A través do proxecto Empren+AP, que se desenvolve en colaboración con Gain e cofinanciado pola FECYT
O CINBIO aposta por fomentar a innovación, a transferencia e o emprendemento no ámbito académico
Este mércores celebrouse en Citexvi unha xornada sobre a creación de spin-offs
O CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, leva máis dun ano traballando no fomento da innovación, da transferencia do coñecemento e o emprendemento no eido académico a través do programa Empren+AP. Trátase dunha das 50 propostas cofinanciadas a través da actual Convocatoria I+P de ayudas a la experimentación e innovación de políticas públicas da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) en colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e a Oficina Nacional de Asesoramiento Científico (ONAC).
A proposta naceu motivada pola urxencia de políticas eficaces que faciliten a transferencia do coñecemento académico cara o sector produtivo e está coordinada polo CINBIO en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain). “A nosa idea”, detalla Pilar Montes, responsable da Unidade de Transferencia e Innovación do CINBIO, “era deseñar un programa de capacitación e facilitar o emparellamento entre o persoal do CINBIO, experto en nanomateriais e biomedicina, co persoal da Axencia Galega de Innovación (Gain), co fin de enriquecer as actuacións que xa tiñamos en marcha no ámbito da transferencia e innovación no noso centro”, e parte do equipo promotor do proxecto. “O proxecto responde á necesidade de colaboración entre as administracións públicas e o tecido empresarial de cara a promover a cultura de innovación neste ámbito”, subliña desde CINBIO.
Unha xornada para competir experiencias sobre a creación de spin-offs
Unha das últimas actividades desenvolvidas no marco de Empren+AP foi unha xornada para compartir experiencias e leccións aprendidas na creación de spin-offs que tivo lugar este mércores en Citexvi. No acto de benvida, Diana Valverde, subdirectora do CINBIO e líder do grupo de Enfermidades Raras, destacou a importancia de este tipo de iniciativas para fomentar a transferencia do coñecemento académico.
A responsable do programa Woman Emprende e coordinadora do proxecto Innovatia 8.3, Eva López, foi a encargada de abrir o acto cunha sesión formativa, ofrecendo unha análise da investigación, a transferencia e o emprendemento no ámbito universitario desde unha perspectiva de sexo/xénero. O seu relatorio deu paso a un segundo bloque no que as persoas asistentes puideron coñecer de preto casos de éxito na creación de spin-offs dan man de Ekaterina Kravets, encargada de Operacións e CMO de Neutron Insights e Pablo Cabanelas, CEO da mesma empresa; Daniel García, CEO e cofundador de EnergHius; e Juliana Cruz, CEO e cofundadora de Biosolve4all e de NIT-NITTextile. A cita pechou cunha sesión de networking, precedida por unha mesa redonda na que tanto asistentes como relatores compartiron as súas experiencias e debateron sobre os desafíos que supón a creación dunha empresa desde o ámbito académico.
Un ano de traballo a prol da transferencia
Empren+AP arrancou en maio do pasado ano coa xornada Do coñecemento á acción: emprendemento no ámbito académico e, tras ela, sucedéronse diferentes accións como o foro de políticas públicas para a innovación e o emprendemento, a recente xornada de capacitación científico-tecnolóxica, ou encontro Redeiras-Beyond the lab, que puxo o foco na importancia das redes, tanto internas como externas, que unan investigación coa creatividade, a empresa coa universidade ou a tecnoloxía coa sociedade. A principios do vindeiro mes de xullo Empren+AP acollerá un novo seminario sobre transferencia de coñecemento, que porá o punto final a este programa formativo.
