DUVI

Diario da Universidade de Vigo

 Aberto ao público, ‘Fálame do teu’ terá lugar este venres 19 ás 12.00 horas 

Ciencias Sociais e da Comunicación reúne nun coloquio a sete dos principais creativos publicitarios de España

Entre os que se atopa a directora creativa de Facebook Spain 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 16/11/2021

Traballaron para algunhas das principais axencias publicitarias, como Ogilvy, McCann Erickson,  Lowe ou Leo Burnett, deseñaron campañas para multinacionais de telefonía, automóbiles, electrodomésticos, alimentación..., e foron premiados en festivais publicitarios como Cannes Lions, El Sol, ou CdeC. “Sete publicistas de gran prestixio nacional e internacional”, como destacan desde a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, reúnense en Fálame do teu, un coloquio sobre creatividade publicitaria que se desenvolverá este venres a partir das 12.00 horas neste centro do campus pontevedrés. Aberto ao público ata completar aforo, neste encontro interveñen a directora creativa de Facebook Spain, Pepa Rojo; o director da axencia Dimensión e ex-presidente do Club de Creativos, Guillermo Viglione; o director de Creatividade Galega, Julián Abad; o creativo freelance Carlos Yuste; o director creativo de Verve, Santiago Romero; e José Luis Moro e Pablo Torreblanca, fundadores da axencia Pingüino & Torreblanca.

“Son, sen lugar a dúbidas, sete dos creativos publicitarios máis importantes que hai en España. Aválanlles os premios e ter traballado para as principais axencias e anunciantes”, salienta Paulino Pérez, vicedecano de Comunicación da facultade. Como explica, trátase dun grupo de profesionais “que adoitan reunirse un par de veces ao ano” e que, grazas á colaboración de Santiago Romero, desta volta levarán a cabo esta xuntanza en Pontevedra. Isto fixo posible que, co financiamento da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, a facultade poida impulsar este “diálogo entre creativos”, dirixido tanto ao alumnado, como a egresados, profesionais e a todo o público interesado. Nese senso, Fálame do teu, explica Pérez, será un coloquio “relativamente informal e distendido, pero sen perder de vista unha compoñente didáctica”, que se levará a cabo na planta baixa do centro, “para saírnos un pouco da rixidez das aulas”. De feito, trátase dunha conversa que non contará cun moderador ao uso e na que Romero encargarase de ir introducindo os diferentes temas dun coloquio no que haberá espazo para “pór en contexto o momento que está vivindo a publicidade" e para coñecer traballos e anécdotas deste grupo de profesionais, á vez que servirá tamén para “pór no mapa” da publicidade en España á cidade de Pontevedra, á facultade e ao Grao en Publicidade e Relacións Públicas.

Sete profesionais cun “currículo impresionante”

“Aínda que non están todos os que son, si son todos os que están”, sinala Pérez da relevancia no sector de sete profesionais cun “currículo impresionante”. Así, entre os protagonistas deste coloquio atópase Pepa Rojo, directora creativa de Facebook en España, quen se encarga de traballar e optimizar a presenza de marcas e anunciantes nesta rede social. Volkswagen, Coca Cola ou Visa son algunhas das marcas coas que traballou esta profesional, mentres que BBVA, o Goberno Vasco e a Real Sociedad figuran entre os clientes de Guillermo Viglione, presidente creativo da axencia Dimensión, de Donosti, e responsable do festival Día C do Club de Creativos.

Outro dos participantes será Carlos Yuste, un creativo con 25 anos de experiencia en axencias como Ogilvy, McCann Erickson ou Lowe, nas que traballou para anunciantes como Once, Movistar ou a DGT e cuxo traballo foi premiado, entre outros, no Festival Internacional de Creatividade Cannes Lions ou no Festival Iberoamericano da Comunicación Publicitaria El Sol. New Balance, Abanca ou Red Bull forman parte, por outra banda, dos clientes cos que traballou Santiago Romero, director creativo e socio fundador de Verve Creative Group, cuxa traxectoria foi tamén premiada en festivais como o de Cannes, El Sol ou o CdeC.

Tamén con máis de 25 anos de experiencia como creativo en diferentes multinacionais, Julián Abad, director de Creatividade Galega e socio fundador e director creativo executivo de Wise será outro dos protagonistas deste encontro, que reunirá tamén aos socios fundadores da axencia Pingüino & Torreblanca, José Luis Moro e Pablo Torreblanca. Recoñecido en diferentes festivais e gañador dun premio Ondas ao mellor creativo publicitario en radio, Moro compatibiliza na súa traxectoria profesional a publicidade e a música e foi de feito o creador, na década de 1980, do grupo Un pingüino en mi ascensor. Torreblanca, pola súa banda, foi creativo publicitario en diferentes multinacionais e director xeral e creativo durante unha década da axencia Remo. Ao longo da súa traxectoria traballou con empresas como El Corte Inglés, Bankia ou Siemens.

A facultade proxéctase no sector publicitario

Como explica Pérez, esta iniciativa "recupera o espírito” do primeiro Fálame do teu, unha serie de coloquios “entre publicistas recoñecidos”, que a facultade levou a cabo no ano 2009. Nese senso, o vicedecano pon de relevo que, ademais de constituír “unha oportunidade única para que o noso estudantado poida coñecer o pensamento, a creatividade e os traballos que están desenvolvendo estes profesionais”, este evento servirá tamén “como promoción da facultade e do Grao en Publicidade e Relacións Públicas entre algunhas das principais axencias publicitarias do país e entre os profesionais do sector”.