Aberta ao público, terá lugar o 17 e 18 de setembro na Vicerreitoría do campus
As conexións entre arte, natureza e ciencia centran un foro internacional
Dirixido a pór en común diferentes iniciativas no ámbito da bioarte
Reunir “creadores e investigadores de diversas disciplinas” co propósito de promover unha reflexión sobre “os novos desafíos na intersección entre arte, ciencia e tecnoloxía” era o propósito co que a investigadora do grupo dx5 Antía Iglesias impulsaba neste 2025 en Nova York o ciclo de seminarios Art at the Edge of Nature, no marco dunha estadía posdoutoral como beneficiaria dunha bolsa Fulbright. Da man deste grupo de investigación da Facultade de Belas Artes, da Escola de Enxeñaría Forestal e do Campus Crea esta iniciativa desenvolverá a súa terceira edición en Pontevedra, na sede da Vicerreitoría do campus, os días 17 e 18 de setembro. Aberta ao público, esta reunión científica permitirá coñecer os proxectos e procesos de traballo de artistas e investigadores vinculados, desde diferentes perspectivas, á idea de bioarte, entendida “como un espazo fundamental para recoller aquelas prácticas non convencionais e transgresoras, que xorden na fronteira entre a arte e o que chamamos natureza”, apunta Iglesias.
Tras dúas edicións en Nova York, este seminario celébrase por primeira vez en España como parte da serie de foros do grupo dx5. Baixo o título de Poshumanismos interdisciplinares na arte e a ciencia, este IX Foro Internacional de Creación na Fronteira porá desta volta o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades ambientais. O seu obxectivo, sinala Iglesias, é “pór en conxunto as investigacións que se están facendo neste ámbito e reflexionar sobre a relevancia da bioarte”, así como “reivindicar estas prácticas e a súa relevancia no contexto no que nos atopamos”.
Con ese propósito, o programa deste encontro abrangue as presentacións das liñas de traballo de seis investigadoras e investigadores de diferentes universidades, xunto cunha mesa redonda dirixida a xerar un diálogo sobre “o futuro destas prácticas en España”, sinala Iglesias. Dirixido por esta investigadora xunto coa responsable do grupo dx5, Ana Soler, e a directora da EE Forestal, Ángeles Cancela, este foro busca tamén fomentar un encontro interdisiciplinar, que promova o coñecemento doutros “achegamentos á natureza”, que permitan a científicos e artistas “xerar coñecemento desde outra perspectiva”.
Ir máis aló do humano
“A arte considerouse durante moito tempo como un proceso especificamente reservado e abordado polos seres humanos”, sinala a coordinadora dun encontro que pon o foco nesa idea dos poshumanismos co propósito de abordar “prácticas que se cuestionan as cousas desde outra perspectiva, que vai máis aló do humano”. Desde esa perspectiva, esta reunión busca explorar como “diferentes axentes dialogan con outros organismos vivos”, así como con “outras tecnoloxías adaptativas”.
Con este propósito, esta reunión arrancará, na tarde do mércores 17, cun relatorio do investigador da Universitat de Barcelona Daniel López Rincón, cuxo traballo “conecta a arte con debates contemporáneos, abordando as relacións entre arte, ciencia, tecnoloxía e natureza”, salientan desde a organización. Esta primeira xornada contará tamén coa participación da catedrática da Universidad Europea de Madrid Esther Pizarro, directora do grupo EcoBD Lab, cuxos proxectos sitúanse “na intersección entre arte, urbanismo, ecoloxía e tecnoloxías dixitais, con especial atención á visualización de datos, o cambio climático e as novas paisaxes urbanas”.
A xornada do xoves 18 abrirase cunha presentación de Paula Bruna, profesora do Centro Universitario de Artes e Deseño de Barcelona, quen “combina fundamentos científicos, ficción especulativa e prácticas artísticas para explorar perspectivas máis-que-humanas como forma de coñecemento ecolóxico”. A continuación, este foro permitirá coñecer os proxectos desenvolvidos con fungos polo artista e investigador Santiago Morilla, da Complutense. Procedente tamén desta universidade, Elena Lavellés presentará as súas prácticas artísticas, coas que “explora as capas sociais e xeolóxicas vinculadas ao capitalismo, a explotación de recursos e os movementos de resistencia”, mentres que o último relatorio corresponderá ao director do grupo de investigación Sostenibilidad, Ciencia y Arte da Complutense, José Carlos Espinel. A intersección “arte-ciencia” será o eixo desta presentación, que permitirá achegarse aos proxectos dun artista que “traballou con impresión 3D, robótica e videoxogos como ferramentas de creación, abordando temas como a ecoloxía e a xustiza social”.
