DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cos premios RIES á iniciativa máis comprometida coa comunidade e ao proxecto revelación

O Clúster Saúde de Galicia recoñece a Cátedra de Idadismo e as investigacións sobre exercicio con realidade virtual do grupo HealthyFit

Foron entregados no marco dun foro internacional en Santiago

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Premios
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 27/10/2022

Outorgar un recoñecemento a proxectos innovadores no sector da saúde ou sociosanitario constitúe o propósito central dos Premios RIES, que promove o Clúster Saúde de Galicia (CSG) e cos que neste 2022 recoñécense dúas iniciativas impulsadas na Universidade de Vigo. Por unha banda, o clúster outorgou o Premio Revelación 2022 á liña de investigación pioneira sobre os efectos dun programa de exercicio terapéutico con realidade virtual orientado a persoas maiores do grupo de investigación HealthyFit. Por outra, no acto de entrega de galardóns que o CSG levou a cabo na noite deste mércores no marco do VII Fórum Retos Internacionales del Ecosistema Salud (RIES), que se desenvolve en Santiago, outorgouse o Premio Comunidade CSG á Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo que neste 2022 a Universidade de Vigo impulsaba xunto coa Asociación de Familiares y Enfermos de Alzhéimer y otras Demencias de Galicia (Afaga) e a entidade de innovación social Atendo. Dirixida pola profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Ana Belén Fernández Souto, trátase dunha iniciativa pioneira en España, que ten como obxectivo combater o fenómeno do idadismo, o conxunto de prácticas laborais, sociais e políticas que discriminan ás persoas por razón da súa idade.

Premio a un intento de levar as novas tecnoloxías aos maiores

Explorar as posibilidades da realidade virtual inmersiva ou total para o deseño e desenvolvemento de programas de exercicio terapéutico dirixidos a colectivos como as persoas maiores constitúe o propósito central dunha liña de investigación pioneira, que o grupo de investigación HealthyFit puxo en marcha a comezos de 2020 e que agora se ve referendada polo premio que a presidenta do CSG, Rocío Mosquera, e o secretario xeral da Consellería de Sanidade Alberto Fuentes outorgaban ao coordinador do grupo, o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela, e ao investigador da Facultade de Fisioterapia Pablo Campo. Como un recoñecemento “ao traballo ben feito” por parte dun “referente como o clúster”, pero tamén como un xeito de pór en valor “que as novas tecnoloxías poden ser accesibles para as persoas maiores” vía Cancela este galardón, que pon de relevo as posibilidades dos dispositivos de realidade virtual á hora de que colectivos como as persoas maiores poidan realizar un traballo “físico e cognitivo, de forma lúdica, sen que facer exercicio signifique unha situación de aburrimento”.

Valéndose de dispositivos como un head-mounted-display, esta liña de traballo está permitindo constatar as posibilidades dun programa baseado no uso dos chamados exergames, xogos que requiren dunha serie de movementos, tanto á hora de xerar unha maior adherencia cara a práctica de actividade física, como de mellorar as capacidades funcionais das e os participantes. Así o puideron constatar en estudos como o que Campo levou a cabo, no marco da tese de doutoramento que dirixen Cancela e Gustavo Rodríguez, no centro de Saraiva Sénior, ao abeiro da Cátedra ACP-Innova. Ao mesmo tempo, o grupo HealthyFit tamén estudou os efectos deste tipo de programas en colectivos como pacientes de Párkinson, nunha liña de traballo na que contaron coa colaboración das asociacións de persoas afectadas por esta enfermidade de Vigo e Pontevedra. Nesa mesma liña, salienta Cancela, o grupo comezará a vindeira semana un novo estudo, en colaboración con Agadea e Afaga, dirixido a coñecer os efectos “dun programa de exercicio físico e estimulación física e cognitiva”, que leve a cabo “nalgúns dos centros da súa rede”, como apunta Campo. Como unha “sorpresa” e un “orgullo” recibiu este investigador un galardón que, destaca, permite tamén “amplificar o noso labor”, de tal xeito que pode contribuír a xerar “sinerxías” e posibilidades de colaboración con diferentes axentes “do ecosistema da saúde”. 

Premio á cátedra que levou o dicionario a discriminación por idade

Xurdida do convenio asinado no mes de abril entre a UVigo, Afaga e Atendo e presentada publicamente o pasado mes de setembro, a primeira cátedra sobre idadismo de España naceu co obxectivo de “consolidar a loita contra o idadismo desde o ámbito da comunicación, a través da realización de cursos, seminarios e conferencias; organización de actividades académicas; intervencións educativas a todos os niveis; promoción da investigación; xeración de contornas amigables e fomento da relación interxeracional”, como explicou Fernández Souto. De aí que sinale como un “bo comezo” neste obxectivo de que “o idadismo sexa erradicado da nosa sociedade”, un premio que contribúe “a dar visibilidade a cátedra” e a “un tipo de discrimación que existe na nosa sociedade, ao igual que o sexismo” e que se coñece baixo un termo que, grazas á cátedra, vén de incorporarse ao Dicionario da Real Academia Galega.

Respondendo á petición da cátedra, o Seminario de Lexicografía da RAG acordou incorporar ao dicionario as voces idadismo e idadista, definindo o primeiro temo como “discriminación contra persoas ou colectivos por razóns de idade, especialmente cando esta se produce contra as persoas maiores”. Fíxoo ademais na mesma xornada na na que o presidente da xunta directiva de Afaga Alzhéimer, Juan Carlos Rodríguez; o fundador de Atendo, Luis Barros, e o ex-profesor da UVigo e membro da comisión da cátedra Xaime Fandiño recollían este Premio Comunidade CSG no acto celebrado en Santiago.