DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No edificio Redeiras coa participación de poñentes de distintos organismos

Chamada ao alumnado da UVigo a participar este venres nunhas xornadas sobre representación estudantil

A iniciativa busca achegar os órganos de representación e fomentar o relevo xeracional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 26/03/2026

Achegar os órganos de representación estudantil ao conxunto do alumnado da UVigo de cara a incrementar a súa implicación na vida universitaria e a facilitar o necesario relevo xeracional. O Consello do Estudantado da Universidade de Vigo, Ceuvi, fai unha chamada ao alumnado vigués a participar mañá venres pola tarde no edificio Redeiras nunhas xornadas informativas abertas sobre a representación estudantil.

A sesión comezará ás 16.00 horas coa presentación das xornadas a cargo de Iago Meis Solla, coordinador do campus de Vigo, e, de seguido, Sandra Martínez, delegada da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, abordará que é a representación estudantil e cales son os dereitos do alumnado neste ámbito.

Poñentes das principais asociacións nacionais

Baixo o título O trampolín que eleva a túa voz, o bloque central da xornada contará coa participación de representantes de diferentes organismos estudantís. Intervirán Ainhoa García, da CREUP, Coordinadora de Representantes de Estudiantes de las Universidades Públicas, entidades formada polos consellos de estudantes ou delegacións de 37 universidades públicas; Andrés Couso, presidente do Consello do Estudantado da Universidade de Santiago de Compostela, en relación co Ceune, Consejo de Estudiantes Universitario del Estado, o máximo órgano de representación do estudantado universitario español; Pablo Rodríguez, presidente do Consello de Estudantado da Universidade da Coruña, sobre o Ceugal, Consello do Estudantado Galego; e Alfonso Castro Rodríguez, ex presidente da Aerraaiti, Asociación Estatal de Representantes de Alumnos de Enxeñarías do Ámbito Industrial, quen falará das sectoriais. Ademais, está prevista tamén unha intervención sobre a universidade europea Athena.

O programa complétase con outras sesións dedicadas aos beneficios da representación estudantil e aos regulamentos da universidade. Pola súa banda, Juan Santos Grandal, presidente do CEUVI, encargarase de explicar os procesos de xestión e tramitación de queixas.

Tras a xuntanza, arredor das 19.00 h., terá lugar a asemblea do campus de Vigo do Consello de Estudantes.