DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha tese propón varios itinerarios por esta cidade inspirados no escritor luso

Coñecer Porto a través da obra de Camilo Castelo Branco

A investigación aborda o potencial do turismo literario para o coñecemento do territorio

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
DUVI Ourense 21/04/2021

Camilo Castelo Branco está considerado como un dos escritores máis importantes da literatura portuguesa. Aínda que inscrito dentro do romanticismo, a súa obra destaca pola crítica social e abrangue títulos como Amor de perdición ou A brasileira de Prazins. Na súa tese de doutoramento, a xeógrafa Ana Maria Moutinho Ferreira propón varios itinerarios literarios para facer unha lectura da cidade de Porto en base á vida e obra deste autor.

A tese, titulada Turismo literário no Porto: avaliação da sua potencialidade com base na figura de Camilo Castelo Branco, foi realizada baixo a dirección de Elisa Alén (Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense), e Pedro M. da Costa Liberato (Instituto Politécnico do Porto) no marco do Programa de Doutoramento en Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento, do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga. “Tendo como punto de partida a relación existente entre xeografía, literatura e turismo, cremos que a literatura como instrumento para a lectura do territorio pode traducirse nunha mobilización turística, alimentando o segmento de turismo literario”, comenta a autora sobre a orixe do seu traballo. Neste marco de consideración, na súa tese Ana Maria Moutinho Ferreira deseñou varias propostas de turismo literario que foron validadas como ofertas potenciais para un mercado turístico “cada vez máis amplo e diversificado, pero que tamén é cada vez máis auténtico, ofrecendo aos visitantes experiencias únicas e diferenciadas”. O desenvolvemento da súa investigación e a creación de propostas literarias, engade, ademais de afirmar a vocación literaria da cidade, poden contribuír "á presentación de novas e polifacéticas solucións para o desenvolvemento sustentable do turismo en Porto".

Deseño e avaliación

No traballo realizado, a xa doutora pola Universidade de Vigo explica que Camilo Castelo Branco serve como punto de partida para avaliar a posibilidade de convidar a visitar Porto a través da literatura. Así, propúxose deseñar e avaliar varios itinerarios literarios que mostrasen a cidade como “un espazo vivido polo autor e/ou os seus personaxes, integrándoa en itinerarios urbanos que resulten da fusión entre literatura (ficción) e topografía (real)” e proporcionando “a experiencia de transposición do mundo ficticio ao mundo real”. Concretamente, a súa proposta de turismo literario inclúe a realización de dous itinerarios literarios e cada un inclúe dúas rutas complementarias entre si. Un dos percorridos, chamado O Porto de Camilo, está inspirado na vida do autor na cidade e permite ao visitante percorrer os lugares da cidade que máis se identifican cos camiños diarios do escritor. O segundo, chamado O Porto do Século XVIII: a Cidade e o Río, baséase “na análise das súas obras e presenta a cidade do século XIX”.

Unha vez deseñadas, as propostas de rutas foron avaliadas desde a perspectiva da oferta, recollendo a opinión de axentes turísticos locais e rexionais, representantes de institucións privadas e públicas; e desde a perspectiva da demanda, con enquisas a 272 visitantes/turistas da cidade. No eido da oferta, a xeógrafa indica que “os itinerarios presentados foron moi ben recibidos” destacando as persoas entrevistadas como os itinerarios permitirían “ampliar a diversidade da oferta, constituíndo así un atractivo máis da oferta turística local, engadindo valor aos segmentos turísticos xa consolidados e potenciando novas oportunidades”. No eido da demanda, o estudo apunta como as proposta foron consideradas en xeral pola maioría dos enquisados como “oportunidades para aprender cousas novas, para o enriquecemento cultural e para experimentar lugares asociados coas obras literarias”.

O potencial do turismo literario

As enquisas realizadas no estudo tamén permitiron á súa autora avaliar a importancia e potencialidade do turismo literario na oferta turística da cidade de Porto. Indicando como resultou “evidente que existe unha relación directa entre o nivel de cualificacións académicas e a importancia atribuída aos itinerarios literarios”, a tese recolle que son as e os turistas/visitantes cun mestrado os que máis valoran a participación nun itinerario literario como unha oportunidade de aprendizaxe e enriquecemento cultural e que os que teñen un doutoramento consideran que os itinerarios son decisivos na experiencia turística (non só consideran participar nun ou máis roteiros senón que tamén indican que repetirían o destino para participar nun novo itinerario). Segundo as enquisas realizadas, os visitantes/turistas cuxa renda se atopa entre 2001 e 3000 euros mensuais son os que máis estiman estes percorridos; os italianos son os que máis valoran as rutas literarias como unha forma de enriquecemento cultural e son os franceses os que din que o seu interese en participar nelas está máis relacionado coa oportunidade de entender mellor unha obra literaria. Igualmente, as e os turistas que presentan unha estancia de máis de dez noites son os que máis interese amosan en participar neste tipo de roteiros.

“Unha conclusión importante neste estudo é que os visitantes/turistas cuxa principal razón de viaxar é o turismo literario son os que están máis dispostos a estender a viaxe para poder participar nun itinerario literario”, engade Ana Maria Moutinho Ferreira. Con todo, comenta, son os turistas enogastronómicos os que máis se identifican coa oportunidade de repetir o destino para levar a cabo un roteiro. Segundo o estudo, o grupo de visitantes que non se considera lector é o que máis valora a oportunidade de participar nun ou máis itinerarios como algo que influiría na súa experiencia de viaxe pero son os lectores de nivel superior os que consideran que esta experiencia aumentaría o seu grao de satisfacción co destino. De todos os visitantes/turistas enquisados, indícase no traballo, son os pensionistas os que presentan non só unha gama máis ampla de motivacións literarias, senón tamén os que están máis dispostos a levar a cabo os itinerarios, mesmo se necesitan estender a viaxe ou repetir o destino.