DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recoñecen o esforzo de persoal docente e investigador e alumnado da Universidade

Catro traballos acadan os III Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga 2020

A iniciativa é froito da colaboración entre a UVigo e Viaqua

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 12/03/2021

Os III Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga 2020, convocados anualmente pola Vicerreitoría do Campus de Ourense, xa teñen gañadores e gañadoras. Nesta ocasión, son catro os traballos relacionados coa auga premiados: unha tese de doutoramento do eido científico-tecnolóxico, un traballo fin de mestrado de arqueoloxía e dous artigos, un do ámbito xurídico e outro do científico-tecnolóxico. Os galardóns, que se entregarán nunha gala que está previsto que se celebre este mes de marzo se a situación sanitaria o permite, están dotados en total con 3600 euros por Viaqua no marco do convenio de colaboración existente entre esta empresa e a Universidade de Vigo.

Extracción de compostos e cerámica prehistórica

O galardón á tese de doutoramento máis destacada foi para Microwave hydrodiffusion and gravity (MHG)-Extraction and characterization of compounds with antioxidant properties, da investigadora do Grupo EQ2 Lucía López. Realizada na Facultade de Ciencias baixo a dirección de María Dolores Torres, a tese demostra o potencial que ten “a emerxente tecnoloxía MHG con diferentes recursos agroforestais, subprodutos alimenticios e algas mariñas, para extraer compostos de alto valor engadido con propiedades antioxidantes”. Os extractos obtidos mediante esta tecnoloxía “verde” foron incorporados á formulación de distintos produtos de coidado persoal e hidroxeles. O seu estudo enmárcase “no crecente interese polos compostos antioxidantes e bioactivos e a súa obtención dun modo eficiente e eficaz desde o punto de vista económico, ambiental e de calidade”.

Na modalidade de traballos fin de estudo, o premio foi para o traballo fin de mestrado Materiais prehistóricos de A Ceada das Chas/Castelo de Lobarzán: unha aproximación dende o conxunto cerámico e os seus patróns decorativos, realizado pola investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) Lucía Rodríguez, coa dirección de Beatriz Comendador (Universidade de Vigo) e Miriam Cubas (Universidad de Oviedo). No seu traballo aborda o estudo de materiais cerámicos procedentes da prospección realizada en 2019 polo GEAAT, coa participación da propia investigadora, no conxunto arqueolóxico e natural de A Ceada das Chas/Castelo de Lobarzán, iniciativa froito dun convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Vigo e os concellos de Oimbra e Monterrei. “Realizamos a xestión integral do material prehistórico recollido na prospección, o rexistro xeoespacial dos puntos arqueolóxicos e a individualización do material cerámico. Posteriormente, centramos o estudo na caracterización da variabilidade técnica e decorativa do conxunto cerámico a través das técnicas e patróns decorativos, así como a distribución xeoespacial do material en función das características cronoculturais”, indica a historiadora.

Protección penal e ríos atmosféricos

Na categoría de mellor contribución científica, o premio foi para o artigo La protección penal del agua como recurso natural. Una valoración crítica de las diferencias entre España y Portugal, de Virxilio Rodríguez, profesor da Facultade de Dereito. Publicado na revista Dereito. Revista Xurídica da Universidade de Santiago de Compostela, o artigo recolle “un estudo de dereito comparado sobre a protección penal da auga en España e Portugal para reflectir as diferenzas entre ambos países, valorar as posibles repercusións prácticas destas diferenzas e facer propostas para unha homoxenización normativa”.

Nesta categoría tamén se concedeu un accésit ao artigo Significant increase of global anomalous moisture uptake feeding landfalling atmospheric rivers, liderado polo investigador Iago Algarra, do Grupo Ephyslab da Universidade de Vigo (CIM-UVigo). Publicado na revista científica Nature Communications, o texto conclúe que a humidade dos ríos atmosféricos está aumentando un 7% por cada grao de incremento da temperatura global do planeta. O traballo exposto no artigo formou parte da tese de doutoramento presentada por Iago Algarra e dirixida por Luís Gimeno e Raquel Olalla Nieto, centrada no estudo dos principais mecanismos de transporte de humidade atmosférica. No artigo participan ademais de Iago Algarra, Luís Gimeno e Raquel Olalla, os investigadores Jorge Eiras-Barca, Alexandre M. Ramos e Ricardo M. Trigo.

Estes galardóns, outorgados por unha comisión de valoración, pretenden estimular a promoción do Campus Auga, proxecto de especialización do campus de Ourense, distinguindo accións destacadas de persoal docente e investigador e alumnado da Universidade no ámbito da investigación, a transferencia e a divulgación que contribuían a situar e consolidar este campus como un referente internacional en temáticas relacionadas coa auga. Segundo a categoría, a contía do premio oscila entre os 500 e os 800 euros, suxeita ás retencións do IRPF que estableza a normativa vixente.