DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 40 especialistas de sete países participan desde este venres nas xornadas da CJS

Unha conferencia internacional afonda desde múltiples perspectivas na obra e pensamento de Saramago

Con sede en Porto, o evento académico pode seguirse a través de internet 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Internacional
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 18/12/2020

“José Saramago deixounos un legado intelectual e literario que envolve dominios tan diferentes, mais complementarios, como a literatura, a arte en xeral, a filosofía, a política, a economía, a ciencia e a relixión”. Deste xeito poñen poñen de relevo os responsables da Cátedra José Saramago (CJS) da Universidade de Vigo as múltiples perspectivas que implica a abordaxe da produción literaria do Nobel portugués. Esa análise “transdisciplinar” e a posta en relación da obra, a traxectoria e o pensamento do autor luso con diversas problemáticas sociais, económicas, políticas e ecolóxicas é o propósito central da V Conferencia Internacional José Saramago, que a CJS promove xunto co Museu Nacional da Imprensa (MNI) de Porto e que na tarde deste venres celebrou a súa inauguración. O profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución e director da CJS, Burghard Baltrusch, o director do MNI, Luiz Humberto Marcos, e a presidenta da Fundación José Saramago, Pilar del Río, a través dunha intervención en vídeo, foron os responsables de pór inicio a esta conferencia internacional, que reúne no seu programa 35 relatorios e comunicacións a cargo de expertos e expertas de sete países.

Organizado coa colaboración do Instituto Camões, a Fundación Enxeñeiro António de Almeida e a Fundación José Saramago, esta conferencia internacional, que en anteriores edicións tivo como sede o campus pontevedrés, trasladouse neste 2020 ata o MNI, que entre entre este venres e o vindeiro luns acolle os dez paneis nos que preto de 40 especialistas de Portugal, Brasil, España, Polonia,Estados Unidos, Arxentina e Reino Unido abordan a obra do escritor portugués dedse múltiples perspectivas. Varios e varias farano desde a propia sede do evento, mais dada a situación sanitaria, un bo número de investigadores e investigadoras sumaranse por videoconferencia a este foro académico, que se retransmite en directo a través de internet. Baltrusch, Marcos e o investigador da CJS Carlos Nogueira integran a comisión organizadora desta V Conferencia Internacional, que baixo o título de Escrevo para compreender, busca explorar, como sinalan os seus responsables, “as grandes liñas temáticas tratadas nos anos anteriores”, Así a literatura e a arte “como creación, pensamento e activismo”; o ser humano, a bioloxía e a cultura; a natureza e o medio ambiente, “en especial as alteracións climáticas e actual pandemia”; a ética, igualdade e xusticia social, “particularmente no contexto da Carta Universal de Deberes e Obrigas dos Seres Humanos”, promovida pola Fundación José Saramago; e a educación e o ensino centran as liñas temáticas desta conferencia, que, deste xeito, busca pór o foco en como “os grandes problemas do noso tempo son tamén as grandes cuestións da literatura e da arte contemporánea, que, de diferentes modos, poden deseñar novos ou renovados paradigmas para o ser humano”.  

O Ano da Morte de Ricardo Reis e O Conto da Illa Descoñecida

Ademais do acto de apertura, na tarde deste venres tiveron lugar os dous primeiros paneis desta conferencia. No primeiro deles, moderado por Baltrusch, a novela O Ano da Morte de Ricardo Reis serviu como punto de partida para falar de “memoria cultural e intertextualidade e deconstrución dos sentidos”, na intervención de Ana Paula Arnaut, investigadora da Universidade de Coimbra, e para reflexionar sobre o papel da prensa, na intervención de José Cándido de Oliveira, da Universidade Católica Portuguesa. Nesta novela detívose tamén, no segundo dos paneis, o investigador da Universidade de Sao Paulo Filipe Reblin, mentres que O Conto da Illa Descoñecida foi por outra banda o punto de partida das achegas de José Eduardo Reis, da Universidade de Trás-os-Monte e Alto Douro, e de María da Luz Lima e Paulo Rafael Bezerra, do Instituto Federal de Pará e a Secretaría Municipal de Educaçao e Cultura de Ananindeua, respectivamente.

Por outra banda, esa conexión coas problemáticas actuais tamén estivo presente nesta primeira xornada no relatorio de María Victoria Ferrara. Investigadora da Cátedra Libre José Saramago da Universidad Nacional de Córdoba, quen impartiu un relatorio sobre “o sentido do mundo” na novela As Intermitencias da Morte e “nesta pandemia que nos toca vivir”.  

O evento promovido pola CJS continúa mañá sábado, con cinco novos paneis, nos que intervirán unha vintena de expeertos e expertas, e pecharase o vindeiro luns coas intervencións doutros 15 expertos e expertas.

Colección de “estudos saramaguianos”

Desta V Conferencia Internacional nacerá tamén “unha colección de estudos saramagianos" que buscará acoller principalmente os artigos presentados nas diferentes conferencias. O primeiro volume, cuxo título provisional é Dificílimo É o Ato de Escrever. Ensaios Saramaguianos I, publicarase, segundo explican desde a CJS, no verán de 2021.