DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofrecida polo investigador da Universitat Politècnica de Catalunya Corrado Altomare

Unha conferencia aborda o potencial da enerxía renovable das ondas do mar

No marco do traballo do grupo Ephyslab no eido do modelado numérico neste eido

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 29/09/2021

Este mércores a Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu unha conferencia sobre o potencial da enerxía renovable das ondas do mar, ofrecida polo investigador da Universitat Politècnica de Catalunya Corrado Altomare. A conferencia, que levou por título O futuro das renovables está no mar, foi organizada polo Grupo Ephyslab (Environmental Physics Laboratory. Centro de Investigación Mariña-UVigo), que conta cunha liña de investigación centrada no modelado numérico que abrangue este eido.

Ao longo da súa intervención, Corrado Altomare explicou ao alumnado e persoal docente e investigador presente cuestións como os principios básicos da enerxía renovable mariña, os seus os recursos, como se aproveita e cales son os captadores de enerxía. Igualmente explicoulles cara onde está camiñando a investigación que se fai a nivel europeo neste eido e cal é o seu grao de madurez a nivel internacional, ademais de como pode contribuír a enerxía undimotriz ou enerxía das ondas a atender a elevada demanda de enerxía que existe na actualidade.

“A investigación está aínda nunha fase de desenvolvemento prototipo, non é a grande escala, aínda non é capaz de instalar parques de sistemas de captación undimotriz”, comentou o investigador. Aínda que o interese nesta enerxía naceu en realidade hai dous séculos e se investiga nela desde hai décadas, explicou, “necesitamos aínda moito esforzo en investigación e tamén moito apoio da industria e dos gobernos para que sexa máis asequible e rendible”.

A súa visita ao campus de Ourense non é a primeira xa que Corrado Altomare leva 12 anos colaborando con Ephyslab no desenvolvemento do software liderado por este grupo do campus de Ourense DualSPHysics, que se ten convertido nun referente na simulación de dispositivos captadores de enerxía de ondas, especialmente cando se trata de avaliar o seu funcionamento ante condicións extremas, como temporais. “Eu achego a este software os meus coñecementos no eido da enxeñaría marítima e costeira, en interaccións fluídos-estruturas e en ensaios en laboratorio”, sinalou o investigador, cuxo traballo se centra no eido do modelado numérico.