DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na exposición ‘Cultivar incertezas’, que abriu este xoves as súas portas ao público

O CGAC conmemora o 30 aniversario de Belas Artes reunindo 30 artistas formados na facultade

A mostra completarase cun programa de mesas de debate, coloquios seminarios e encontros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Pontevedra 18/02/2021

30 artistas de diferentes xeracións, cuxo nexo de unión é o seu paso polas aulas da Facultade de Belas Artes, reúnense na exposición Cultivar incertezas. Reformular o espazo / Conmocionar a mirada, coa que o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) rende homenaxe aos 30 anos de traxectoria do centro do campus pontevedrés. A exposición, coa que o museo xestionado pola Xunta de Galicia reabre as súas portas, pretende amosar unha “selección significativa de traballos plásticos realizados polo alumnado que pasou polas súas aulas” e verase complementada por un programa de actividades que abrangue un ciclo de mesas de debate, seminarios, conferencias e encontros con artistas, así como polo espazo Aula Aberta. 

A exposición, que poderá visitarse ata o 23 de maio, foi presentada este xoves nunha rolda de prensa virtual polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o director do CGAC, Santiago Olmo e o comisario da mostra, Ángel Cerviño. Como sinalou Lorenzo, tanto Habitar incertezas como o programa de actividades que a completa buscan abordar “a transformación do sistema da arte en Galicia desde a perspectiva do impacto que supón a creación da Facultade de Belas Artes en Pontevedra como foco de ensino e formación artística na década de 1990, que foi clave para a expansión da arte na comunidade”. 

Dos inicios ao presente

Con esa idea, a exposición detense na década na que, ademais da facultade, nace tamén o propio CGAC, en Santiago de Compostela, e presenta obras de artistas que formaron parte das primeiras promocións do centro xunto con pezas de recente creación de artistas que “se atopan finalizando na actualidade a súa etapa formativa”, co obxectivo de cubrir “o arco temporal das diferentes promocións”. Cada artista, como informou a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, está representado por unha obra ou un conxunto de pezas “de especial relevancia dentro da súa traxectoria”, na súa gran maioría obras adquiridas por museos, institucións e coleccións privadas, moitas delas pertencentes, de feito, á propia colección do CGAC. 

A selección de artistas e estudantes que se reúnen nesta exposición está conformada por Erik Balbuena, Vicente Blanco, Teresa Búa, Mónica Cabo, Rosendo Cid, Salvador Cidrás, Marcos Covelo, Victoria Diehl, Manuel Eirís, Suso Fandiño, Almudena Fernández Fariña, David Fidalgo Omil, Basilisa Fiestras, Amaya González Reyes, Julia Huete, Marta Lorenzo, Rut Massó, Manuel Mata, Nano 4814, Álvaro Negro, Doa Ocampo, Kiko Pérez, Jorge Perianes, Mar Ramón, Rubén Ramos Balsa, Juan Rivas, Borja Santomé, Sandra Varela, Mar Vicente e Verónica Vicente.

Actividades complementarias

En paralelo á exposición, deseñouse un “extenso programa de actividades, co obxecto de debater e situar nun contexto histórico a importancia da irrupción da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e a consecutiva inauguración do CGAC, no sistema artístico galego e estatal”, coordinado polos investigadores Natalia Poncela e Miguel Anxo Rodríguez. Este programa, “o máis afectado” polas limitacións ás que obriga a covid-19, como destacou Cerviño nesta presentación, abrangue mesas redondas, seminarios, conferencias, encontros con artistas, críticos, galeristas, coleccionistas e axentes culturais.

Concretamente, proxéctase o desenvolvemento de tres mesas que abordarán “cuestións relativas á práctica docente en Belas Artes, partindo da experiencia acumulada de artistas-profesores, para intentar propiciar unha análise que parte da experiencia destes últimos anos na facultade pontevedresa e que formule cuestións que afectan ao futuro destes estudos”, destacaron desde o CGAC. 

Aula Aberta

A estas propostas sumaranse as diferentes actividades do espazo Aula Aberta, acondicionado para tal fin nas salas do CGAC e nos espazos docentes da facultade. Esta Aula Aberta reúne así mesmo distintos materiais sobre a facultade o seu profesorado e alumnado, co propósito de dar visibilidade “as prácticas artísticas e á investigación que se producen dentro da Universidade”, a través da divulgación do labor dos grupos de investigación, unha antoloxía de traballos de fin de grao ou unha relación dos ciclos expositivos organizados con alumnado e profesorado.

Esta reflexión en torno aos 30 anos de traxectoria de Belas Artes completarase así mesmo coa edición tanto do catálogo da exposición como cunha segunda publicación “cuxa función será documentar e proporcionar o rexistro impreso das achegas e propostas xurdidas dos debates, encontros e actividades realizados no transcurso da exposición”.