O equipo, aberto a novas incorporacións, está formado por 17 estudantes de distintos ámbitos
CES UVigo volve poñer rumbo á competición co trimarán solar Boeiro I
Este curso contan cunha maqueta a escala que facilita a realización de probas
Volver á competición, poñer a punto o Boeiro I e seguir facendo medrar o equipo. Estes son os tres retos cos que a asociación de estudantes CES UVigo afronta o novo curso, despois dun período no que centrou boa parte dos seus esforzos no traballo interno e, especialmente, no desenvolvemento dunha maqueta a escala do seu trimarán solar, o Boeiro I, unha embarcación de seis metros de eslora deseñada e construída polo propio equipo.
CES UVigo naceu en 2021 como unha asociación estudantil dedicada ao deseño e construción de embarcacións propulsadas por enerxía solar. Dous anos despois presentaron o Boeiro I e en 2024 chegou un dos grandes fitos da súa traxectoria: a participación no Monaco Energy Boat Challenge, converténdose así no primeiro equipo español en competir na categoría Solar.
Posta a punto: nova distribución de placas solares e máis novidades
Agora, a asociación prepara o regreso ao circuíto competitivo cunha embarcación renovada e cunha formación que segue incorporando novos membros. Por diante quedan semanas nas que valorar as diferentes posibilidades antes de decidir onde e cando volverán competir. O calendario e, sobre todo, o orzamento son dous dos factores que condicionarán a elección.
Mentres tanto, o Boeiro I agarda xa por unha nova posta a punto. O trimarán será sometido a diferentes modificacións, entre elas unha nova distribución das placas solares e novos sistemas para os foils, melloras destinadas a preparar a embarcación para a seguinte fase do proxecto, á que o equipo chegará con todo o aprendido durante os últimos anos.
Probar e experimentar sen ter que desprazar o barco
O curso pasado o equipo centrouse na construción dunha maqueta a escala do Boeiro I, coa intención de poder realizar probas e experimentar co comportamento da embarcación sen asumir todo o traballo e os recursos que implica mover e poñer na auga o trimarán real.
A maqueta converteuse así nunha ferramenta de experimentación e aprendizaxe para os integrantes de CES UVigo e nunha forma de avanzar no desenvolvemento do proxecto antes de trasladar novas solucións á embarcación.
Agora, o foco regresa ao Boeiro I. A nova distribución das placas solares, os sistemas dos foils e outras melloras que o equipo aínda prefire manter en segredo forman parte dos traballos previos ao regreso á competición.
17 integrantes e porta aberta a novas incorporacións
CES UVigo conta actualmente con 17 integrantes, procedentes de diferentes escolas e ámbitos da UVigo. A maior parte pertence ás escolas de Enxeñería Industrial e Enxeñaría de Telecomunicación, pero o equipo tamén inclúe estudantes doutras titulacións, así como alumnado de máster e mesmo antigos estudantes que, unha vez rematada a carreira, decidiron continuar vinculados ao proxecto.
A asociación mantén aberta a porta a novas incorporacións ao longo de todo o ano. Hai períodos nos que intensifica a procura de novos integrantes para poder organizar entrevistas e coñecer mellor as persoas interesadas, pero calquera estudante pode achegarse ao proxecto en calquera momento. “O único que pedimos son dúas cousas: ganas de traballar e bo rollo”, explican desde a asociación.
Na actualidade, a dirección do equipo está integrada por cinco persoas: presidencia, vicepresidencia, tesourería, secretaría e dirección técnica. Todas participan activamente nos diferentes departamentos, mentres que a dirección técnica se encarga, ademais, de coñecer o traballo que se realiza en cada área e de facilitar a comunicación, tanto entre os diferentes departamentos como coa coordinación.
