DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estarán dispoñibles nas fins de semana dende mañá sábado ata xullo

Comeza o horario extraordinario de apertura das bibliotecas universitarias

En horario continuado de 09.00 h a 21.00 h

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 07/05/2021

Co período de exames do segundo cuadrimestre a piques de comezar, a Biblioteca Universitaria inicia mañá sábado, 8 de maio, a programación extraordinaria de apertura de catro das súas instalacións durante as próximas fins de semana e festivos. 

Esta ampliación de horarios depende dos calendarios de exames dos centros en cada campus, en particular os correspondentes á convocatoria de xullo, polo que o remate desta programación de aperturas de fin de semana producirase o domingo 11 de xullo nas bibliotecas centrais dos campus de Ourense e Pontevedra, e o domingo 18 de xullo na Central de Vigo e na de Torrecedeira.

Medidas extraordinarias de uso

Durante estas fins de semana o acceso ás bibliotecas segue sometido a restricións da capacidade máxima e ás mesmas normas de seguridade que nos horarios ordinarios, en especial a obrigatoriedade de levar máscara para acceder e permanecer nas instalación e facer uso individual dos postos, sempre cunha separación non inferior a 1,5 metros en cada un dos seus catro lados. Como consecuencia, a capacidade das salas está reducida ao 50%, polo que dende a Biblioteca Universitaria recomendan consultar a páxina web para informarse sobre a dispoñibilidade de postos de estudo nas catro bibliotecas en tempo real.

Por outra banda, lembran tamén que as persoas alleas á comunidade universitaria que queiran acceder a estas instalacións precisan contar cun carné de usuario/a externo/a da Biblioteca Universitaria en vigor. Ademais, para artellar a prioridade de uso dos postos de estudo polos membros da Universidade de Vigo, o seu uso por parte das persoas externas supedítase a que cando a metade dos postos que ofrece unha biblioteca estean ocupados (ou en situación de "non dispoñibles"), poderase restrinxir o acceso aos usuarios/as externos/as. Na biblioteca de Torrecedeira o servizo restrínxese ao estudantado da Universidade de Vigo, de xeito que non se permite a entrada ao público alleo.

Horarios de fin de semana

Atendendo a este novo calendario de apertura, a Biblioteca Central de Vigo e a de Torrecedeira estarán abertas de 09.00 horas a 21.00 h. todas as fins de semana desde o sábado 8 de maio ata o domingo 18 de xullo ademais do 17 de maio, Día das Letras Galegas. No caso das bibliotecas centrais de Ourense e Pontevedra, o horario será tamén de 09.00 a 21.00 h. todas as fins de semana desde o sábado 8 de maio ao domingo 11 de xullo, incluíndo o 17 de maio.

Durante estes horarios de fin de semana as bibliotecas só prestan un servizo de espazo de estudo e de consulta de materiais bibliográficos de libre acceso, pero non outros servizos ordinarios como préstamo, préstamo interbibliotecario, acceso a recursos electrónicos, etc.

No que se refire ao horario habitual destas instalacións de luns a venres, as bibliotecas centrais dos tres campus, xunto coa de Torrecedeira, están abertas de 08.30h a 21.00 horas. O resto das instalacións, localizadas nas escolas e facultades están dispoñibles de 08.30 a 20.45 horas.