DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto que terá lugar o 28 de xaneiro no salón de actos da FCEE

A comunidade universitaria homenaxeará ao seu alumnado máis excelente na celebración de San Tomé 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 17/01/2019

Preto de 150 estudantes de grao, mestrado e doutoramento recibirán o vindeiro 28 de xaneiro a homenaxe da comunidade universitaria, no transcurso do acto de celebración do patrón da institución, San Tomé de Aquino. Ás 12.00 horas no salón de actos da Facultade Ciencias Económicas e Empresariais dará comezo un acto académico no que este ano, ademais de entregarse os premios extraordinarios de grao, fin de carreira, doutoramento correspondentes ao curso 2017-2018 e Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster, tamén se outorgarán os premios de excelencia académica de grao e máster ao alumando de novo ingreso do curso 2018-2019. 

Ata o de agora, o estudantado merecedor dos premios de excelencia académica de grao de novo ingreso recibía os seus galardóns nun acto de seu, que se celebraba habitualmente no edificio Miralles. Ademais, na celebración académica prevista para o vindeiro día 28 entregaranse por primeira vez premios de excelencia académica ao alumnado de máster de novo ingreso. O reitor Manuel Reigosa e varios membros do seu equipo de goberno serán os encargados de entregar medallas e insignias ás e aos premios extraordinarios fin de carreira, grao e doutoramento, mentres que as e os galardoados cos premios de excelencia académica de grao e mestrado ao alumnado de novo ingreso recibirán un diploma.

O acto académico da festividade de San Tomé de Aquino comezará coa entrega dos premios e a continuación será o reitor, que preside por primeira vez esta celebración desde a súa elección, quen tome a palabra para pronunciar un discurso institucional. A celebración académica rematará coa interpretación do Gaudeamus Igitur. A formación musical Son Trío interpretarás pezas musicais previstas no transcurso do acto.