DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición ‘Pisando Charcos’ reúne máis de 40 obras desta profesora de Belas Artes 

O CGAC propón un percorrido pola traxectoria artística de Almudena Fernández Fariña

Comisariada pola tamén docente da facultade Susana Cendán

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 02/06/2023

“Para min, o CGAC non é un espazo máis. É xunto á Facultade de Belas Artes a institución máis importante na mina formación”, sinala a artista e profesora da Universidade de Vigo Almudena Fernández Fariña do espazo museístico no que este venres inaugura Pisando charcos, unha exposición que propón un percorrido pola súa traxectoria reunindo preto de 45 obras realizadas ao longo das últimas tres décadas. Comisariada pola tamén docente da facultade pontevedresa Susana Cendán, a mostra enmárcase no “programa anual de revisión de artistas galegos de media carreira” do Centro Galego de Arte Contemporánea e formúlase como “un conxunto de diálogos”, como sinala Cendán. Por unha banda, aqueles que a artista articula entre a pintura e outras disciplinas, como a fotografía, a cerámica, o bordado ou a ensamblaxe; e, por outra, o diálogo “con outros artistas cos que comparte afinidades formais, intelectuais e estáticas”.

“Ter unha exposición nun espazo de referencia da arte contemporánea galega e internacional supón un recoñecemento coma artista, pero tamén síntoa como unha declaración de apoio ao contexto da arte galega, concretamente ás artistas galegas, porque todas sabemos que para nós non é doado expoñer nesas institucións que de verdade lexitiman as traxectorias profesionais”, sinala Fernández Fariña, que este mediodía presentaba a exposición xunto a Cendán; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e o director do CGAC, Santiago Olmo. Ata o 10 de setembro poderá visitarse en Santiago unha mostra que, como destaca Cendán, busca tamén reivindicar “unha artista multidisciplinar, que está buscando constantemente novas formas de expresión” e que permite tamén “pór en valor a facultade”, da que Fernández Fariña foi alumna, así como a súa “dobre condición de artista e investigadora, que condicionou a súa traxectoria”.

Un percorrido articulado en torno ao pensamento

“Revisar a propia produción é un exercicio de autoanálise crítico imprescindible para avanzar”, recoñece Fernández Fariña, que lembra a “mestura de sorpresa e estrañeza” que lle supuxo abrir as caixas de obras “que levaban décadas embaladas”. Non en van, en Pisando charcos reúne tanto as súas obras máis recentes como outras que naceron cando aínda era estudante. “Esa mirada retrospectiva axudoume a comprender e ordenar o meu desenvolvemento coma artista”, engade a tamén directora do Departamento de Pintura da UVigo e integrante do grupo de investigación dx5, do que tamén forma parte Cendán. Nese senso, a proposta de Cendán de “facer unha relectura actualizada” da súa produción artística permitiu a Fernández Fariña observar na súa propia obra “un percorrido máis marcado polo desenvolvemento teórico que por unha evolución formal”, no que a súa produción fose articulando “desde o pensamento” e non desde unha busca dunha “coherencia formal ou estilística”.

Nese senso, Cendán pon o foco en como esta mostra permite pór o foco na concepción que esta artista ten da pintura “como unha práctica en permanente definición”, como un “xénero permeable que se expande máis aló do marco”, o que levouna, engade, a “pisar charcos”, idea que dá titulo á mostra, na que se formula “como unha condición necesaria para seguir avanzando”. De aí que nesta exposición a pintura dialogue coa cerámica, o bordado, a fotografía ou as intervencións de obxectos. “A creación e investigación no eido da pintura atravesa e vertebra toda a miña traxectoria, pero é certo que dende o comezo a pintura desenvolveuse xunto a procesos paralelos que amplían as pesquisas dende outras técnicas ou formalizacións”, recoñece Fernández Fariña, que sinala á súa vez como o traballo realizado pola comisaria permitiulle tamén observar “intereses e inquedanzas” presentes ao longo de toda a súa traxectoria,, como “a escrita, as tramas ornamentais e o feminismo e a vontade expresiva da pintura”. 

Un diálogo co espazo e con outros artistas

Pisando charcos articúlase en apartados como Tramas e escrituras, no que se propón un percorrido que parte dos seus primeiros traballos, algúns deles inéditos, e que se caracteriza, como sinala Cendán, “pola experimentación con soportes e disciplinas de moi diversa índole” e que ten na “plasticidade da escritura” o seu fío condutor. Un dos proxectos incluídos neste bloque serve á súa vez para entaboar un diálogo cunha obra do artista catalán Joan Hernández, mentres que unha peza a alemá Rosemarie Trockel, cedida polo Reina Sofía, insírese no apartado Tecidos, que afonda na “transformación formal e conceptual” que viviu a obra de Fernández Fariña a partir de 2001, cando a súa creación “deixa de organizarse en torno á palabra para anoarse no espazo pictórico”, como salienta Cendán. Á súa vez, outra das seccións, Alicia, recóllense unha serie de pinturas que permiten observar esa transición entre estas dúas etapas.

Signos e ornamentos, con obras realizadas entre 2014 e 2022, pon o foco na “reivindicación” que Fernández Fariña realiza “do decorativo, un concepto infravalorado na historia da arte pola súa vinculación co feminino” a través dunha serie de obras que dialogan cunha pintura de Patricia Gadea. Por outro lado, unha peza de Guillermo de Mora completa o apartado Procesos paralelos, centrada nas súas series máis recentes nas que, como sinala Cendán, “o narrativo pasa a un segundo plano” e a pintura “interroga os pigmentos, o bastidor ou os propios pinceis”.

A mostra complétase co espazo dedicado a Pintura Site, que fai balance, a través dunha peza audiovisual, das intervencións en espazos expositivos que Fernández Fariña realizou entre 2002 e 2016, “unha parte transcendental da súa traxectoria”, como destaca Cendán. “As pinturas site son proxectadas para contextos específicos nos que o espazo deixa de ser un mero contedor no que colgar un cadro, incorporándose á pintura como elemento plástico, estético e discursivo”, engade Fernández Fariña.

Nese senso, Pisando charcos verase complementada en xullo cunha nova obra que parte desa mesma idea, Flor de acanto, a intervención realizará en xullo no vestíbulo do CGAC e na que articula un diálogo entre a arquitectura deste edificio, deseñado polo arquitecto Álvaro Siza, e o contiguo mosteiro barroco de San Domingos de Bonaval, tomando como punto de partida unha folla de acanto esculpida na súa fachada.