DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se acordou na sesión celebrada hoxe, na que se retirou o punto da orde do día

Centros e membros do Consello de goberno realizarán as súas achegas ás Medidas extraordinarias para a organización docente do vindeiro curso

Aprobada a celebración presencial de máis dunha ducia de exames finais da convocatoria de xullo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Saúde
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 02/06/2020

A aprobación das Medidas extraordinarias e urxentes para o desenvolvemento da organización docente do vindeiro curso 2020/2021 terá que agardar, previsiblemente ata a vindeira semana. O documento presentado hoxe polo equipo de goberno ao Consello para a súa aprobación, foi finalmente retirado da orde do día, logo dun debate, no que se acordou que as e os decanos e directores dos centros e as e os propios integrantes do órgano de goberno, que así o desexen, poidan realizar as achegas que consideren ao documento, que recolle as directrices sobre as modalidades de actividade docente, probas de avaliación, clases prácticas, guías docentes ou plans de formación do profesorado. No documento orixinal, sobre o que tanto o reitor, Manuel Reigosa, como o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, aseguraron que ten a intención de planificar a docencia e a avaliación cara ao vindeiro curso, e evitar o sucedido o pasado 14 de marzo cando se paralizou a actividade docente presencial, despois do debate celebrado hoxe, introducíronse varias modificacións, suxeridas na súa meirande parte polo voceiro do colectivo da oposición Ideas que suman, Emilio Fernández; así como por parte de directores de centros, representantes do alumnado e das e dos traballadores. As achegas ao documento recolleranse ata primeira hora da tarde do vindeiro luns 8 de xuño e serán debatidas nunha nova sesión de Consello de goberno, que podería celebrarse a finais da próxima semana e na que tamén se tratarán outros catro puntos da orde do día que non se abordaron na sesión de hoxe, que se celebrou de xeito virtual e presencial no Paraninfo, e que foi retransmitida en directo por UvigoTV para os membros da comunidade universitaria.

Na sesión celebrada hoxe e que comezou un amplo informe do reitor, o órgano de goberno deu luz verde á celebración de máis dunha ducia de exames finais da convocatoria de xullo de materias que se imparten nas facultades de Fisioterapia e Belas Artes e na Escola de Enxeñaría Forestal. Da vintena de propostas presentadas por centros dos tres campus finalmente só se aprobaron as remitidas por estes tres centros do campus de Pontevedra, ao considerase que eran as únicas que cumprían os requisitos esixidos en canto a número de estudantes ou imposibilidade de avaliar as materias sen celebrar unha proba presencial.

Na sesión deste martes, acordouse por asentimento o nomeamento de profesor emérito, a partir de setembro, do docente Antonio Vaamode Liste, do Departamento de Estatística e Investigación Operativa e as prórrogas dos xa eméritos María Victoria Carballo-Calero e Luis Fernando Romaní. Así mesmo, tamén se acordou aprobar a proposta de reorganización docente con bilingüismo equilibrado para garantir, a partir do ano lectivo 2020/21, a práctica do idioma galego a todo o alumnado do grao en Tradución e Interpretación. O novo deseño, que está pendente do pronunciamento da ACSUG, contempla unha oferta de 90 prazas na opción de inglés máis español e galego e 30 prazas para a de francés con español e galego. A aprobación da prórroga para o vindeiro curso das listas de agarda vixentes durante este curso de do  procedemento para a transformación dos contratos do profesorado axudante doutor a profesorado contratado doutor interno para o curso 20/21, foron outras cuestións ás que tamén se lle deron luz verde na sesión deste martes.

Retirada das medidas de organización docente na procura de máis achegas

Na súa exposición o vicerreitor de Ordenación Académica explicou que as Medidas extraordinarias e urxentes para o desenvolvemento da organización docente no vindeiro curso serían aplicables no curto prazo, centrándose nos eixos formativo, organizativo, infraestruturas e sanitario. En relación coa actividade docente, o documento do equipo de goberno contempla que, coa finalidade de garantir a saúde ou seguridade pública, a docencia presencial poderá verse modulada dado lugar a unha modalidade mixta ou substituída por modalidade non presencial. A docencia mixta activaríase por resolución reitoral cando as autoridades sanitarias esixan una distancia nas aulas (dous metros) de xeito que parte do alumnado (entre un 33 e un 50% dependendo das instrución, número de estudantes no curso e tamaño das aulas) permanecerán na clase e o resto seguirá as clases dun xeito preferentemente síncrono. Neste caso, a Reitoría debería prover unha solución que contemple o uso simultáneo das aulas físicas e virtuais con acceso síncrono ás presentacións para alumnado presente e ausente e os centros deberán establece as quendas para asistir a clase, que se comunicará a través dunha aplicación que a Reitoría porá a disposición dos centros. E cando peche sexa total, a actividade docente continuaría de xeito síncrono non presencial mediante Campus Remoto e a plataforma Faitic.

A exposición desta parte das medidas abriu a porta a un debate que evidenciou o desacordo que algunhas partes do documento xeraran entre os membros do Consello, que nalgúns casos chegaran a pedir a súa retirada. O voceiro de Ideas que suman, Emilio Fernández, foi o primeiro en demandar ao reitor unha negociación e retirar algúns puntos das medidas, como o referido á avaliación. “Está lexitimado para tomar decisións, pero hai que negociar e este plan non o negociou con ninguén”, dixo Fernández, que aproveitou a súa intervención para rexeitar o Plan Doing da Xunta e para demandarlle ao reitor unha defensa “con unllas e dentes da institución, porque non podemos perder neste estado de shock no que estamos o que moitas persoas conseguimos ao longo de moitos anos”. Pola súa banda, os directores das escolas de Enxeñaría Industrial e da E.S. de Enxeñaría Informática, tamén manifestaron o seu rexeitamento a algúns aspectos do documento e solicitaron a participación nel dos centros, mentres que a representante do PDI funcionario solicitou que o documento se trasladase a unha mesa de negociación sindical.

Manuel Reigosa agradeceu as intervencións dos membros do Consello e reiterou o seu compromiso coa defensa da universidade pública, aceptando a retirada do punto, previa introdución dalgunhas suxestións realizadas, como a eliminación do apartado referido á avaliación, así como que as e os responsables dos centros poidan organizar segundo as necesidades unha modalidade mixta máis flexible ou reflectir expresamente que non existe unha obriga de gravar as clases. Sobre este documento as e os responsables dos centros e membros do Consello que así o desexen poderán realizar as súas achegas ata o vindeiro luns, suxestións que poderán ser debatidas nunha nova sesión de Consello de goberno que se celebrará, previsiblemente, a finais da próxima semana.

Máis dunha ducia de exames presenciais

Cumprindo o acordado na anterior sesión de Consello de goberno na que se abriu a porta á posibilidade de que os centros puidesen realizar exames de segunda oportunidade, ou finais da convocatoria de xullo, de xeito presencial, na sesión de hoxe aprobáronse 14 solicitudes de exames de materias que se imparten nas facultades de Fisioterapia e Belas Artes e na Escola de Enxeñaría Forestal. En total, na  Vicerreitoría de Ordenación Académica recibíronse máis dunha vintena de peticións das escolas e facultades de Bioloxía, Dereito, Enfermaría de Pontevedra, Ciencias da Educación Física e do Deporte, Ciencias  Xurídicas e IESIDE, pero unicamente se consideraron xustificadas para proceder a súa aprobación as de Fisioterapia, Belas Artes e Forestais por “ser precisa a realización dos exames presenciais para a adquisición de habilidades manuais, no caso de Fisioterapia; polo baixo numero de estudantes, unha delas con necesidades especiais, en Forestais, e pola obriga de desenvolver prototipos téxtiles, en Belas Artes”, explicou Manuel Ramos.

Campus Integra, unha ferramenta para a bimodalidade

 Previo ao debate xerado polas Medidas extraordinarias e urxentes para o desenvolvemento da organización docente no vindeiro curso, o reitor no seu informe xa entrara en detalle a analizar os escenarios que se poden producir no vindeiro curso, asegurando que “imos intentar que o maior número de estudantes estean nas aulas, respectando as medidas sanitarias e coa coorganización dos centros”. Así, fronte a universidades como as madrileñas que desbotan o ensino 100% presencial, a UVigo, apostará, se as condicións sanitarias o permiten, pola docencia mixta ou bimodal apoiándose no Campus Integra, “un sumatorio da aula rea e o xemelgo virtual”, unha ferramenta desenvolvida a partir do Campus Remoto, que permitirá atender ao alumando na aula e na casa. “É un sistema escalable, que a día de hoxe abrangue 35 edificios, 2773 despachos e 1400 aulas, con salas que incorporan videoconferencia, gravación de contidos e un minimoodle adaptado para exames”, explicou Manuel Reigosa.

O reitor destacou o mínimo gasto dunha Aula integra básica, que inclúe un encerado electrónico, micrófono para o profesor, altofalantes e lapis dixital, materiais que a UVigo solicitará a Xunta que asuma. “Aspiramos que cos tres tipos de docencia que se poden producir ao longo do vindeiro curso sexamos áxiles para mudar dun ao outro, segundo as necesidades e a mudanza ten ida e volta. É moi doado se aceptamos esta ferramenta”, dixo o reitor. 

En relación coas medidas implementadas para facer fronte a COVID-19, Reigosa sinalou tamén, que desde a Vicerreitoría de Planificación se enviaron aos centros propostas de circulación nos edificios para telos preparados en setembro, ao tempo que lembrou, que para superar a fenda dixital enviáronse 400 Mifis e prestáronse 50 ordenadores, e para facer fronte aos problemas económicos sobrevidos, adoptouse a medida de non suspender dereitos do alumnado que non estivera ao día do pagamento de prazos de matrícula e púxose en marcha unha convocatoria nova de bolsas específicas por un importe de 150.000 euros, fundamentalmente para persoas nas que na familia houbese afectación de salarios por ERTEs e EREs. En canto ao uso de Faitic, o acceso acumulado do 8 de abril ao 21 de maio foi de máis de 2.800.000 (incremento con respecto do mesmo período do ano pasado do 98%), mentres que en Campus Remoto o total  de conexións desde a súa posta en servizo e ata 22 de maio foi: 47.643 docentes e 326.128 estudantes e 2066 gravacións.