A Facultade de Educación e Traballo Social organizou este venres unha Festa da Lingua
Celebrando o orgullo de ser galegofalantes
Coa participación do actor Xosé A. Touriñán e o grupo musical Factoría de Subsistencia
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense organizou este venres a Festa da Lingua. O acto celebrouse co gallo de ter acadado o Distintivo de Galeguización Gal Ego 2023 da Universidade de Vigo e foi unha reivindicación do “orgullo de ser galegofalantes” e da importancia de fomentar o uso da lingua propia de Galicia.
Na inauguración da actividade, Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria, lembrou como esta facultade foi a primeira distinguida co distintivo da UVigo Gal Ego, posto en marcha pola institución académica para incentivar e recoñecer o emprego da lingua galega en facultades e escolas. A responsable académica puxo en valor todo o traballo que realiza a comunidade universitaria deste centro na promoción do idioma e fixo fincapé en que “o galego hai que amalo e hai que falalo”.
Do individual ao colectivo
Ana Iglesias, vicedecana da Facultade de Educación e Traballo Social, destacou pola súa banda a importancia de que as persoas que falan galego se empoderen e nese senso sinalou que esta Festa da Lingua tivo como obxectivo reivindicar que “somos galegofalantes e estamos orgullosos de selo”. A profesora lembrou os preocupantes datos feitos públicos recentemente polo Instituto Galego de Estatística respecto ao idioma e contra a perda de falantes apuntada neles avogou por non ser pasivos e traballar desde o individual e o colectivo por mudar esa situación.
A festa arrancou cunha presentación dos datos de coñecemento e uso do galego na facultade organizadora e continuou coa actuación musical de Factoría de Subsistencia e unha conversa arredor da lingua entre Fernando Dacosta, actor e profesor da Facultade de Educación e Traballo Social, e o actor Xosé A. Touriñán, que levou por título O galego e eu. Nela, Xosé A. Touriñán, licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, fixo un percorrido pola súa relación co idioma propio de Galicia para, do persoal ao colectivo, tocar temas de actualidade, como a perda da transmisión do idioma. Para rematar, houbo un panel interactivo no que as persoas asistentes puideron contribuír coas súas achegas persoais a esta festa de reivindicación da lingua galega.