DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi ofrecida polo catedrático da Universitat de València Juan Ignacio Ruiz

Unha conferencia aborda os mercados dixitais desde unha perspectiva xurídica

A actividade iniciou a programación de 2023 do curso de actualización da Facultade de Dereito

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 20/01/2023

A Facultade de Dereito do campus de Ourense retomou este venres a programación do seu Curso de Actualización Xurídica do curso 2022/2023 cunha conferencia sobre mercados dixitais e protección dos consumidores, ofrecida por Juan Ignacio Ruiz Peris, catedrático de Dereito Mercantil da Universitat de València.

O Curso de Actualización Xurídica inclúe cada ano unha serie de conferencias, centradas cada unha delas nunha área diferente do dereito, sobre temas de carácter transversal e de actualidade no eido xurídico, co obxectivo de avanzar na formación multidisciplinar do persoal docente e investigador da Facultade de Dereito e do seu alumnado e facilitar a súa actualización en temáticas xurídicas alleas ás súas especialidades. A conferencia celebrada este venres foi presentada en nome da organización pola profesora e vicedecana Francisca Fernández Prol, e por Ana María Tobío, catedrática de Dereito Mercantil da UVigo.

18% do PIB  

Ruiz Peris abordou ao longo da súa intervención “a situación actual dos mercados dixitais desde a perspectiva do dereito da competencia e os efectos que iso ten para os consumidores”. Os mercados dixitais, apuntou, “defínense en función da utilización dos medios dixitais para realizar operacións de comercio, o que antes se chamaba comercio electrónico”. Estes medios son, dixo, “instrumentos dixitais de realización do mercado, que supoñen hoxe en día un 18%, aproximadamente, do PIB global, e medrando cada ano”. Das cinco primeiras empresas por capitalización bursátil, aclarou o experto, catro son xigantes dixitais. Segundo os seus datos, na actualidade "estamos nunha situación na que cinco grandes compañías a nivel global (como Google, Amazon e Apple), teñen unhas cotas de mercado extraordinariamente relevantes dentro de diversos mercados e plataformas dixitais”. Isto, indicou o relator, trouxo consigo algúns problemas en materia de competencia por abuso de posición de dominio ou monopolio, tanto no ámbito europeo como norteamericano, poñendo como exemplo que só na UE Google nos últimos anos tivo máis de 4000 millóns de euros en sancións.

Co obxectivo de atender esta situación, o convidado explicou que a Comisión Europea aprobou recentemente, o pasado 12 de outubro de 2022, un regulamento de mercados dixitais que entrará en vigor entre maio e xuño deste ano. Esta normativa, indicou, vai dirixida ás entidades “que nalgún momento determinado controlan o acceso entre os usuarios profesionais das plataformas e os usuarios finais das mesmas”, como son as citadas compañías. Juan Ignacio Ruiz comentou algunha das medidas “relevantes” que contempla este regulamento, tanto desde a perspectiva dos profesionais (para por exemplo evitar nun momento determinado que haxa discriminación no trato entre os usuarios profesionais que acoden ás plataformas), como desde o punto de vista dos usuarios finais (para, por exemplo, evitar a imposibilidade de eliminar nun momento dado aplicacións instaladas no teléfono móbil).