DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi ofrecida por José Sobrino, catedrático de Física da Terra da Universidade de Valencia

Unha conferencia afonda no campus no uso de satélites para a detección de illas de calor e incendios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Ourense 12/02/2026

O campus de Ourense acolleu este xoves a conferencia Illa de calor e incendios: unha aproximación dende a teledetección, ofrecida por José Sobrino, catedrático de Física da Terra da Universidade de Valencia, experto en teledetección e líder da fase de consolidación da misión térmica SIRIUS da Axencia Espacial Europea (ESA). O acto estivo organizado polo Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo, co apoio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, a Facultade de Ciencias e o Campus Auga. 

De orixe galega, José Sobrino abordou a temática da conferencia a partir da experiencia nela de 40 anos do seu grupo de investigación na Universidade de Valencia, onde actualmente é director da Unidade de Cambio Global. Así falou de traballos feitos arredor da detección de incendios, sobre todo da súa extensión e severidade e da evolucion das zonas afectadas, como foi no caso dos incendios acontecidos en Ourense no mes de agosto. Igualmente explicou ao alumnado e persoal docente e investigador presente o uso da teledetección en illas de calor, é dicir ao feito de que “a temperatura na cidade, durante a noite fundamentalmente, é maior que na zona dos arredores, xa que os materiais que configuran a cidade feitos polo home, como o cemento, o asfalto, etc. absorben calor de día e libérano durante a noite, o que e fai que aumente esa temperatura”. Con datos de satélite, indicou, “pódense detectar eses graos de variación entre a zona urbana e os arredores”. Neste punto o convidado explicou que “presentamos un proxecto á Axencia Espacial Europea, unha misión científica que ten como obxectivo o estudo do efecto illa de calor co lanzamento dun satélite puramente destinado a iso”. O satélite chámase SIRIUS e “é unha fase de consolidación, despois de oito meses traballando no proxecto presentamos hoxe mesmo o informe final e en marzo defenderémolo na ESA xunto a outros proxectos, dos que se elixirán dous para lanzar ao espazo”. 

Auga, medio ambiente e algoritmos

José Sobrino tamén falou de como na actualidade está no grupo asesor da misión da ESA Land Surface Temperature Monitoring (LSTM), “que ten como obxectivo sobre todo o seguimento do uso da auga nos cultivos, concretamente a evapotranspiración”, centrándose en medir desde o satélite os milímetros de auga evaporada por día. “A partir diso pódese ter estimacións das necesidades de auga e por tanto facer un uso racional do regadío”, sinala, lembrando que aínda que agora estamos con inundacións “en España unha gran parte da superficie ten necesidades de auga, algo que afecta aos cultivos e á produtividade agrícola, e por tanto ter estes datos pode achegar moito á produtividade agraria e ao uso racional de recursos”. 

Na súa intervención, presentada por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, o catedrático tamén comentou o uso de teledetección en cambio climático en sentido global, en ver como aumenta a temperatura do planeta empregando imaxes de satélite que barren toda a superficie planetaria de xeito diario, observando como evoluciona no tempo e o que iso implica en subida do nivel do mar, no desexo glaciar, etc. Por último, citou a importancia da liña de investigación básica en teledetección, no caso do seu grupo “desenvolvendo algoritmos que permitan a partir dos satélites existentes, xerar parámetros, dar mapas de temperatura, de evapotranspiración, de illas de calor, etc”. Para facelo, engadiu, “hai unha parte fundamental que consiste en ver como se corrixe a imaxe de satélite para conseguir que o mapa que ofreces sexa un mapa de precisión e que realmente axude”, pois, indicou, “se queremos que o dato in situ se substitúa polo dato de satélite temos que asegurar unha precisión equivalente”.