DUVI

Diario da Universidade de Vigo

De acordo coa norma UNE-EN ISO 9001:2015, instrumento recoñecido internacionalmente

O Cintecx suma un novo certificado de calidade

O acto de entrega contou coa participación do reitor, a directora do centro e un representante de AE

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Calidade
  • Institucional
D. Besadío DUVI 22/02/2023

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, Cintecx, recibiu este mércores o certificado que acredita a implantación neste centro do Sistema de Xestión da Calidade de Aenor respecto aos requisitos da norma UNE-EN ISO 9001:2015, instrumento recoñecido internacionalmente e que permite demostrar a capacidade deste organismo para responder aos estándares internacionais de xestión da calidade elaborados pola Organización Internacional de Estandarización (ISO). 

O reitor, Manuel Reigosa, e a directora do centro, Mª Concepción Paz Penín, recibiron o certificado de mans do representante da empresa Aenor, José Enrique Rodríguez Coello. “Para nós a máxima ilusión nestes momentos está en ter un cuarto centro recoñecido pola Xunta de Galicia como centro de referencia dentro do sistema universitario galego, de maneira que se sume aos tres que xa temos do total de oito que hai en Galicia”, subliñou Reigosa, quen adiantou que este ano vaise abrir unha nova convocatoria de solicitudes, na que a Universidade de Vigo ten depositadas grandes esperanzas. “Teño que amosar a miña satisfacción polo traballo que está a facer este centro e, en particular, a súa dirección e, neste sentido, este certificado dá boa mostra diso”, salientou o reitor, quen se referiu a este novo selo de calidade como “unha pedriña máis no camiño que nos vai permitir ser un centro moi competititivo, non só a nivel galego, senón tamén estatal e internacional”. 

Validez de tres anos

Cunha validez de tres anos, a nivel práctico a certificación ISO 9001:2015 permítelle ao usuario coñecer en todo momento a situación dos servizos que se ofrecen, a rastrexabilidade das mostras, que todo o proceso se leva a cabo segundo os protocolos e controis adecuados, e que se cumpren todos os requisitos establecidos. Tal e como se explicou durante o acto de entrega do certificado, este selo axudará á consolidación de Cintecx como centro e mellorará o seu posicionamento nas solicitudes e convocatorias ás que aspira a presentarse nos vindeiros anos.

O proceso de auditoría realizouse ao longo de 2022 e correu a cargo de Aenor, a Asociación Española de Normalización y Certificación. Tal e como se explica no propio diploma, o certificado está dispoñible para as actividades de realización de ensaios por microescopía, espectrometría, imaxe, enxeñaría inversa, análises químico e caracterización físico-química, o servizo de impresión 3D e o servizo de préstamo de ditos equipos en réxime de autoservizo, así como o servizo de taller mecánico.

2000 metros cadrados de instalacións ao servizo da I+D+i galega

Dirixido pola profesora Concepcón Paz Penín, o Cintecx conta cunhas instalacións exclusivas que superan os 2000 metros cadrados, xusto ao carón das escolas de Enxeñería Industrial e Enxeñaría de Minas e Enerxía. Na actualidade traballan neste centro arredor de 190 personas, “incluíndo persoal estable da Universidade e persoal captado en convocatorias de captación de talento, investigadores predoutorais e posdoutorais a alumnado de doutoramento”, tal e como explicou no acto a directora. A longa traxectoria das súas investigadoras e investigadores permítenlle situarse á vangarda da I+D+i en seis grandes liñas de actuación: electrónica e automática, fabricación e materiais, enerxía, transporte, enxeñaría biomédica e sostenibilidade e recursos naturais.

Creado no 2019 –como evolución do denominado Módulo Tecnolóxico Industrial, primeiro, e do Grupo de Industria e Enerxía, Inex, despois-, o Cintecx converteuse no verán de 2021  no primeiro centro de investigación galego en obter o informe favorable do Consello Galego de Universidades que acredita a excelencia científica do centro. Na actualidade, tal e como se lembrou hoxe na entrega deste novo certificado de calidade, o Cintecx aspira a converterse nun actor global en I+D e transferencia dentro da 4ª revolución industrial, xerando coñecemento a través da investigación fundamental e transformando este coñecemento en solucións tecnolóxicas que contribúan a incrementar a competitividade da industria, sobre todo a rexional.