DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man de Brais Suárez, Poonam Pandey e Antía Puentes do Post-Growth Innovation Lab da UVigo

Comercio analiza nunhas xornadas os problemas económicos e as inxustizas vinculadas ao crecemento económico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI 28/11/2022

Alumnado e docentes da Facultade de Comercio participaron este luns na Xornada Introdución ao poscrecemento, unha cita organizada pola profesora do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración, Iria Vázquez Silva, na que se afondou no concepto de crecemento económico e os problemas ecolóxicos vinculados ao mesmo, así como na circulación global de inxustizas e outras cuestións socioeconómicas vinculadas a estas.  “Ademais, tamén levamos a cabo un traballo grupal co alumnado sobre o poscrecemento en diferentes eidos: o da comida, o laboral, o educativo, as cidades, etc”, explica a organizadora, “moi satisfeita”, co nivel de participación que acadou a xornada. “O curso que vén pretendemos continuar con estas actividades e amplialas”, recalcou a coordinadora, facendo así fincapé na “necesidade” de xerar espazos de debate sobre poscrecemento na Universidade.

Nesta ocasión o debate contou coa participación de tres dos especialistas do Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, un grupo internacional e interdisciplinario cun interese de investigación común: “permitir unha transición ecolóxica sostible, inclusiva e xusta que se afaste do modelo económico explotador que existe na actualidade”, tal e como explican na propia web do grupo, onde tamén subliñan que, ao combinar varias liñas de investigación, o grande obxectivo do laboratorio é “brindar enfoques novidosos, relevantes e multifacéticos a algunhas das ameazas máis complexas para o futuro colectivo”.

O primeiro poñente en intervir na xornada foi Brais Suárez Eiroa, enxeñeiro industrial de formación e investigador de posdoutoramento neste laboratorio, e cuxa investigación se centra nos límites do popular concepto de economía circular para promover sociedades máis igualitarias respectando os límites ecolóxicos. A continuación tomou a palabra Poonam Pandey, quen, antes de incorporarse a este laboratorio da Universidade de Vigo como investigadora de posdoutoramento Maria Zambrano, foi docente de política pública e desenvolvemento sostible na Universidade Flame e no Indian Institute of Science . Completou o cadro de poñentes Antía Puentes Corral, graduada en Ciencia Política e da Administración e doutoranda neste laboratorio. No seu caso as súas liñas de investigación prioritarias son a reprodución da ideoloxía do crecemento e a súa plasmación no día a día, especialmente na institución educativa.