DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A obra, de 729 páxinas, abrangue o período temporal de 1928 a 1962

O catedrático Rafael Vallejo publica un libro no que se poñen números e datos ao despegue do turismo en España

Analiza, “cun detalle inédito”, o boom desta industria, prestando especial atención ao papel das pro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 28/06/2022

729 páxinas nas que se describe, “cun detalle inédito”, como España se converteu nun dos principais destinos turísticos internacionais. O catedrático de Historia Económica da Universidade de Vigo Rafael Vallejo acaba de publicar o libro Historia del turismo en España 1928-1962, unha minuciosa investigación na que se poñen números e datos á que, no seu día, fora bautizada como “industria dos forasteiros” e na que se analiza o despegue do turismo neste país e o boom das denominadas empresas turísticas, incluíndo axencias de viaxes, industria hoteleira e toda a oferta de aloxamentos extrahoteleiros (campings, bungalows, urbanizacións, apartamentos…), que convivían ademais co tradicional aluguer de vivendas en domicilios particulares.

Investigador do grupo de investigación Ecosot (Economy, Society and Territory) da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais  e do Centro de Investigación Interuniversitario Ecobas, Vallejo artella esta extensa publicación en 15 capítulos organizados en catro grandes apartados: as Juntas Provinciales de Turismo (capítulos 1 a 6); a Economía do Turismo (capítulos 7 a 9) e Sistema Turístico Español, no que se inclúen o apartado 3 e 4, que afonda en cuestións como: Administración, empresas públicas e política turística, por un lado (capítulos 10 a 13), e Axencias de viaxes, hoteis e aloxamentos extrahoteleiros, por outro (capítulos 14 e 15).

“O turismo é un fenómeno social e económico complexo, poliédrico, mundializado”, explica o profesor Vallejo, quen fai fincapé en que turismo son as viaxes de pracer fóra do lugar de vida habitual, son os suxeitos desas viaxes, os medios de transporte que permiten o desprazamento, as infraestruturas e o equipo receptivo, a atención nos lugares de paso e de chegada; sono igualmente as empresas que interveñen na viaxe, que transportan, aloxan e distraen ao viaxeiro... “Turismo son así mesmo os destinos e os impactos de diversa natureza, medioambiental, cultural e económica, que xeran esas chegadas, xeralmente proporcionais ao número e intensidade dos partícipes”, subliña o investigador, facendo así fincapé nas “múltiples caras do turismo” como feito antropolóxico, sociocultural, económico e político, que se expresa no espazo e no tempo.

Arranca en 1928 coa creación do Patronato Nacional de Turismo

Neste minucioso percorrido histórico o autor amosa algunhas das súas preocupacións, entre elas, a escasa ou nula atención que se ten prestado á organización turística por provincias, ao seu xuízo, unha grande esquecida nas narracións historiográficas do turismo español. “Eu sitúo este tema como un dos eixes da publicación”, explica Vallejo, ao que engade que o estudo desta organización turística provincial arranca en 1928 coa creación do Patronato Nacional de Turismo. “É unha data moi significativa que tomei como arranque do libro, aínda que nalgún dos temas abordados, como a economía do turismo ou as axencias de viaxes, retrotráiome ata 1900”, recalca o autor.

Papel de España no contexto internacional

Outra das súas preocupacións de Vallejo, trasladadas a este libro, é situar o turismo de España no contexto internacional e, polo tanto, analizar en que medida o país estivo en liña coas correntes do turismo mundial ou, polo contrario, comportouse como unha persistente irregularidade, unha nación “diferente” nisto do turismo. Nesta liña explica que, se ben a historia do turismo en España se escribe case sempre desde a perspectiva do país turístico no que se converteu desde a década de 1950 e primeiros anos da de 1960, “facelo con este enfoque leva a minusvalorar os progresos turísticos que se produciron durante o século XIX e, sobre todo, no primeiro terzo do século XX, que estiveron alienados co que sucedía no turismo internacional”, explica o autor.

O libro recolle pois a preocupación que había por identificar o turismo dos nacionais e dos estranxeiros, de cuantificar o seu número,  de examinar os cambios que se produciron na composición do feito turístico e de como estas mutacións afectaron ao comportamento das empresas de intermediación, aos establecementos de acollida tradicionais (a hotelaría) ou ás novas formas de aloxamento que foron xurdindo.

Pondo “rostro, nome e apelidos” ás principais empresas e empresarios

Outro dos aspectos clave da obra é que permite pór “rostro, nome e apelidos” ás principais empresas e empresarios relacionados coa industria do turismo, nomes tan coñecidos como Marsans, Viaxes Iberia ou American Express, no que a axencias se refire; ou Meliá, o grupo HUSA (Hostelería Unida Sociedad Anónima) e a coñecida familia Gaspart, no que á industria hoteleira se refire, por citar só algúns dos exemplos máis representativos.

Inclúese tamén un innovador estudo sobre a eclosión do fenómeno do camping en España, coas súas iniciativas empresariais, a súa xeografía e o seu particular público, así como sobre as restantes modalidade emerxentes de aloxamento extrahoteleiro coa identificación, para 1962, das urbanizacións promovidas polas compañías de carácter local e outras por empresas nacionais. “Este estudo do aloxamento extrahoteleiro esténdese ata 1965, o que nos permitiu identificar que os investimentos neste tipo de establecementos, ao calor dunha demanda acelerada, deron lugar a que o seu número de prazas superara, nesa data, ao de prazas en hoteis e pensións”, explica o docente.

Prologado polo historiador e economista mallorquín Carles Manera

Editado por Sílex con financimento do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas da Xunta de Galicia, o libro está  prologado polo historiador e economista mallorquín Carles Manera, catedrático de Historia Económica da Universitat de les Illes Balears e conselleiro do Banco de España, quen fai fincapé en que Vallejo ilustra –“e, sobre todo demostra con números e datos”- que o turismo é un proceso acumulativo durante decenios. “Vallejo recolle todo isto con precisión de cirurxián”, recalca Manera, quen tamén se refire a este traballo como unha investigación “prolixa e orixinal”. Prolixa, porque aborda todos os aspectos posibles na análise dun sector económico como o turismo, “tanto factores de carácter netamente económico, como aqueles que se refiren á esfera máis institucional, con influenzas das políticas do momento estudado”. E é orixinal porque, tal e como defende Manera, “constrúe nun fío condutor, a edificación dunha actividade incipiente, constatable e tanxible desde a década de 1910-1920, cunha explicación coherente”.