DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ciclo ‘Docs del Mes’ retoma a súa programación o vindeiro luns na Vicerreitoría

As citas mensuais co cinema documental continúan en 2023

A actividade continúa ata xuño e retomarase en setembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 18/01/2023

Un filme centrado na traxectoria da artista finesa Maija Sola abre o vindeiro luns 23 a programación neste ano 2023 de Docs del Mes, un ciclo de cinema documental que se desenvolve en 70 localidades de España e que a Vicerreitoría do campus promove en Pontevedra desde 2018. Con entrada libre ata completar a capacidade da sala, as proxeccións sucederanse ata o mes de xuño na Casa das Campás, dando continuidade a unha iniciativa “que ten xa un público asiduo”, como lembra o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, que destaca “o positivo de poder continuar con esta programación ao longo de 2023”.

Con proxeccións que terán lugar o terceiro ou cuarto luns de cada mes ás 20.00 horas, o ciclo retoma a súa actividade o vindeiro luns 23 co documental no que a cineasta finesa Leena Kipeläinen “reconstrúe a incrible vida de Maija Isola”, unha artista que “revolucionou o mundo do deseño téxtil” nas décadas de 1950 e 1960 “cun estampados florais que se converterían nun éxito global”, como destaca a promotora de Docs del Mes. Ao mes seguinte, o 27 de febreiro poderá verse Un viaje de mármol, un documental do director chinés Sean Chang que se presenta como “unha reflexión con humor sobre a autenticidade, a tradición, as relacións internacionais e a absurdeza da economía global”, na que amosa como os bloques de mármore extraídos dunha canteira en Grecia viaxan en barco a China “para seren convertidos en esculturas e columnas de estilo grego”.

Sri Lanka, Xapón, Polonia e Zimbabue

Con proxeccións en versión orixinal subtituladas, a programación continúa o 20 de marzo con No place like home, de Emilia Beck, un documental que retrata a historia de Priyangika Samathie, “unha muller nova adoptada por unha familia norueguesa que quere reconciliarse coas súas orixes en Sri Lanka”, dando lugar a “unha viaxe existencial convertida nun clamor anticorrupción”, como sinalan desde a empresa promotora. Ao mes seguinte, o ciclo viaxa ata Xapón, coa proxección, o 24 de abril, de Rising from the tsunami, un documental no que Hélène Robert and Jeremy Perrin propoñen un “percorrido misterioso e poético”, a través dos testemuños dos superviventes, polas consecuencias psicolóxicas e emocionais que supuxo o tsunami que en 2011 asolou á costa de Tohoku, deixando máis de 15.000 falecidos. 

Xa o 22 de maio poderá verse na sede da Vicerreitoría The pawnshop, unha “emotiva historia” de Lukasz Kowalski sobre a parella propietaria da que é “probablemente a casa de empeños máis grande de Europa” e en como o crecemento do paro na cidade polaca na que se atopa rematou por convertela “nun centro de vida importante para a comunidade local”. Finalmente, o 19 de xuño proxectarase President, un documental que Camilla Nielsson centra na figura do político Nelson Chamisa e na primeira campaña electoral vivida en Zimbabue tras o réxime de Robert Mugabe, que se presenta como “unha crónica inspiradora e impactante sobre a loita pola democracia nun sistema corrupto controlado por militares”.