DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Santiago Hierro foi o encargado de falar sobre esta temática

Unha conferencia aborda a aplicación do bo goberno corporativo en empresas que non cotizan en bolsa

A sesión celebrouse a través do Campus Remoto da UVigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Ourense 26/02/2021

O Curso de Actualización Xurídica 2020/2021 da Facultade de Dereito do campus de Ourense continuou este venres a súa programación do segundo cuadrimestre cunha conferencia de Santiago Hierro, catedrático de Dereito Mercantil da Universidad de Alcalá de Henares. Nela afondou na aplicación de políticas de bo goberno corporativo, inicialmente creadas para as compañías que cotizan en bolsa, en sociedades pechadas e empresas familiares, que están fóra do mercado de accións.

Na presentación da conferencia, Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, destacou como con esta conferencia continúa un curso que xurdiu coa idea de “facilitar unha formación multidisciplinar dos docentes, investigadores e alumnos deste centro e facilitar tamén a súa actualización en temáticas específicas”. Pola súa banda, Ana María Tobío, catedrática de Dereito Mercantil da UVigo, lembrou como a intervención de Santiago Hierro estaba previsto que se celebrase na anterior edición do Curso de Actualización Xurídica, hai xa un ano, pero debido á declaración do estado de alarma pola covid-19 tívose que anular. Do relator, destacou o seu “excelente” e “dilatado” curriculum tanto académico como profesional, subliñando do primeiro deles como Santiago Hierro é doutor tanto en Dereito como en Economía, tendo entre os seus ámbitos de especialización o dereito de sociedades.  

Das grandes empresas ás pequenas

Santiago Hierro comezou a súa intervención explicando que goberno corporativo “é un termo que fai referencia ao conxunto de normas, principios, procedementos, que regulan o que sería o funcionamento dos órganos de goberno dunha empresa”. En concreto, detallou, establece as relacións dos órganos clásicos dunha empresa ou sociedade: a xunta xeral de socios, o consello de administración, os accionistas e resto de partes interesadas, estipulando o proceso de toma de decisións. A finalidade última que sempre se buscou co goberno corporativo, indicou, “é incrementar o valor das accións pero agora tamén se buscan outra serie de valores como serían a sostibilidade da empresa a longo prazo” e os intereses ambientais, sociais e de gobernanza nun sentido amplo. Aínda que as normas de goberno corporativo teñen como “destinatarios naturais” as sociedades cotizadas, aquelas que teñen os seus títulos en mercados bursátiles, Santiago Hierro explicou como tamén existen códigos de goberno corporativo para sociedades non cotizadas e empresas familiares, códigos realizados por diferentes organismos (como colexios de economistas) tanto de carácter estatal coma internacional, estendéndose a súa aplicación nas últimas décadas. Parte do éxito desta translación, indicou, pode estar relacionada “coa perda de relevancia do mercado de valores de accións no financiamento de empresas” e coa aparición de grandes actores financeiros como son fondos de capital risco. Os novos fondos, sinalou, invisten en compañías pechadas e incluso cando invisten en compañías abertas, que cotizan, ás veces exclúenas de cotización para xestionalas de maneira privada.

A aplicación das medidas de bo goberno corporativo nas empresas pechadas ou familiares, comentou o catedrático de Dereito Mercantil, facilitan a atracción destes novos fondos, “que buscan empresas que estean ben administradas, ben xestionadas, xa que lles interesa o crecemento desa compañía para rendabilizar o seu investimento e non tanto o que sería o goberno propiamente da compañía”. Así, lembrou, os principios de goberno corporativo contribúen a mellorar ou xerar un ambiente de confianza no mercado e mellorar a relación cos provedores, entre os socios e coas entidades financeiras da súa contorna, algo que apuntou é moi relevante no caso destas pequenas e medianas empresas. Sobre estas boas prácticas, salientou a súa importancia para abordar nestas empresas non só as problemáticas comúns ás empresas que cotizan en bolsa senón tamén as súas problemáticas específicas, como son no caso das empresas familiares a cuestión do relevo xeracional, a confusión de intereses familiares e empresariais ou a existencia de conflitos entre os socios familiares e non familiares. Neste senso apuntou como as normas de goberno corporativo teñen como un dos seus obxectivos principais abordar o chamado problema de axencia, que atende a separación entre a propiedade e o control nunha sociedade.

Programación de actualización xurídica

A conferencia celebrada este venres forma parte do Curso de Actualización Xurídica, organizado este curso por terceiro ano consecutivo pola Facultade de Dereito. A edición 2020/2021 desta iniciativa desenvólvese desde novembro do pasado ano ata maio deste e conta con sete sesións (e oito conferencias), cada unha delas centrada nunha área diferente do dereito pero todas elas abordando temas de carácter transversal e de actualidade no eido xurídico. A iniciativa púxose en marcha no curso 2017/2018 no marco das actividades da Comisión de Calidade do centro como un programa de formación permanente no que cada área da facultade participa propoñendo un experto ou experta e unha temática que poida ser de interese. O curso está organizado por Marta Fernández, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e decana da Facultade de Dereito; Susana Álvarez, profesora contratada doutora de Filosofía do Dereito e vicedecana deste centro; e Francisca Fernández Prol, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e coordinadora do Grao en Dereito. Atendendo á situación sanitaria provocada pola covid-19, a actividade celébrase on-line, a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, e non de xeito presencial, como era habitual.