DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas organizadas pola Aula de Formación Legal deste centro

Ciencias Xurídicas e do Traballo achega o seu alumnado á realidade da integración laboral das persoas con discapacidade

Contouse coa participación de numerosos representantes tanto do ámbito académico como empresarial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Académica
D. Besadío DUVI 26/11/2024

“Aproximar aos estudantes á realidade da discapacidade, visibilizala, e que saiban que desde o Dereito se poden conseguir avances na integración dun colectivo que, por exemplo, segundo a Lei 3/2023, de Emprego, é de atención prioritaria nas políticas de emprego”. Así describe a profesora Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, o obxectivo da Xornada sobre Integración Laboral das Persoas con Discapacidade celebrada este martes na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e á que asistiron representantes de distintas institucións, tanto do ámbito académico como empresarial, e un amplo número de alumnas e alumnos dos graos en Dereito e en Relacións Laborais e Recursos Humanos.

Organizada pola Aula de Formación Legal da facultade, dirixida pola profesora Rodríguez Martín-Retortillo, a xornada achegou ás persoas asistentes á realidade da integración laboral das persoas con discapacidade, non só desde o punto de vista xurídico, senón tamén social. “Nesta aula buscamos tratar e debater temas de actualidade, ou necesitados de reflexión, cun enfoque xurídico pero tamén social”, explicou a docente na inauguración, intre no que estivo acompañada polo decano, o profesor Francisco Torres, quen destacou a importancia de organizar actividades de carácter multidisciplinar  “que toquen varias materias e nas que saian contidos máis aló dos estritamente xurídicos que se abordan nas nosas aulas”. 

Nesta liña, o decano aproveitou a súa presenza na xornada para gabar o “enorme labor”  que desde a Área de Dereito de Traballo e da Seguridade Social, á que pertence á profesora Rodríguez Martín-Retortillo, “por estar á vangarda da investigación e da docencia e, sobre todo, por ter iso que agora se bota tanto en falta que é a conciencia social”.

Diferentes enfoques: empresarial, institucional, académico...

Desde o punto de vista máis xurídico, como parte da doutrina científica, contouse coa participación do profesor Jaime Cabeza Pereiro, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo e un dos autores do Libro Blanco sobre Emprego e Discapacidade, “primeira obra destas características no noso país”.

Como o obxectivo era incorporar a visión desde diferentes enfoques, contouse tamén coa participación das responsables de emprego de Down Vigo, Eva Alonso e Isabel Sierra, e da directora de Inserta Emprego de Galicia, Beatriz Gallego, así como do director xeral da empresa Rodavigo,  Nazario Correa, que contou a súa experiencia como xestor dunha empresa cun cadro de persoal do que forman parte numerosas persoas con discapacidade . A eles sumouse tamén a directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, Maruxa Álvarez, que achegou a súa visión sobre o Programa universitario para o emprego e a vida autónoma, unha iniciativa dirixida a dotar ao alumnado de competencias que melloren a súa autonomía, formación académica e preparación laboral como cidadáns activos.