DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tanto en modalidade semipresencial como totalmente virtual e para diferentes niveis

O Centro de Linguas oferta cursos intensivos de inglés para este verán

O prazo de matrícula está aberto ata o vindeiro 2 de xuño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cursos
  • Académica
M. Del Río DUVI 21/05/2025

Como cada verán, o Centro de Linguas da Universidade de Vigo porá en marcha o seu programa de cursos intensivos de inglés abertos á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral. En concreto, durante os vindeiros meses de xuño e xullo impartiranse formacións tanto en modalidade semipresencial como totalmente virtual e para diferentes niveis (B1, B2 e A2) .

Modalidade semipresencial

Para as persoas que prefiran mesturar a docencia presencial coa virtual, o Centro de Linguas oferta un curso mixto para o nivel B2 de 80 horas de duración. As clases impartiranse en horario de mañá entre o 9 de xuño e o 11 de xullo, data na que terá lugar o exame final. Este curso está pensado para persoas que queiran perfeccionar o seu dominio lingüístico e acreditar o nivel B2 do MCER (Marco común europeo de referencia) para poder comunicarse satisfactoriamente no contexto dun sistema universitario internacional. As clases impartiranse na Facultade de Filoloxía e Tradución catro días á semana (de luns a xoves) e o traballo autónomo farase na plataforma MooVi. Ademais, na procura de individualizar o procedemento de aprendizaxe, o alumnado terá á súa disposición titorías individuais.

O prezo desta formación varía entre os 320 euros para a comunidade universitaria, os 200 euros para as persoas seleccionadas polo programa de intercambio Erasmus e os 392 euros para o público en xeral. 

Modalidade virtual

A modalidade virtual estase a converter na principal opción formativa que oferta o Centro de Linguas, tratando de ofrecer a mellor adaptación á dispoñibilidade do potencial alumnado. Neste caso, o programa estival comprende tres opcións nesta modalidade: A2, B1 e B2, todas elas a través de Campus Remoto do 9 de xuño ao 11 de xullo, data na que terán lugar os exames finais.

No primeiro caso é un curso para persoas que queiran perfeccionar o seu dominio lingüístico e acreditar o nivel A2 do MCER (Marco común europeo de referencia) para poder comunicarse satisfactoriamente no contexto dun sistema universitario internacional. A duración da formación será de 60 horas, con clases virtuais de luns a xoves de 09.30 a 13.00 horas. O prezo varía entre 234 euros para a comunidade universitaria; 285 euros para público en xeral e 150 para estudantes do programas Erasmus. 

Outra das formacións é o curso intensivo de inglés B1 de 80 horas de duración que se impartirá con clases virtuais de luns a xoves tamén de 09.30 a 13.00 horas  e outras 20 horas de traballo autónomo. Neste caso os prezos van dende os 320 euros para comunidade universitaria ata os 392 para persoas alleas e 200 para alumnado Erasmus. 

Coa mesma estrutura, duración, datas e horarios impartirase o mesmo curso pero para o nivel B2. Os prezo tamén son os mesmos.