DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola sección española do Institute of Electrical and Electronics Engineers e a ESEI

Un ciclo de conferencias achégase ás tecnoloxías máis novidosas en informática

As sesións poden seguirse a través do Campus Remoto da UVigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 24/05/2021

Nos seus múltiples campos de aplicación, a informática está en permanente desenvolvemento e avance. Por este motivo, a actualización do alumnado e das e dos profesionais deste eido supón un reto e tamén unha necesidade. Co obxectivo de contribuír a esa formación, a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) acolle, a través do Campus Remoto da UVigo, a celebración dun ciclo de conferencias sobre tecnoloxías novidosas en informática, organizado pola sección de informática en España do Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) coa colaboración da citada escola do campus de Ourense.  

A idea deste ciclo de conferencias “é dar a coñecer as últimas tecnoloxías que se están aplicando en informática en España”, tal e como explica Manuel Pérez Cota, catedrático da Universidade Vigo en Linguaxes e Sistemas Informáticos e vicepresidente da entidade organizadora, o IEEE-Computer Section (Spain Section Chapter, C16). Cunha sesión mensual exceptuando o período estival, este ciclo, sinala, pretende abordar, nalgúns casos cunha perspectiva máis divulgativa e noutros casos cunha perspectiva máis técnica, “temas que están moi ao día no eido da informática”.

As conferencias están abertas ás persoas interesadas en cada un dos temas abordados, aínda que están especialmente pensadas para membros das entidades organizadoras e alumnado de diferentes titulacións da Universidade de Vigo, como poden ser estudantes das escolas de Enxeñaría Informática, Minas e Enerxía eTelecomunicación, segundo a temática de cada caso. O obxectivo da iniciativa, indican os seus responsables, é que este ciclo poida contribuír á actualización en coñecementos das e dos asistentes e achegalos a novas áreas nas que poidan desenvolver a súa traxectoria ou proxectos.

Unha conferencia mensual

Este luns 24 de maio, ás 18.30 h, celébrase unha destas conferencias, titulada Informática aplicada á seguridade e control de explosivos e ofrecida por Jesús Salvador Cano Carrillo. Enxeñeiro superior en Informática, Máster en Redes e Comunicacións e doutor enxeñeiro industrial, este experto leva máis de 20 anos traballando en tecnoloxías da información e é capitán da Garda Civil cunha ampla experiencia en xestión de sistemas de seguridade e control de explosivos. Actualmente é o xefe de Informática do Tribunal Constitucional e o presidente de IEEE-Computer Society no seu Capítulo Español, entre outros méritos. “Será unha conferencia moi técnica pero moi interesante para que os informáticos e a xente de enxeñaría de Minas e Enerxía, por exemplo, poida coñecer como se fan os sistemas de seguridade de explosivos controlados por computador e como se deseñou o software que xestiona o control de explosivos en España”, comenta Manuel Pérez Cota.

A sesión deste luns será a segunda que se realice, xa que o ciclo arrancou o pasado 26 de abril cunha conferencia titulada Informática industrial, retos futuros, ofrecida polo profesor doutor Miguel Ramón González-Castro. Enxeñeiro en Informática pola UNED e enxeñeiro en Telecomunicacións pola Universidade de Vigo, este experto é responsable de Informática Industrial en Ence e profesor asociado do Departamento de Informática da Uvigo e na súa intervención abordou a óptica da industria sobre temas como a ciberseguridade, o almacenamento de grandes volumes de datos, a virtualización, a internet industrial das cousas ou a robótica. As seguintes conferencias previstas neste ciclo van a centrarse en temas como a ciberseguridade, o deseño de software complexo con novos tipos de ferramentas e a educación en Informática.