DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo para participar está aberto ata o 9 de xaneiro

Cintecx lanza o Challenge 2026 para impulsar proxectos colaborativos de I+D

Seleccionaranse dúas propostas que terán unha dotación de 10.000 euros para cada unha

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 11/12/2025

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo lanza unha nova edición do seu Cintecx Challenge, unha iniciativa que busca fomentar o desenvolvemento de proxectos de I+D colaborativos entre os grupos de investigación integrados no centro, co obxectivo de reforzar a cohesión interna e proxectar a visibilidade da súa actividade científica.

O prazo para participar esténdese do 9 de decembro de 2025 ata o 9 de xaneiro de 2026 e as propostas deberán ser defendidas nunha xornada técnica na que se avaliará a súa calidade e potencial de impacto. Só dous proxectos serán seleccionados, cunha dotación de 10.000 euros para cada un, que deberán executarse nun período de doce meses. Os seus resultados presentaranse publicamente nun evento específico acompañado de actividades de difusión para garantir a súa proxección social.

A convocatoria esixe a participación de polo menos dous grupos de investigación de Cintecx en cada proposta, reforzando así a colaboración interna e a cohesión entre equipos. Os proxectos deberán estar liderados por persoal investigador con título de doutor/a e contrato laboral a tempo completo coa Universidade de Vigo e Cintecx ata decembro de 2026. Ademais, será imprescindible a implicación de dúas persoas investigadoras posdoutorais de grupos distintos, que actuarán como persoal investigador principal co respaldo das súas persoas coordinadoras.

Gañadores do Challenge 2025: tres ideas que transforman a ciencia 

A edición de 2025 do Cintecx Challenge deixou tres propostas que amosan como a investigación pode converterse en solucións reais para a sociedade: Eco-NanoxCat, Traconroc e Gal-Bayes.

Liderada Antía Fernández Sanromán e Pablo Pou Álvarez, a proposta Eco-NanoxCat céntrase en crear catalizadores ecolóxicos mediante nanotecnoloxía. Estes materiais actúan como “aceleradores” de procesos químicos, pero cun enfoque sostible: buscan reducir o impacto ambiental e mellorar a eficiencia enerxética, axudando a que a industria sexa máis limpa e respectuosa coa contorna.

Pola súa parte, Traconroc, impulsado por Ignacio Pérez Rey e Aránzazu Pintos Alonso, aborda como se comportan as rochas cando se someten a esforzos de tracción en condicións confinadas. Un coñecemento clave para sectores como a minería, a construción de túneles ou a enxeñaría civil, onde a seguridade depende de prever como reaccionan os materiais baixo presión.

Por último, o terceiro proxecto premiado na edición de 2025 foi Gal-Bayes, coordinado por Mario Soilán Rodríguez e María Pazo Rodríguez, que aposta pola intelixencia artificial aplicada á xestión da auga. Utilizando modelos de linguaxe para xerar redes baiesianas, busca predicir e optimizar o uso dos recursos hídricos. Nun contexto de cambio climático e escaseza de auga, esta ferramenta pode converterse nun aliado fundamental para garantir un consumo responsable e sostible.

Con estes tres proxectos, Cintecx demostra que a investigación colaborativa non só impulsa a ciencia, senón que tamén ofrece respostas prácticas aos grandes desafíos tecnolóxicos, industriais e medioambientais da actualidade.