No marco da programación da Semana Mundial do Espazo
Un centenar de estudantes preuniversitarios participarán este venres nunha xornada divulgativa sobre a exploración espacial
Haberá conferencias, postos e exposicións
O campus de Ourense únese este venres, día 10, á celebración da Semana Mundial do Espazo, unha iniciativa internacional proclamada polas Nacións Unidas e destinada á divulgación da contribución da ciencia e da tecnoloxía á mellora da condición humana. Farao cunha xornada divulgativa na que un centenar de estudantes preuniversitarios poderán achegarse, a través de charlas, talleres e exposicións, ao pasado, presente e futuro da exploración espacial.
A iniciativa forma parte da programación desenvolvida estes días en diferentes localidades galegas por parte da Xunta de Galicia no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo. No caso do campus de Ourense, a actividade está organizada pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Facultade de Ciencias, contando co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), Airbus e a asociación Ellas Vuelan Alto.
Na presentación este xoves da xornada, as profesoras da Universidade de Vigo que a coordinan, Nieves Lorenzo, Alma Gómez e Sidonia Martínez, salientaron que con esta acción quérese pór en valor a interdisciplinaridade da ciencia espacial, onde ten cabida desde a enxeñaría aeroespacial e a informática ata a ciencia e tecnoloxía dos alimentos. Ademais, Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo, lembrou que “o campus de Ourense é estratéxico” no sector do espazo en Galicia ao ofrecerse nel, de xeito exclusivo, a titulación de Aeroespacial.
O impacto da investigación espacial na vida cotiá
A programación desta Xornada divulgativa sobre a exploración espacial. Pasado, presente e futuro, terá lugar no edificio Politécnico de 10.30 a 13.00 h e nela participará un centenar de estudantes do Colexio Padre Feijóo Zorelle, IES 12 de Outubro e IES Julio Prieto Nespereira, todos eles de Ourense. Arrancará coa conferencia O INTA na exploración espacial en España, ofrecida por Paloma Gallego, xefa de laboratorio e enxeñeira de sistemas en proxectos espaciais do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA). Nela, o alumnado e persoas asistentes coñecerán as áreas de traballo deste centro e a actividade que nel se desenvolve. A segunda conferencia, ás 12.30 h, será ofrecida por Daniel Franco Gutiérrez, embaixador de Airbus e responsable de innovación aberta e intraemprendimiento de Airbus Defence and Space en Madrid. El presentará o proxecto Gravitas, de Airbus, cunha intervención titulada Da gravidade, de Newton a Starlab. Implicacións médicas e solucións no ser humano das viaxes polo espazo.
Entre conferencia e conferencia, o alumnado percorrerá diferentes espazos habilitados na entrada do edificio Politécnico. Cada un dos tres centros participantes contará cun posto no que, dun xeito ameno e divulgativo, amosará diferentes pegada da exploración espacial en diversos sectores, como a alimentación, a robótica, a comunicación ou os materiais. Neles poderán ver a repercusión na vida diaria de investigacións que inicialmente se desenvolveron no eido aeroespacial. Ademais, rapazas e rapaces poderán pór nome ás mulleres que axudaron a que o ser humano chegara a Lúa a través da exposición Elas leváronnos á Lúa e o libro Elas leváronnos ao espazo, do colectivo do campus de Ourense eXXperimenta en Feminino. Tamén terán a oportunidade de coñecer a asociación Ellas Vuelan Alto, que ten como obxectivo visibilizar o labor das mulleres no sector aeroespacial en España.
