Celebrarase cada xoves de outubro na Facultade de Educación e Traballo Social
O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil abordará o potencial dos contos para esconxurar os medos
Participarán as e dos escritores Paula Carballeira, Xosé Miranda, Ramón D. Veiga e Fina Casalderrey
Medo me dá! Ler para esconxurar as sombras. Este é o lema dunha nova edición Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil que este mes de outubro acollerá a Facultade de Educación e Traballo Social. Ao longo de catro sesións, as e os escritores Paula Carballeira, Xosé Miranda, Ramón D. Veiga e Fina Casalderrey falarán no campus de Ourense da literatura como ferramenta para, desde o humor, axudar a nenas e nenos a afrontar os medos, as inseguridades e as incertezas da vida.
A actividade está organiza polas profesoras do centro Isabel Mociño, Carla Míguez, María Cerdeira e María Vázquez. Conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense e do Campus Auga (proxecto de especialización financiado pola Xunta de Galicia); da Facultade de Educación e Traballo Social e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua, colaborando esta última ao abeiro do convenio que ten coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
O ciclo mantén o seu obxectivo inicial de ofrecer unha actividade formativa que complemente o currículo formativo das futuras mestras e mestres que se forman na Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, propiciando o seu contacto directo con creadoras e creadores en lingua galega. As sesións celebraranse cada xoves do mes de outubro, sempre ás 18.00 h, na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro. A inscrición é de balde e está en trámite o recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección. Aínda que especialmente pensada para o alumnado dos graos de Educación Infantil e de Educación Primaria que se imparten no campus, a iniciativa está tamén aberta a outros colectivos e públicos que poidan estar interesados, como poden ser mestras e metres en activo.
Unha reflexión crítica
A programación arranca este xoves día 8 coa inauguración oficial e coa conferencia da escritora, narradora e actriz Paula Carballeira Contar os medos. Seguiralle o día 15 o escritor lucense Xosé Miranda cunha intervención titulada O fantástico e o arrepiante. Xa o 22 será a quenda do filólogo e escritor Ramón D. Veiga, que falará de O sorriso detrás do medo: monstros que fan cóxegas. Pechará esta edición 2026 do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil, o 29 de outubro, a escritora e profesora Fina Casalderrey, que ofrecerá unha conferencia titulada A xoaniña que bebeu na folla.
Ao longo do ciclo, explican as súas responsables, a idea é traballar o medo da man destas e destes autores, abranguendo desde a perspectiva oral ata a literatura máis actual. “Queremos provocar unha reflexión crítica do que implica a lectura de obras onde se traballa co suspense, coa incerteza... pensando sobre todo no público infantil actual, ao que ás veces queremos hiperprotexer, incluso censurando obras que consideramos que lles poden crear ansiedade, inseguridade, medo... cando realmente así o que estamos conseguindo é desprotexelo”, sinala Isabel Mociño. Fronte a esta situación, a literatura, lembra a docente, “si ten esa función de axudarnos a enfrontármonos aos nosos propios medos, incertezas, inseguridades... e iso ás veces faise moi ben a través do humor, que é unha forma moi boa de esconxurar os medos”.
