Centos de persoas gozaron en Vigo, Ourense e Pontevedra de decenas de actividades
A ciencia ilumina a Noite Galega das Persoas Investigadoras
Coordinada pola UVigo, a G-Night volveu achegar o labor científico e tecnolóxico á cidadanía
Miles de pequenas caras con xesto de asombro sucedéronse hoxe no transcurso do máis dun cento de actividades de divulgación científica e tecnolóxica celebradas co gallo da Noite Galega das Persoas Investigadoras nas rúas, parques, bares e museos de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo. Coordinada pola Universidade de Vigo, a G-Night volveu sacar hoxe a ciencia dos laboratorios e das aulas achegándoa a nenas e nenos e persoas adultas que, baixo o lema Conciencias creativas, sumáronse nas principais cidades galegas á Noite Europea das Persoas Investigadoras, un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea, que se desenvolve simultaneamente en case 400 cidades europeas dende 2005.
O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, foi o encargado esta tarde na sede que a institución ten no centro da cidade de Vigo de expresar a súa satisfacción polo traballo que desenvolve o persoal investigador da universidade viguesa, “amosando cada día que estamos enormemente activos en investigación e contribuíndo ao progreso”. O reitor manifestou o seu desexo de que nenas e nenos que participaron hoxe nas actividades da G-Night atopasen unha vocación, que “dentro de 20 anos vos leve a lembrar que estivestes aquí e entón sexades vós os que expliquedes as investigacións que estades realizando”, un traballo, que segundo Reigosa, a sociedade precisa para ser mellor e que “alumea o camiño”.
En representación do Concello de Vigo, a tenente de alcalde e responsable das áreas de Tecnoloxía e Emprego e tamén docente da UVigo, Ana Mejías, deulle os parabéns á UVigo “polo importante traballo que desenvolver para a cidade” e agradeceu o traballo das e dos científicos e tecnólogos que amosan a importancia da ciencia e tecnoloxía para o futuro, o benestar e sostibiidade do planeta. Pola súa banda, a vicerreitora da Investigación da UVigo, Belén Rubio, destacou a importancia do evento “para que saibades que se fai na nosa universidade” e animou ás e aos asistentes a gozar co contido de todos os postos nos que científicos e científicas dos centros de investigación da UVigo (atlanTTic, CIM, Cintecx, etc..) amosaron o seu traballo.
Experimentos, charlas, danza e música no Berbés
O edificio Redeiras, na praza do Berbés, foi o epicentro un ano máis da G-Night en Vigo, cunha gran feira científica, integrada por unha vintena de postos, nos que as persoas asistentes participaron dunha morea de actividades que lles permitiron, da man de investigadores e investigadoras da UVigo e través de amenos experimentos, achegarse ao universo, aos materiais, a acuicultura, a intelixencia artificial, monitorización de aves mariñas, o tratamento das augas, agroecoloxía, comunicacións dixitais, nanopartículas plasmónicas ou ciencia económica.
En paralelo á feira científica durante toda a tarde desenvolvéronse actividades como o espectáculo de danza, A conectividade que nos move, no que a través do baile contemporáneo, o grupo Future Oceans Lab do CIM, amosou os mecanismos que sosteñen a conectividade ecolóxica e os desafíos aos que se enfronta por causa da intervención humana. Pola súa banda, o docente e investigador Gianluca Marino (Geoma-CIM) ofreceu unha charla titulada Como se vía o planeta durante as idades do xeo e o docente Jorge Vila Biglieri (Departamento de Economía Financeira de Contabilidade) impartiu o obradoiro En busca da felicidade financeira e a xubilación anticipada. Poden as matemáticas predicir unha epidemia en plantas? a cargo de Carlos Meniño e Noelia Bazarra (CIM); Son os insectos a alimentación do futuro? por Nuno Muñoz (Grupo Biotecnia); E ti que sabes das Illas Atlánticas? con Andreu Blanco (CIM) e Que ten que ver Darwin co cancro? a cargo de David Posada (Cinbio), foron os relatorios que completaron o programa de actividades en Redeiras, que rematou cun concerto do dúo Pärbo Duet, formado por Anxo Pintos e Begoña Riobó.
As actividades da G-Night en Vigo completáronse este venres na biblioteca Neira Vilas coa charla científica Na procura da potencia perdida: a España solar que non foi con Ana Larrañaga, do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Enerxética (GTE), e Juan Jesús Rico, do Laboratory of Transport Processes da TU Dortmund e colaborador do GTE do Cintecx e no espazo anexo ao Marco, onde persoal investigador e técnico do Centro Oceanográfico de Vigo compartiu o seu traballo co público a través de talleres científicos.
Así mesmo, a Noite Galega das Persoas Investigadores tamén chegou ao mar cun paseo científico a bordo da embarcación Nautilius, organizado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), e no que as persoas asistentes descubriron a diversidade mariña do fondo da ría grazas ao robot que leva o barco.
Literatura, escritura antiga e ciencia en rúas e bares de Pontevedra e Ourense
A G-Night madrugou en Pontevedra, que con saída ás 10 da maña da igrexa de San Francisco, celebrouse un roteiro literario, coordinado pola docente do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo Ana Acuña. As e os participantes percorreron lugares da cidade que teñen algunha significación desde o punto de vista literario, ademais de poder familiarizarse con autores ou autoras de diferentes períodos. A escritora Fina Casalderrey foi a encargada de rematar o roteiro, salientando a relación da súa obra coa cidade. Tamén na capital pontevedresa a Misión Biolóxica de Galicia organizou un xogo de escapada co obxectivo é reflexionar sobre a perda de biodiversidade, o cambio global, a escaseza de auga, a saúde do solo e das sementes e da súa importancia para alimentar o mundo.
Mentres, en Ourense a Facultade de Historia acolleu obradoiros sobre linguas da antigüidade nos que as persoas participantes recrearon as escritas antigas da man do grupo de investigación GEAAT. Pola súa banda, o Café & Pop Torgal acolleu dúas charlas científicas: Aprendizaxe baseada en xogos e o colectivo transxénero, a cargo de Paula Rodríguez, do Departamento de Análises e Intervención Psicosociocioeducativa e A ciencia axuda a reducir a violencia de xénero, a cargo de María José Vázquez do Grupo de Psicoloxía Xurídica e da Saúde: convivencia e benestar e Jennifer Rodríguez, traballadora social.