DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inserido nun proxecto de innovación docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Un ciclo de conferencias achega os ODS a diferentes áreas curriculares

Abriuse cun relatorio sobre océanos e cambio global da investigadora Beatriz Mouriño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Pontevedra 08/10/2021

Contribuír á consecución da Axenda 2030 desde a escola é un dos propósitos centrais dun proxecto de innovación docente que, ao longo deste ano, desenvolven 12 profesoras e profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Baixo a coordinación de Mercedes Varela, Abordaxe dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: contribucións dende as diferentes áreas curriculares engloba diferentes iniciativas dirixidas a vincular os 17 ODS da Axenda 2030 de Nacións Unidas coa formación do alumnado en diferentes curriculares. Ese é o caso do ciclo de conferencias que nesta xornada arrancou nesta facultade pondo o fondo nos efectos do cambio ambiental global nos océanos, da man da investigadora do Grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM-UVigo Beatriz Mouriño.

“O profesorado en formación sempre é unha peza clave, que pode axudar na concienciación da cidadanía ante a crise socioambiental que vive o planeta”, salienta Varela, coordinadora dun ciclo integrado por catro conferencias, que se desenvolverán ao longo deste mes de outubro de xeito presencial e virtual. Co propósito de contribuír á abordaxe dos ODS en diferentes ámbitos, este ciclo engloba catro relatorios organizados por profesoras de diferentes áreas, que permiten afondar en varios destes obxectivos a través de actividades abertas a todo o alumnado e vinculadas á súa vez ao traballo que se desenvolve en diferentes materias. Neste punto, Varela pon de relevo a importancia deste “enfoque interdisciplinar”, que permite “non traballar unicamente os contidos, senón tamén o pensamento crítico”, dado o papel que o alumnado pode xogar neste eido, “non só porque van traballar nun centro formativo” o día de mañá, senón tamén “porque son persoas que comezan a tomar decisións, tanto no ámbito privado como profesional, e ás que temos que concienciar para que teñan en conta que é necesario cambiar a nosa forma de vida, produción, consumo e relación coa natureza”.

Océanos e cambio global

Organizada pola profesora Marta Pérez, a primeira destas conferencias tivo como título Fertilización, océano e cambio global e nela a profesora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Beatriz Mouriño buscou trasladar ao alumnado a idea de que “os problemas ambientais aos que nos enfrontamos na actualidade van moito máis do clima”. Nese senso, esta investigadora abordou o papel esencial que xoga o nitróxeno na biosfera, “un elemento imprescindible para o crecemento das plantas en ecosistemas terrestres e acuáticos”, así como a relevancia medioambiental de praderías mariñas e das algas microscópicas, que alimentan as cadeas alimenticias e retiran dióxido de carbono da atmosfera a través da fotosíntese. No referido ao nitróxeno, Mouriño explicou que, a pesares de existir en grandes cantidades na atmosfera, “unicamente uns poucos microorganismos especializados son capaces de utilizalo”. De aí que “ata hai pouco” se considerase que a incorporación de nitróxeno molecular ao océano constituía un “proceso de pouca importancia e restrinxido ás capas superficiais de rexións tropicais”. Non obstante, investigacións como as desenvolvidas polo Grupo de Oceanografía Biolóxica permitiron nos últimos anos “demostrar a presenza e actividade de organismos capaces de incorporar nitróxeno molecular en latitudes temperadas e frías, detectándose mesmo nas rías galegas”. Nese senso, esta conferencia dirixida a abordar os ODS 13 e 14, relativos a acción polo clima e a vida submarina, permitiu pór o foco noutros efectos do cambio ambiental global, como a posibilidade de que estes microorganismos “poidan ver aumentada a súa relevancia no futuro”, por mor do quentamento dos océanos.

Tres citas por diante

Este ciclo continuará o luns 18 de outubro cun relatorio virtual, Mulleres invisibles para a medicina?, da experta en medicina con perspectiva de xénero Carme Valls-Llovet. Organizada pola profesora María Lorenzo, permitirá abordar os ODS 3 e 5, referidos a saúde e benestar e igualdade de xénero. Coa data aínda por concretar, os obxectivos 12 e 15, centrados na produción e consumos sustentables e na vida e ecosistemas terrestres, serán o eixo do relatorio, tamén virtual, na que a profesora da Universidade de Sevilla Fátima Rodríguez proporá un achegamento ao horto ecolóxico desde a perspectiva do decrecemento. Organizada por Varela, no marco da formación en Didáctica das Ciencias Experimentais, esta actividade parte dunha experiencia de traballo na aula, centrada nos nutrientes que necesita a terra, para pór de relevo, “que temos unha serie de recursos que son finitos e que temos que utilizar de forma responsable”, sinala.

Por último, o 22 de outubro, o ciclo pecharase co relatorio Ficcións dixitais nun mundo líquido: Novos xeitos de ler e comprender, que impartirá na facultade o investigador especializado en literatura infantil e xuvenil Lucas Ramada. Organizada pola profesora Eulalia Agrelo e ligada á formación en didáctica da lingua e literatura infantil, esta actividade achegarase ao ODS 4, a educación de calidade.