O centro reforza todas as actividades de divulgación e mantenas abertas todo o curso
CINBIO estrea un programa de visitas aos seus laboratorios para alumnado de ensino secundario e bacharelato
Combinan contacto co persoal investigador e múltiples actividades sobre nanomateriais e biomedicina
Achegar a investigación á sociedade, espertar vocacións científicas e amosar ao estudantado como se constrúe o coñecemento desde os laboratorios. Con estes obxectivos, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, CINBIO, reforza este curso a súa aposta pola divulgación científica cunha nova oferta de actividades dirixidas aos centros educativos de ensino preuniversitario, na que destacan especialmente as visitas aos seus laboratorios.
Formulario en liña para solicitar as visitas
A principal novidade é a apertura dun formulario de solicitude para que os centros de ensino secundario e bacharelato poidan reservar as visitas ao CINBIO, unha experiencia inmersiva que permitirá ao alumnado coñecer de primeira man como se desenvolve a investigación nun centro científico de referencia.
Durante tres horas, os grupos participantes poderán acceder a laboratorios profesionais, realizar actividades experimentais, coñecer persoal investigador e descubrir as liñas de traballo do centro en ámbitos punteiros como os nanomateriais e a biomedicina. O programa completarase cunha actividade participativa na que o alumnado deberá resolver retos e traballar en equipo para poñer a proba os coñecementos adquiridos ao longo da xornada.
A proposta busca “ofrecer unha experiencia dinámica e participativa que permita ao alumnado entrar en contacto coa ciencia real e coñecer de preto como a investigación desenvolvida en Vigo pode contribuír a mellorar o futuro”, subliñan desde a organización.
A iniciativa nace tras a experiencia piloto desenvolvida durante os últimos meses con distintos centros educativos. Un dos grupos participantes foi o do IES A Guía de Vigo. A súa profesora, Trinidad Vázquez, destaca que “a visita ao CINBIO resultou unha experiencia extraordinariamente enriquecedora tanto para o alumnado como para o profesorado acompañante”. Segundo explica, “a posibilidade de acceder a laboratorios de investigación reais e coñecer de primeira man o traballo desenvolvido en ámbitos como a histoloxía e a química orgánica permitiu achegar a ciencia ao alumnado dun xeito próximo e motivador”.
A docente subliña, ademais, “o carácter práctico e participativo das actividades posteriores, centradas en aplicacións da nanotecnoloxía e da neurociencia, que espertaron un grande interese entre os estudantes e favoreceron a súa implicación activa”. Para Vázquez, “trátase dunha actividade moi recomendable para centros educativos, xa que combina rigor científico, divulgación de calidade e unha excelente adaptación aos intereses e ao nivel do alumnado”.
A nanotecnoloxía tamén viaxa aos institutos
Xunto coas visitas, o CINBIO continuará impulsando o proxecto Nanotech, unha proposta divulgativa dirixida tamén a espertar o interese do alumnado pola investigación e a pór en valor o labor científico desenvolvido no centro. Neste caso, a iniciativa ofrece recursos deseñados para facilitar o traballo na aula, unha caixa experimental na que se inclúen diferentes materiais e recursos didácticos estruturados en bloques temáticos.
A través deste material, “o alumnado pode coñecer que é o CINBIO, introducirse nos conceptos básicos da nanotecnoloxía, descubrir aplicacións dos novos materiais e explorar algunhas das técnicas empregadas na manipulación da materia a escala atómica”, explican os promotores do proxecto. O kit proporciona ademais os materiais necesarios para realizar diferentes experiencias, favorecendo unha aprendizaxe activa e experimental.
Novo catálogo de relatorios de ciencia
A maiores, o curso académico do CINBIO tamén arrancou coa renovación do seu catálogo de relatorios divulgativos dirixidos a centros educativos. Esta iniciativa ofrece a oportunidade de que investigadoras e investigadores compartan coa mocidade preuniversitaria o seu coñecemento, experiencia e paixón pola ciencia a través de sesións dinámicas e adaptadas a cada nivel educativo.
Os centros interesados en incorporar algunha destas actividades á súa programación poden consultar o catálogo e poñerse en contacto co equipo de comunicación do CINBIO para coordinar a súa realización.
Conectar ciencia e sociedade
Con estas iniciativas, o CINBIO reforza o seu compromiso coa conexión entre ciencia e sociedade. A través destes programas de divulgación, o centro busca achegar a investigación á cidadanía, fomentar novas vocacións científicas e impulsar a transferencia de coñecemento, contribuíndo así a fortalecer o papel da ciencia no progreso social e a inspirar as novas xeracións que construirán o futuro da investigación.
