DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As votacións celebráronse este mércores nos tres campus

A CIG é a forza sindical máis votada nas eleccións do PAS laboral

O sindicado acada no conxunto da Universidade dez delegados, CCOO seis e UGT dous

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Ourense 28/11/2019

Este mércores o persoal de administración e servizos laboral da Universidade de Vigo votou nos tres campus da institución académica para elixir ás e aos seus representantes nos comités de empresa de Pontevedra e Ourense. Neste proceso, a CIG foi a forza sindical que máis representantes acadou no conxunto da Universidade, un total de dez, seguida por CCOO, con seis, e UGT con dous.

Nas votacións celebradas nos campus de Pontevedra e Vigo para elixir o comité de empresa de Pontevedra, a candidatura de CCOO foi a que acadou máis representantes, concretamente catro no colexio de técnicos e administrativos e dous no colexio de especialistas e non cualificados, conseguindo 49 e 31 votos respectivamente. Séguelle a CIG, con catro representantes acadados no colexio de técnicos e administrativos e un no de especialistas e non cualificados, con 51 e 29 votos respectivamente. Por último, UGT obtivo dous representantes para este comité de empresa, un no colexio de técnicos e administrativos e outro no de especialistas e non cualificados, con 20 e 12 votos respectivamente. 200 das 267 persoas con dereito a voto nas eleccións ao comité de empresa de Pontevedra depositaron a súa papeleta nas furnas habilitadas nos campus de Vigo e Pontevedra.

Nas votacións para o comité de empresa de Ourense, a candidatura da CIG acadou os cinco representantes en xogo, tres no colexio de técnicos e administrativos e dous no de especialistas e non cualificados, obtendo respectivamente 25 e 18 votos. A outra candidatura presentada, a de UGT, non acadou representación, obtendo cinco votos. Das 65 persoas chamadas a votar nestas eleccións ao comité de empresa de Ourense votaron finalmente 52.