DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inseridas nun proxecto de innovación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Unhas conferencias abordan co futuro profesorado o potencial didáctico da natureza que lles rodea

Foron impartidas polo doutor en Bioloxía Jorge Pascual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Pontevedra 05/05/2022

Coñecer os diferentes espazos naturais protexidos que teñen o seu redor, para logo afondar nas posibilidades que ofrecen á hora de abordar nas aulas a importancia que ten a conservación da biodiversidade. Isto é o que propuña ao alumnado dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria a conferencia que tanto o pasado martes como este xoves impartiu o docente, divulgador e doutor en Bioloxía Jorge Pascual, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Enmarcada nas actividades do proxecto de innovación docente Experiencias interdisciplinares no marco da Axenda 2030: recursos para achegar ao profesorado en formación os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, o propósito destes coloquios era que as e os asistentes puidesen “coñecer cales son as relacións que se establecen dentro dos ecosistemas”, como primeiro paso para “entender a necesidade de coidar a natureza e o impacto que teñen as nosas accións”, como salientou a profesora María Lorenzo.

Licenciado en Ciencias do Mar e doutor en Bioloxía pola Universidade de Vigo, Pascual de Pedro abriu a súa intervención presentando os datos dun estudo realizado pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza, que sinala que o 40% das especies de anfibios atópanse en perigo de extinción, ao igual que o 25% dos mamíferos, o 21% dos réptiles e case o 14% das aves, para logo por de relevo como, segundo outro estudo, as principais causas da extinción de animais desde o 1600 “son a destrución de hábitats e a introdución de especies invasoras” por parte do ser humano. Partindo deste marco xeral, presentou tamén unha serie de casos de especies das que “conseguiron recuperarse as súas poboacións con diferentes programas de conservación”, como o oso pardo, a balea azul ou o lince. 

Do mesmo xeito, Pascual achegou aos e ás asistentes unha serie de datos sobre diferentes espazos protexidos da súa contorna, desde o Parque Nacional das Illas Atlánticas, a parques naturais como o das dunas de Corrubedo ou zonas de Rede Natura 2000. Deste xeito, o conferenciante buscaba incidir tanto na importancia que ten a protección da biodiversidade como nas posibilidades que estes espazos achegan á hora de que, como futuras e futuros docentes, poidan trasladar esta idea aos nenos e nenas. De feito, completou o coloquio presentando unha relación de recursos didácticos, posibles actividades ou profesionais da divulgación que levan a cabo iniciativas educativas. Deste xeito, buscaba achegarlles unha serie de coñecementos que lles permitan, no seu futuro como profesores e profesoras, “transmitir os contidos do temario á nosa contorna”, podendo así “traballar a bioloxía non unicamente cun libro de texto, senón podendo ir a un espazo natural”.

Ferramentas para levar os ODS ás aulas

Organizada polos profesores María Lorenzo e Uxío Pérez esta conferencia insírese nun proxecto de innovación docente, financiado pola facultade, que ten como obxectivo promover un achegamento aos ODS “desde diferentes áreas e materias”, como explica Lorenzo. Nese senso, a actividade na que o martes participaban estudantes de Educación Primaria e este xoves alumnado de Educación Infantil buscaba pór o foco “nunha das finalidades de calquera escola”, como é “aprender a protexer a nosa contorna”, salienta Lorenzo.

Coa participación de 12 docentes da facultade, así como de profesores doutros centros da UVigo e de catro alumnas de doutoramento, este proxecto de innovación promoverá ao longo deste 2022 diferentes "actividades interdisciplinares" que doten ao alumnado de recursos que poidan ser de utilidade no seu futuro como docentes, á hora de abordar os ODS nas aulas. De feito, estas conferencias víronse precedidas en abril por un obradoiro que puña o foco na importancia dun consumo sostible de moda e o proxecto continuará, como explica Lorenzo, con novas actividades nos primeiros meses do vindeiro curso.