Tamén participarán a Capela Madrigalista de Ourense e Música Viva
O concerto de Nadal dos coros do campus terá lugar o domingo 21 na igrexa de Santa Eufemia
Con entrada libre ata completar aforo
A igrexa de Santa Eufemia da cidade de Ourense é o escenario escollido este ano para acoller o tradicional concerto de Nadal que celebra o Coro Universitario do campus de Ourense Schola Cantorum (CUCO). Seguindo o modelo de edicións anteriores, a cita contará non só coa participación dos coros infantil e de adultos do campus senón tamén con varias agrupacións convidadas, nesta ocasión a Capela Madrigalista de Ourense e Música Viva (O Carballiño). A actuación, con entrada libre ata completar aforo, será o domingo 21 de decembro ás 20.30 h.
A iniciativa, organizada pola Vicerreitoría do campus de Ourense, pretende ser unha celebración da música na que os coros do campus poñen en valor e achegan á cidadanía a formación e o traballo feito ao longo do primeiro cuadrimestre que agora remata. Tamén quere ser unha oportunidade para que as formacións do campus poidan coñecer e compartir escenario con diferentes agrupacións corais da contorna. O concerto leva por título Deixade que canten unidos, alegres pregoamos que somos libres.
Repertorio individual e conxunto
Acompañando aos coros, ao piano estará Alejandro Fírvida; nas frautas Sabela Reza e Julie Andrea Feijóo; nas violas Alfonso Lago e Ignacio Andía; en percusión Pepetony Silva e na guitarra Toño Araújo. Seguindo a filosofía de traballo de CUCO, o repertorio que se ofrecerá será moi diverso en estilos musicais, épocas, culturas e idiomas, aínda que tendo como eixo común as festas de Nadal. Así, ao longo do concerto, o público asistente poderá escoitar cancións sacras, cancións anglosaxoas, panxoliñas, cancións do mundo, etc.
Cada un dos coros interpretará varias pezas, arrancando o concerto con Qué bonito niño chiquito, do Cancioneiro da Colombina (s.XV), a cargo da Capela Madrigalista de Ourense, que estará dirixida por Mateo Iglesias Seoane. Tras varias cancións, seguiralle a actuación de Música Viva (O Carballiño), que, baixo a dirección de Miguel G. Sáez, comezará o seu bloque con Set me as a seal. A segunda parte do concerto contará co coro infantil do campus de Ourense, Cuquiños, dirixido por Víctor V. Fernández, que arrancará a súa actuación con Durme meu neniño, con música de Josu Elberdin, e seguirá co coro adulto, CUCO, dirixido por Ruth González, que ofrecerá un repertorio encabezado por Laudate pueri, con letra do Salmo 112 e música de Josu Elberdin. A sesión rematará coa interpretación conxunta de CUCO e Cuquiños de Angels carol, con música de John Rutter e letra de Víctor F. Bello; e de CUCO, Música Viva e a Capela Madrigalista de Ourense, que pecharán o concerto con Sing gently, con letra e música de Eric Whitacre.
