DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto piloto de innovación docente, no que participarán máis de 300 alumnos

Ciencias da Educación e do Deporte implicará a estudantes de seis materias no deseño de recursos didácticos para os centros de ensino

Baseados no uso das novas tecnoloxías

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 18/07/2022

“No eido da formación inicial do profesorado, resulta fundamental realizar un cambio metodolóxico que lles permita aos futuros docentes unha aprendizaxe por competencias para adaptarse a unha sociedade en constante cambio”. Esta idea constitúe o punto de partida dun proxecto piloto de innovación docente que implicará a máis de 300 alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Dirixido, como recolle a súa memoria, a analizar a “viabilidade dunha nova planificación educativa” que vincule “o deseño do currículo nas distintas disciplinas”, o proxecto promoverá que seis materias dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria compartan unha metodoloxía de traballo, que leve aos alumnos e alumnas a incorporar “coñecementos de diferentes áreas” ao deseño de unidades didácticas que, na fase final do proxecto, deberán trasladar aos centros educativos.

Coordinada pola catedrática Margarita Pino, trátase dunha das iniciativas seleccionadas na convocatoria de proxectos pilotos de innovación docente en facultades e escolas da Universidade de Vigo. A proposta ten como punto de partida que seis materias compartan “unha metodoloxía interdisciplinar, que implica a unión de contidos de varias áreas para resolver un problema concreto”, como sinala esta docente, xa que, no seu futuro como profesoras e profesores, o alumnado destas dúas titulacións “vai ter que traballar de maneira interdisciplinar” nas súas aulas. Con esa idea, o proxecto propón que as e os participantes adquiran os coñecementos específicos de cada unha das materias participantes á vez que se forman no deseño e organización de proxectos educativos, nos que “o alumnado deberá incorporar coñecementos de diferentes áreas para o deseño de unidades didácticas” que, como explica Pino, estarán pensadas “para centros e aulas concretas”. 

Do marco xeral ás didácticas específicas

Xunto á coordinadora, as profesoras Eulalia Agrelo, Myriam Alvariñas, Helena Vila, Lucía Lomba e Sara Domínguez participan nun proxecto que abrangue por unha banda a abordaxe xeral da metodoloxía, na materia Deseño e desenvolvemento do currículum, que imparte Pino, para logo promover a súa aplicación ligada a diferentes didácticas específicas, centradas na educación física, a lingua e literatura ou a música. Deste xeito, aínda que en cada materia se aborden uns contidos específicos, “todos estarán interrelacionados coa metodoloxía”, promovendo un “traballo interdisicplinar entre estas” que, como recolle a memoria, busca “converter o proceso de ensino nunha aprendizaxe funcional”, que amose aos futuros e futuras docentes “como son capaces de aplicar todas esas competencias para resolver os problemas que se lles presenten na aula”, salienta Pino. 

Aposta polas novas tecnoloxías

Para levar a cabo esta iniciativa, as súas responsables avogarán por “diferentes estratexias didácticas”, como a gamificación ou a aula invertida, así como polo uso das novas tecnoloxías e as contornas virtuais de aprendizaxe. “Neste momento é unha das cuestións que máis motiva o alumnado, e non só a súa utilización, senón tamén o espírito crítico para a toma de decisións sobre cando e como utilizalas”, salienta Pino. Deste xeito, formar o futuro profesorado respecto de como utilizar con fins educativos “unha tecnoloxía que está no seu día a día” será outro dos eixos deste proxecto, que comprende tamén a elaboración de recursos didácticos de acceso libre para mestres e mestras.

Por outra banda, na fase final do proxecto, a finais do vindeiro curso, está prevista a organización dunhas xornadas nas que o alumnado poidas presentar a profesorado de diferentes centros de ensino as unidades didácticas e deseños de actividades que desenvolveron ao longo do proxecto.