concursos extensión
A Universidade de Vigo convoca a toda a comunidade universitaria a explorar as súas capacidades creativas e artísticas e presentarse aos concursos de creación audiovisual, fotografía, pintura e maquetas de música do ano 2026. O prazo de presentación de traballos está aberto ata o 29 de xullo para a XXIII edición do Premio de creación audiovisual, que repartirá 3300 euros en premios; a XXII edición do Premio de fotografía, con 1500 euros en premios; a XXIII edición do Premio de pintura, cun orzamento de 1600 euros e a XXIII edición do Premio de maquetas de música, que repartirá 1300 euros. En total, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria destina 7700 euros en galardóns para as diversas modalidades e categorías, nas que poderá participar o estudantado, o PTXAS e o PDI.
XXIII Premio de creación audiovisual
Ao Premio de creación audiovisual poderán presentarse traballos amateur e orixinais con temática libre sempre que non fosen galardoados previamente en ningún outro concurso ou festival autonómico, nacional ou internacional. A convocatoria comprende tres modalidades: curta narrativa, non ficción e vídeo experimental. Cada participante ou grupo de traballo poderá presentar un máximo de dúas obras por cada unha das modalidades. A duración dos traballos non excederá de 15 minutos. O material audiovisual contido na obra debe ser de produción propia ou, no seu defecto, compre citar as fontes das imaxes alleas que se inclúan así como o estado dos dereitos de utilización delas. Os tamaños máximos dos arquivos serán de 1 GB para curta narrativa; 3 GB para non ficción e 1 GB para vídeo experimental. O mellor traballo de cada modalidade recibirá 700 euros e o segundo 400 euros.
XXII Premio de fotografía
Pode participar nesta modalidade calquera membro da comunidade universitaria da Universidade de Vigo que non fose premiado en edicións anteriores neste mesmo certame. Comprende dúas modalidades: serie (de 3, 4 ou 5 fotografías) e fotografía única. A temática será libre e poderán presentarse traballos en branco e negro ou a cor. O tamaño non pode ser inferior a 3000 px, nin superior a 5000 px no seu lado máis longo. No referente aos premios, na modalidade de serie outorgarase un primeiro premio de 600 euros e un segundo galardón de 300 euros. Na modalidade de fotografía única, a persoa gañadora recibirá 400 euros e a segunda clasificada 200 euros. Os premios de ambas modalidades non poderán recaer na mesma persoa.
XXIII Premio de pintura
Neste certame poderá participar calquera membro da comunidade universitaria que non fose premiado en edicións anteriores neste mesmo premio e cada participante presentará unha única obra orixinal que non fose galardoada en ningún outro concurso. A técnica será libre e debe garantir a estabilidade da obra, evitando no posible a utilización de materiais que se poidan degradar co paso do tempo. O tamaño das obras non debe exceder de 200 centímetros na maior das súas dimensións. As pinturas premiadas formarán parte da colección artística da Universidade de Vigo. Outorgarase un 1º premio de 1000 euros e un 2º premio de 600 euros.
XXIII Premio de maquetas de música
Igual que no resto de modalidades, poderán participar solistas que sexan membros da comunidade universitaria ou grupos que teñan entre os seus compoñentes polo menos dous membros da UVigo, que serán tres no caso de grupos de cinco ou máis compoñentes. Non poden tomar parte neste concurso solistas ou grupos que teñan editado algún traballo discográfico, agás que sexa autoeditado e non conten con respaldo discográfico na actualidade. Os temas incluídos na maqueta non poden ter sido premiados en ningún outro concurso. Universidade de Vigo resérvase a posibilidade de editar un CD ou DVD con temas das persoas gañadoras en cada modalidade ou promover actuacións destas. Non obstante, as persoas autoras poderán facer uso delas mencionado o premio obtido. O 1º premio será de 850 euros e o 2º de 450 euros.
