Rubiños e Ana Vázquez Alejos; a vicerreitora de Estudantes da UVigo, Natalia Caparrini, e a directora de Innovación e Tecnoloxía de Inster (Grupo Oesía), destacaron “a importancia de incentivar o talento en sectores clave como o satelital, as radiocomunicacións e as futuras redes 5G/6G”. Con estes premios, a Cátedra Oesía reafirma a súa aposta pola formación, a investigación e a transferencia en temáticas fundamentais para a soberanía tecnolóxica, ademais de ser, como sinala o doutor Luis López Valcárcel, “un motor vital para los investigadores”.
Seguridade viaria e transporte intelixente
As tecnoloxías de transporte intelixente poden mellorar dous aspectos críticos da circulación por estrada: a seguridade viaria e a eficiencia enerxética, tanto en motores de combustión como eléctricos. Un exemplo típico é o radar de automoción, que por unha banda, permite detectar obstáculos, mesmo en condicións de néboa ou chuvia, e polo outro, facilita o denominado platooning, no que dous o máis camións poden circular en convoy a distancias de separación moi curtas. As comunicacións vehiculares tamén son de grande importancia nestes caso, pois permiten que os vehículos intercambien entre si ou coa infraestrutura datos de posición, sensado, etc., o que posibilita crear unha imaxe en tempo real da contorna de circulación.
“Non obstante, todas estas tecnoloxías enfróntanse a importantes desafíos. Por exemplo, a alta mobilidade dos vehículos dificulta o uso eficiente da canle de comunicación nas bandas necesarias para intercambiar toda esta información. Outro exemplo é que, cantos máis vehículos equipados con radar hai, máis interferencias se causan entre eles”, explica Luis López Valcárcel, gañador do premio á mellor tese de doutoramento, que co seu traballo de investigación buscou “cubrir eses ocos e algún máis, relacionados coa aplicación de sistemas radio a contornas automobilísticas. Un aspecto que se valorou moito é que realicei implementación reais de varias propostas e publiquei os resultados en repositorios en liña, o que permite a outras partes interesadas reproducir a miña investigación”, detalla.
O gañador do premio Cátedra Oesía á mellor tese considera que “este galardón recoñece cinco anos de traballo, con todas as idas e vidas persoais que ocorreron entre medias, polo que resulta moi satisfactorio”. Un galardón que agarda lle abra portas no seu futuro profesional, “aínda que tampouco podo ignorar a contía económica (1250 euros), claro”.
Optimización de redes 6G e democratización tecnolóxica
Francisco Miguel González Castro, premio ao mellor TFM explica que “o meu traballo céntrase en optimizar a implementación dun cálculo matemático chamado Fast Fourier Transform (FFT), que é unha operación fundamental en telecomunicacións. Aínda que non o vexamos, os nosos teléfonos móbiles están facendo milleiros deses cálculos cada segundo para poder xestionar chamadas, datos ou vídeo”. No seu proxecto, Miguel González implementou esta operación adaptándoa á unha arquitectura hardware moi concreta e optimizándoa, tanto en tempo como en uso de recursos. “Aínda que está deseñada para un tipo específico de dispositivo, demostra ata que punto se pode aproveitar esta tecnoloxía para mellorar o rendemento e a eficiencia. Isto ten aplicacións directas en ámbitos como radar, sistemas satelitais e redes 5G/6G”, detalla o autor do TFM.
González Castro asegura que este galardón, dotado con 800 euros, faille moita ilusión “porque supón un xeito moi especial de rematar a miña etapa universitaria. Dalgún xeito, resume e pon en valor todo o esforzo que hai detrás do traballo”, explica, ao tempo que destaca a súa paixón polo mundo do procesado de sinal.
Un amplificador para chips fotónicos cen veces máis económico
Os chips fotónicos precisan para funcionar electrónica capaz de ler sinais ópticas moi febles e a gran velocidade e Raúl Estévez, no TFG co que gañou o premio Cátedra Oesía da UVigo deseñou e construíu esa ponte, “un amplificador que converte a luz detectada polo chip nun sinal eléctrico utilizable, cun rendemento comparable ao de equipos comerciais máis de cen veces máis caros”.
Raúl Estévez considera unha satisfacción enorme que unha empresa valore o seu traballo, “especialmente porque valida un enfoque que apostaba por facer enxeñaría de alto rendemento con recursos accesibles”. Un galardón, dotado con 500 euros, que recoñece que lle chega nun momento moi especial “porque agora mesmo estou compaxinando un máster en microelectrónica cun traballo na industria dos semiconductores, todo desde Vigo”.
