DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Silvia García reúne nunha exposición fotografías domésticas de diferentes épocas e paíse

Un cento de nenas anónimas coas que reflexionar sobre como medramos, vivimos e desaparecemos

A mostra parte do seu libro de poemas ‘Nenas medrando’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/05/2021

Nenas medrando é o título do libro de poemas no que a profesora da Facultade de Belas Artes reflexiona sobre as transformacións corporais que se producen ao longo da infancia e as sensacións e inseguridades que rodean ao proceso de medrar. Editado por Chan da Pólvora, os poemas deste libro acompáñanse dunha serie de fotografías domésticas de nenas e adolescentes, de diferentes épocas e países, que García foi reunindo ao longo da última década. As preto de 30 imaxes presentes no libro, xunto con outra serie de fotografías que tamén teñen como protagonistas a nenas ou mozas, reúnense desde este venres na sala de exposicións da Vicerreitoría do campus, nunha mostra que afonda a través das imaxes tanto nesa idea de medrar como no rastro material que as persoas deixan tras de si.

Ata o 28 de maio poderá visitarse esta exposición, que reúne máis dun centenar de fotografías, na súa meirande parte en branco e negro e pertencentes a diferentes décadas do pasado século. A mostra foi inaugurada na tarde deste venres, nun acto no que García estivo acompañada polo vicerreitor do campus, Jorge Soto; a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval, e a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e de Integración, Eulalia Agrelo e que tivo como continuación a presentación do libro de poemas que lle dá nome, na que participou tamén o editor de Chan da Pólvora, Antón Lopo. Inseridas no programa de actividades impulsado pola Vicerreitoría do campus para este mes de maio, con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas, a exposición e a presentación de Nenas medrando foron destacadas por Soto como “unha mostra da implicación do profesorado da Universidade de Vigo co tecido cultural galego”, o que á súa vez levouno a pór de relevo a vontade da institución académica de “utilizar as diferentes instalacións das que dispomos para levar a cabo todo tipo de actividades culturais, que redundan no beneficio non só do campus, senón tamén da cidade”.

Nenas medrando é, por outra banda, a primeira exposición na que García presenta o conxunto de fotografías que inspiraron os diferentes poemas do libro que lle dá nome. Imaxes que, explica, “non se presentan como ilustracións, senón que completan a reflexión poética sobre como medramos, sobre a propia percepción do corpo e como seguen transmitíndose estereotipos ou sobre o non adaptarse ás regras do mundo dos adultos”. Xunto a esta trintena de imaxes, preséntanse a súa vez outra serie de fotografías “que amplían a liña do propio libro” e que forman parte, explica,  dun “arquivo orgánico conformado ao longo de dez anos por memorias domésticas de distintas partes do mundo”.

Diferentes lugares, diferentes lecturas

Nenas que sorrín a cámara no Berlín de 1942, en plena Segunda Guerra Mundial, álbums familiares chegados desde o Xapón ou retratos realizados por unha familia portuguesa en Angola forman parte dunha exposición que, como recoñece García, “ten ese misterio” de estar conformada por imaxes “que forman parte dunha memoria familiar da que se perdeu o rastro”. De feito, a artista e docente preséntaas agrupadas por criterios visuais ou formando “xogos coa iconografía”, sen que estean acompañadas de ningunha información respecto da época ou o lugar no que foron tomadas. 

“O interesante é o que o espectador non vai poder atopar datos históricos das fotos”, de tal xeito que se abren “distintas vías para a análise das imaxes e do que nos provocan”, salienta García, que recoñece que, máis aló da propia “reflexión poética” estas imaxes “teñen moitas capas de significado”. Entre elas, a propia reflexión sobre “como obxectos tan humildes como as fotografías duran máis que a vida das persoas”, convertendo en anónimos retratos nacidos na esfera familiar. Ao mesmo tempo, as súas múltiples procedencias permiten detectar “patróns nas poses” que se repiten en diferentes partes do mundo e afondar na “influencia do cinema e das revistas de moda”, á vez que permiten observar as diferentes “actitudes” diante da cámara, ”xa que vemos tanto poses máis estereotipadas como outras máis desafiantes”, apunta a comisaria da exposición. 

A permanencia do efémero

As diferentes imaxes preséntanse nesta exposición acompañadas de documentos, apuntamentos, revistas e cadernos escolares antigos, cadernos de artista e outra serie de materiais que, ao igual que as imaxes, forman parte “dun proxecto global”, ao que García deu o nome de Rastro material, e que xira en torno ao concepto dos ephemera, “que no ámbito dos arquivos alude a aqueles documentos que non foron creados para perdurar”. De feito, parte desa colección de fotografías domésticas que García foi acumulando ao longo da última década serviron para a creación de obras como cadernos de artista, que xiran en torno a esa idea “do efémero e da memoria”, de tal xeito que esta exposición constitúe a súa vez, explica, unha mostra dun proxecto en proceso.