DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 21 marzo no Edificio de Ciencias Experimentais

O Cinbio organiza un encontro anual para divulgar os avances científicos e premiar a excelencia

Entregarase un galardón ao autor do artigo con maior índice de impacto

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 01/03/2019

O Cinbio organiza por primeira vez dende a súa posta en marcha un encontro anual para dar a coñecer o labor investigador que se desenvolve neste centro e, ao mesmo tempo, para xerar coñecemento e relacións entre os diferentes grupos que o conforman. “A idea é ter un día case de festa, de encontro con todo o persoal do centro, para tamén dar a coñecer os maiores avances, recoñecer as e os mellores investigadores e premiar o artigo científico con maior índice de impacto do ano” asinado por persoal do Cinbio, explica a directora África González. 

“O que queremos é ter un espazo de encontro, non só de tipo científico”, xa que para isto levan dous anos celebrando o Annual Meeting e un programa de seminarios ao longo do ano, “senón un día para TODOS”, remarca González. Trátase dunha posta en común, de realizar unha análise do desenvolvemento do Cinbio e tamén de “recoller a opinión da xente, plantexar propostas de futuro e, sobre todo, unir ás persoas do centro”.  A directora fai fincapé en que con este tipo de eventos a finalidade é “seguir progresando e que nos coñezamos mellor, tender pontes entre os grupos e, sobre todo, entre os estudantes de pre e pos doutoramento”. 

O evento terá lugar o vindeiro 21 de marzo no Edificio de Ciencias Experimentais ao longo da mañá. Amosarase a memoria anual de 2018 e presentaranse todos os servizos que ofrece o Cinbio con exemplos concretos, “para que todos coñezan as oportunidades que ofrece o Centro de Investigacións Biomédicas”. Por outra banda, remarca África González que tamén teñen interese en “dar visibilidade ás mulleres” e unha das conferencias será impartida pola líder do grupo de Enxeñaría Química, Herminia Domínguez. Os “investigadores emerxentes” Yolanda Diz e Gustavo Bodelón presentarán tamén as liñas de investigación nas que están traballando. 

Premio ao artigo con maior índice de impacto

Outro dos obxectivos centrais da posta en marcha deste evento é premiar a excelencia. “Queremos animar aos investigadores que están comezando” e para iso ponse en marcha un premio a primeiro autor do artigo con maior índice de impacto do Cinbio. Para África González este tipo de iniciativas nacen con vocación de continuidade, pero para que sexa “un día no que darnos unha homenaxe, facer un repaso do ano anterior e poñer en valor a excelencia”.

Xunto con estas actividades, o Cinbio tamén desenvolve ao longo do ano un programa de seminarios da man do estudantes de posdoutoramento. “Está sendo moi útil para que os grupos se coñezan, xurdan colaboracións, ideas para progresar, uso de novas tecnoloxías, etc.”, conclúe.

Páxina web do evento