DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeira xornada do proxecto Nereida, coordinado polo CIM

Centros educativos e ciencia mariña únense en Vigo para dar vida á Rede Galega de Escolas Azuis

Galicia conta xa con dez centros acreditados e este proxecto aspira a multiplicar este número

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 04/09/2025

Máis de medio cento de representantes de institucións científicas, educativas, empresariais e sociais participaron este xoves na primeira xornada de Nereida, un proxecto coordinado polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT). A iniciativa busca apoiar os centros educativos galegos na súa acreditación como Escolas Azuis, recoñecendo aquelas prácticas que fomentan o coñecemento do océano a través de actividades de divulgación e dunha conexión directa coa comunidade científica mariña.

O proxecto ten como obxectivo impulsar a Rede Galega de Escolas Azuis (RGEA), integrada na rede española e na rede europea Network of European Blue Schools (NEBS). Trátase dunha iniciativa promovida pola Unesco que a nivel global suma xa máis de 1261 centros educativos, 2240 docentes e 8400 estudantes comprometidos coa educación oceánica. En Galicia xa se certificaron 10 centros e o reto é ampliar esta cifra nos vindeiros anos.

Ciencia e educación ao servizo do mar

A inauguración da xornada contou coa participación do director do CIM, Daniel Rey, e o responsable do proxecto Nereida, Andreu Blanco, investigador do grupo Future Ocean Labs do CIM. Ambos subliñaron a importancia deste tipo de iniciativas “que unen a diferentes institucións e empresas cun obxectivo común e que nos permiten chegar á sociedade para favorecer o coñecemento oceánico ao tempo que damos visibilidade ao noso traballo como investigadores”, sinalou Daniel Rey. Nesta liña, Blanco engadiu a necesidade de “xerar un maior coñecemento sobre os sistemas acuáticos (mariños e fluviais) e de promover no alumnado a responsabilidade de coidalos”. 

Na súa intervención o responsable na UVigo da creación desta rede galega de escolas azuis explicou os requisitos da acreditación, presentou as posibilidades de financiamento dispoñibles e puxo á disposición dos centros escolares os recursos e o apoio que se lles ofrece desde o CIM para acompañalos no deseño destes proxectos educativos .

O resto de entidades colaboradoras tamén compartiron a súa contribución á rede. Por parte da Autoridade Portuaria de Vigo destacouse o potencial do Observatorio Submarino Nautilus como ferramenta de apoio á educación oceánica. Pola súa banda, Fundamar presentou as accións que desenvolven para promover o patrimonio marítimo-pesqueiro da zona. As empresas 13grados e North Wind expuxeron exemplos das actividades de sensibilización que realizan habitualmente en centros escolares, mentres que o Cetmar e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC puxeron sobre a mesa a posibilidade de organizar visitas, obradoiros formativos e colaboracións a través de instalacións como o centro de formación A Aixola.

Exemplos e creatividade desde as aulas

Na segunda parte da mañá, déronse a coñecer casos de éxito de centros xa acreditados como Escolas Azuis: o CEIP Ría de Vigo, CIP O Cruce, CIP Sabarís e o IES Lagoa de Antela.

A sesión da tarde dedicarase a un obradoiro participativo de choiva de ideas, no que docentes, investigadores e representantes das institucións colaboradoras traballarán conxuntamente para deseñar novos proxectos educativos arredor do mar e fomentar o networking.

O encontro pecharase cunha posta en común das propostas xurdidas nos grupos, que servirán de base para o futuro da Rede Galega de Escolas Azuis.