DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Financiado con 2,45 millóns de euros do programa Interreg Atlantic Area

O CIM lidera un consorcio internacional para acelerar o despregamento sostible da enerxía das ondas na área atlántica europea

AWESDI busca fomentar a implantación deste tipo de tecnoloxía en España, Portugal, Francia e Irlanda

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 15/12/2025

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo coordina unha ambiciosa iniciativa transnacional que busca impulsar o despregamento sostible de sistemas de enerxía undimotriz na área atlántica, concretamente nas costas de España, Portugal, Francia e Irlanda. Bautizado como AWESDI, Atlantic Wave Energy Sustainable Deployment Initiative, o proxecto pon o foco nas rexións costeiras destes países, xa que comparten un gran potencial da enerxía xerada polas ondas, pero enfróntanse a barreiras comúns para o seu desenvolvemento, como marcos regulatorios fragmentados, limitacións de infraestrutura e dificultades para a súa aceptación pública. A diferenza de iniciativas anteriores, AWESDI adoptará un enfoque sistémico para garantir que as solucións non só sexan tecnicamente viables, senón tamén comercialmente factibles, socialmente inclusivas e respectuosas co medio ambiente. 

Cun orzamento total de 2,45 millóns de euros, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do programa Interreg Atlantic Area, AWESDI está liderado polo grupo EphysLab e desenvolverase entre 2026 e 2028 coa participación de 12 socios do arco atlántico europeo, incluíndo universidades, institutos de investigación, axencias públicas, agrupacións industriais e pemes innovadoras.

Unha fonte de enerxía con gran potencial

A enerxía das ondas é un recurso cun enorme potencial en Galicia e en toda a rexión do Atlántico. A súa densidade de potencia é maior que a eólica e solar mariña, o que permite xerar máis enerxía ocupando menos espazo. Ademais, presenta menor variabilidade e maior predictibilidade, polo que pode complementar estas fontes, contribuíndo a unha rede eléctrica máis estable.

A pesar de que o seu desenvolvemento tecnolóxico aínda non acada o nivel doutras enerxías renovables, os avances recentes fixeron que o seu custo nivelado sexa máis competitivo. A colocación de dispositivos de captación da enerxía das ondas tamén contribúe á protección costeira ao reducir a altura das ondas e mitigar a erosión e os efectos das tormentas. 

O IP do proxecto e investigador do grupo EphysLab do CIM, Moncho Gómez Gesteira, considera que “debemos ter en conta que a enerxía undimotriz atópase hoxe nun nivel de desenvolvemento tecnolóxico intermedio, é dicir, con dispositivos probados en contornas relevantes pero aínda lonxe da súa plena comercialización. A súa potencialidade futura é moi elevada, dado que Galicia e outras rexións atlánticas incluídas no proxecto dispoñen dun recurso abundante, previsible e concentrado, o que podería contribuír de maneira decisiva á diversificación da matriz enerxética e á redución da dependencia de fontes fósiles”. Para o investigador, “este é precisamente o principal obxectivo de AWESDI, a aceleración de proceso de desenvolvemento de enerxía undimotriz, de forma que poida acadar una porcentaxe relevante do mix enerxético na seguinte década”. 

Enfoque integral e coordinado

Entre os seus principais obxectivos de AWESDI está impulsar este tipo de enerxía na rexión do Atlántico norte mediante un enfoque integral e coordinado, combinando investigación, innovación tecnolóxica e desenvolvemento sostible. Para iso, o proxecto establecerá un marco estratéxico dos actores máis relevantes que permitirá compilar, organizar e intercambiar o coñecemento necesario para a súa implementación de maneira harmonizada, aproveitando as capacidades, infraestruturas e experiencia existentes na rexión.

Ademais, porase un marcha un sistema de coñecemento aberto sobre enerxía undimotriz, que reunirá datos científicos, técnicos e regulatorios e desenvolverá unha metodoloxía de avaliación holística capaz de identificar os lugares máis prometedores para a instalación de sistemas de enerxía das ondas, avaliando de maneira integrada os seus impactos socioeconómicos e ambientais. A iniciativa tamén implementará proxectos piloto en colaboración con pemes innovadoras, tanto en alta mar como na costa, deseñados para demostrar a viabilidade de novas tecnoloxías e solucións adaptadas ás necesidades das comunidades costeiras.

Ademais, AWESDI fomentará a transferencia de tecnoloxía e coñecementos, a concienciación pública e o desenvolvemento de capacidades, garantindo a adopción efectiva das estratexias desenvolvidas. Como resultado final, o proxecto elaborará unha folla de ruta conxunta para o despregamento sostible da enerxía undimotriz no Atlántico europeo, incluíndo recomendacións técnicas, regulatorias e socioeconómicas, así como estratexias específicas de explotación segundo tecnoloxía e localización. Todo iso permitirá acelerar a creación dun mercado cohesionado, escalable e innovador de enerxía undimotriz, contribuíndo ao desenvolvemento sostible e a unha transición enerxética xusta na rexión do Atlántico norte.

Consorcio internacional de excelencia

O consorcio, liderado polo CIM, reúne a entidades de prestixio como a Université Le Havre Normandie (Francia), a Faculdade de Engenharia da Universidade do Porto (Portugal), a agrupación industrial Pôle Mer Bretagne Atlantique (Francia), o Marine Institute (Irlanda), a Atlantic Technological University – Killybegs Marine Clúster (Irlanda), a empresa tecnolóxica GEPS Techno (Francia), EW Portugal – Wave Energy Solutions (Portugal), a o Instituto Enerxético de Galicia- Inega (España), a Fundación para a Pesca e o Marisqueo - Fundamar (España), Bretagne Développement Innovation (Francia) e o centro de investigación MaREI – University College Cork (Irlanda). A diversidade de socios asegura unha colaboración transnacional  e intersectorial que combina excelencia científica, innovación empresarial e experiencia institucional para garantir o éxito do proxecto.

No ámbito galego, a colaboración co Inega é valorada moi positivamente por Moncho Gómez Gesteira que considera “fundamental para garantir o éxito e o impacto real da iniciativa”. Concretamente, explica, “o CIM achega coñecemento científico de vangarda, capacidade de modelización e análise” e, pola súa banda, o instituto “representa o vínculo directo coa administración pública, asegurando que os resultados teñan aplicación práctica nas políticas enerxéticas e contribúan á toma de decisións estratéxicas”. Esta colaboración permite, recalca o investigador, “combinar a excelencia académica coa capacidade de implementación institucional, potenciando a transferencia de coñecemento, a innovación tecnolóxica e a creación de ferramentas útiles para avanzar cara a unha Galicia máis sustentable e resiliente fronte ao cambio climático”.