DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro mostras do talento investigador que se queda na Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 14/10/2020

Sergio Gómez, Marta Conde, Cristina Delgado e Santiago Pozo están a piques de comezar unha nova etapa profesional como investigadoras e investigadores distinguidos da Universidade de Vigo, para seguir desenvolvendo os seus proxectos nos eidos da química física, a fisioloxía, a ecoloxía e bioloxía animal e a conservación de patrimonio cultural inmoble, respectivamente.  Eles e elas son os seleccionados no Programa de Retención de Talento Investigador da UVigo 2020, que ten como finalidade a contratación de persoas de traxectoria destacada que tiveran desenvolvido a súa actividade de posdoutoramento na Universidade de Vigo. O contrato como persoal laboral temporal a tempo completo, na modalidade de investigador/a distinguido/a, terá unha duración de tres anos prorrogables a outros dous.

Sergio Gómez

Sergio Gómez leva na Universidade de Vigo máis de dez anos, na última etapa como investigador Juan De La Cierva no Departamento de Química Física, centrando o seu traballo na síntese, caracterización e autoensamblaxe de nanopartículas plasmónicas (ouro e prata). Explica que este programa da UVigo “supón que non se pare a miña carreira investigadora e docente. Agora mesmo, teño 3+2 anos para conseguir financiación tanto en plans nacionais como internacionais, demostrando así que os egresados da UVigo somos competitivos a todos os niveis”. 

Gómez formouse na UVigo e continuou na institución viguesa para facer a tese de doutoramento. “Ao acabar, tiven que emigrar como moitos outros, e despois de cinco anos conseguín unha axuda estatal para volver á miña universidade”. Mentres estivo no estranxeiro xurdiulle a posibilidade de realizar “un sensor baseado en nanopartículas de ouro, e cando volvín, continuamos traballando nel”. Agora “estamos a desenvolver novas sínteses de nanopartículas que lles conceden novas propiedades, e a idea é utilizalas para a detección precoz de biomoléculas, como catalizadoras de reaccións de interese para a sociedade e, finalmente pero non menos importante, para o tratamento de cancro mediante hipertermia”. 

Respecto ás oportunidades futuras de estabilización, recoñece a perspectiva é moi complicada. “Dende que iniciei a miña carreira investigadora pensei pouco a pouco: primeiro a tese, despois o primeiro posdoc, o segundo, o terceiro... e agora, a pesar de que xa teño unha idade, teño que seguir igual, pensando que teño tres anos máis para demostrar á Universidade a miña valía”. Por outro lado, tamén fai fincapé en que actual situación de pandemia non axuda, xa que “por mor da covid-19 os orzamentos do Estado destinados ás universidades poden variar, podendo afectar isto ás vindeiras prazas da taxa de reposición que oferte a Universidade”. 

Marta Conde

Marta Conde é outra das catro persoas seleccionadas, ata agora persoal de posdoutoramento da Xunta de Galicia na modalidad B no Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, en concreto na Área de Fisioloxía. A investigadora do Centro de Investigación Mariña explica que esta é unha oportunidade de seguir traballando e mellorando o CV para poder optar a programas ou contratos de estabilización na Universidade. “Tamén me permite poder continuar coa liña de investigación propia que iniciei hai dous anos e seguir dirixindo as dúas teses de doutoramento que están en marcha neste momento”, engade.

Conde cursou Ciencias do Mar en Vigo e, tras o paso pola empresa privada, regresou cunha bolsa FPI para realizar a tese de doutoramento baixo a dirección de José Luis Soengas e Jesús Míguez e posteriormente continuar coa etapa de posdoutoramento. A súa actividade investigadora céntrase no estudo dos sistemas neuroendocrinos e metabólicos que controlan o apetito en especies de peixes de interese na acuicultura. Recentemente, iniciou unha liña de investigación propia baseada no estudo da regulación hedónica do apetito en peixes, e en concreto da implicación dos sistemas cannabinoide e opioide nesta regulación. Coa vista posta nos próximos tres anos como investigadora distinguida plantéxase “seguir desenvolvendo e afondando nesta liña, codirixindo as teses que están en marcha e tamén pretendo dirixir novos TFG/TFM. Nos vindeiros anos espero tamén poder ter a posibilidade de conseguir financiamento propio para algún novo proxecto como investigadora principal e, ao mesmo tempo, seguirei cos labores docentes e intentarei conseguir a acreditación de Profesor Titular, o cal me daría a posibilidade de seguir contratada dous anos”. 

Cristina Delgado

Cristina Delgado, tamén persoal de posdoutoramento da Xunta de Galicia na modalidade B no Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, pasará tamén a ser investigadora distinguida para serguir traballando en ecoloxía e taxonomía das diatomeas, tanto en ecosistemas mariños como en auga doce. Segundo explica, o seu interese principal é “afondar no uso destas algas como bioindicadores” e este contrato, recoñece, é un “gran paso” na súa carreira. “Levo moitos anos traballando intensamente para chegar a un momento como este” e valora moi positivamente que a Universidade de Vigo “fora pioneira neste tipo de programas de retención, porque é unha oportunidade que hai anos non existía, e que nos permite poder continuar coas nosas liñas de investigación e os nosos proxectos, e ogallá se puidera continuar no tempo”. Con todo, asume que o mundo da investigación é “duro e complicado” pero agarda que este contrato lle permita ter unha oportunidade de estabilización. “Nunca sabes con certeza o que pode pasar”, remarca, “son das poucas que decidín ser nai antes incluso de rematar a miña tese, e se todo era complicado pois complicóuseme todo un pouco mais. Agora estou moi contenta de todo o traballo realizado e todo o esforzo que fixen eu e a miña familia para poder conciliar vida laboral e familiar e xa con iso estou contenta!”.

Nos próximos tres anos tratará de afondar no coñecemento ecolóxico das diatomeas e recoñece tamén que agarda “identificar algunha especie nova máis para a ciencia”, xa que durante as súas etapas de pre e posdoutoramento xa describiu catro novas especies, unha delas dedicada o Prof. Ramón Margalef (Cymbopleura margalefii C.Delgado, M.H. Novais, S. Blanco & L. Ector 2013). “Agardo ahora xa dende a Universidade de Vigo poder avanzar con este tema da taxonomía que tamén me apasiona”.

Iago Pozo

Finalmente, completa a listaxe de novos investigadores distinguidos José Santiago Pozo, ata agora no Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente como persoal do programa Juan de la Cierva e actual subdirector de Relacións Exteriores e Mobilidade da Escola de Enxería de Minas e Enerxía. Pozo forma parte do grupo de investigación de Explotación de minas e, xunto coa profesora Teresa Rivas, céntrase na conservación de patrimonio cultural inmoble. “Dedícome á avaliación e desenvolvemento de tecnoloxías e metodoloxías destinadas á conservación das obras, como son monumentos e fachadas en pedra, morteiros de cal ou cemento, pinturas murais tanto históricas como contemporáneas, etc”. A súa investigación céntrase, principalmente, “na limpeza de obxectos de patrimonio empregando técnicas mecánicas, químicas ou láser, aínda que tamén realizo estudos de consolidación e hidrofugación das obras. Por isto, este contrato dentro do programa de retención de talento é “unha pílula de tempo para continuar no que en España e en Galicia resulta tan difícil acadar profesionalmente: dedicarse ao mundo da investigación”. 

Pozo láiase de que, a pesar de que os ritmos de produción científica son moi valorados para acadar boas posicións nos ránkings, “a inversión para reter a investigadores noveles con carreiras punteiras é pequena e en moitas ocasións fai que teñan que buscar novas oportunidades noutros países”. No seu caso, leva máis de dez anos “inmerso nesta carreira de fondo a través de bolsas e diferentes contratos da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia, realizando estadías en EEUU, Portugal, Grecia, etc. e deste xeito seguir nadando, grazas a este contrato poderei continuar cunha das miñas vocacións: a de ser investigador”. Remarca que este contrato lle outorga “máis tempo para poder seguir ensinando, xestionando, publicando, asistindo a conferencias, dirixindo TFG, TFM e teses de doutoramento coas que estou comprometido e deste xeito, seguir facendo méritos para acadar o contrato por excelencia no ámbito investigador nacional, os contratos Ramón y Cajal do Ministerio de Ciencia e Innovación, xa que é o único  contrato a través do cal podo acadar a estabilización na Universidade”. 

No que se refire á investigación, durante os próximos tres anos centrarase en dous piares principais. “Por un lado, realizaremos a limpeza láser de obras en pedra con volumes a través de sistemas robotizados, para automatizar as limpezas das obras de maneira que se consiga extraer o depósito do substrato sen danalo, como consecuencia da dificultade de manter o láser sempre á mesma distancia do obxecto. Por outra banda, ao abeiro do proxecto europeo CAPuS (Conservation of Art in Public Spaces), dedicareime ao desenvolvemento de metodoloxías de limpeza e protección de pinturas acrílicas, alquídicas e vinílicas empregadas nos murais contemporáneos que hoxe en día forman parte do escenario urbano”.