DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Seleccionáronse dúas das 24 propostas presentadas polo alumnado do Grao en Educación Infantil

Un concurso define que saídas didácticas deseñadas polo alumnado realizarán os nenos e nenas do CEIP A Xunqueira I

Trátase de visitas ao Pazo de Lourizán e aos petróglifos de Mogor

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 28/10/2021

Estudantes de primaria do IES A Xunqueira I realizarán no presente curso dúas saídas didácticas, ao Pazo de Lourizán e aos petróglifos de Mogor, en Marín, nas que terán como guías dous grupos de estudantes do Grao en Educación Infantil. As súas propostas de actividades foron as seleccionadas no “concurso” impulsado pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Inés Lareo e a docente do CEIP A Xunqueira I Carmen Quinteiro. Un total de 56 alumnos e alumnas da facultade presentaron, de xeito individual ou en grupos, unha vintena de propostas de saídas didácticas que, como explica Lareo, inseríanse nas actividades da materia Aprendizaxe da lingua estranxeira: inglés. Estas propostas, que foron avaliadas polas docentes nunha xuntanza virtual na tarde deste mércores, debían á súa vez buscar tamén algún punto de encontro tanto co Museo de Pontevedra como coa cultura británica.

Como explica Lareo, trátase dunha “actividade que vén do curso pasado” e que parte do coloquio que Quinteiro, finalista da anterior edición dos Premios Educa Abanca aos mellores docentes de España, mantivo con este mesmo grupo sobre os “mércores de arte”, a serie de visitas a museos e outros espazos que cada semana leva a cabo cos seu grupo de alumnos e alumnas. Esta charla converteuse no punto de partida dunha iniciativa na que Lareo propuña ao alumnado que organizasen unha saída para o grupo de estudantes de primeiro de primaria do que Quinteiro é titora, tendo en conta ademais a presenza nesta aula dunha estudante con diversidade funcional. “Ocorréusenos que fixeran uns talleres para poder levalos á realidade e facer unha especie de concurso”, sinala Quinteiro, que explica que as propostas foron avaliadas seguindo unha serie de criterios, desde que impliquasen tamén unha serie de actividades previas que permitan preparar a visita, ata trámites, permisos, recursos necesarios... “Busquei que fose un pouco un formato similar ao que lles van pedir despois unha exposición”, explica Quinteiro

Na tarde deste mércores, as docentes revisaron e analizaron os diferentes proxectos e deron a coñecer ao alumnado “as dúas propostas gañadoras”, que serán as que se convertan en realidade ao longo deste curso, o que, como sinala Lareo, constitúe “unha oportunidade de aprender facendo”. 

Primaria en tempos de covid-19

A profesora do CEIP A Xunqueira I volverá compartir un coloquio virtual co alumnado da facultade, neste caso cun grupo de estudantes do Grao en Educación Primaria, o vindeiro martes, xornada na que lles trasladará as súas vivencias como docente durante o período de confinamento e a posterior volta ás aulas. A idea, como sinala Lareo, é “achegalos un pouco ao día a día da aula”, así como a un período no que, como engade Quinteiro, “houbo que improvisar moito e adaptarse”, e que, á súa vez, puxo de relevo a “función compensatoria da escola”, que facía preciso evitar “que aqueles que tiñan menos recursos quedaran atrás”.