DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvólvese tanto presencial como en virtualmente dende hoxe ata mañá venres

Un congreso internacional analiza as dúas novas leis que afectan á discapacidade e á protección dos menores fronte á violencia

Segundo as organizadoras, Esther Pillado e Sonia Calaza, “marcan un fito normativo sen precedentes"

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
M. Del Río DUVI 04/11/2021

Neste 2021 aprobáronse dúas novas lei que afectan aos dereitos de dous dos colectivos máis vulnerables da sociedade: as persoas con discapacidade e as os menores de idade. Os cambios que traen consigo, a súa aplicación práctica e as súas eivas están sendo analizados estes días por expertos e profesionais na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo no marco do Congreso Internacional Retos do dereito de familia ante a nova regulación en materia de discapacidade e protección da infancia e adolescencia fronte á violencia.

O encontro, que ten lugar en formato presencial e tamén virtual, arrancou este xoves e desenvolverase ata última hora de mañá venres e xorde da colaboración entre as áreas de Dereito Procesual da Universidade de Vigo e a UNED, como explicaban no acto de apertura as súas organizadoras, as catedráticas Esther Pillado, da Universidade de Vigo e Sonia Calaza, da UNED. Ambas docentes apostaron por vincular os seus dous proxectos de investigación, un relacionado cos menores e outro coas persoas con discapacidade, e desa cooperación nace o simposio, que se desenvolve no marco dos Proxectos de investigación do MICINN e do Programa de Doutoramento Xestión e Resolución de Conflitos. Menores, Familia e Xustiza Terapéutica. 

Como explican as catedráticas organizadoras, tras a aprobación -e subseguinte entrada en vigor- dunha “relevantísima e impactante regulación normativa en materia de persoas”, en concreto, a Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia e a Lei 8/2021, de 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica, “xorden múltiples interrogantes aos distintos profesionais comprometidos no seu exercicio de interpretación á hora de proceder a súa máis fiel aplicación”. A estes interrogantes trata de responde o congreso, que pretende “ofrecer ao cidadán, ao investigador e ao profesional unha visión transversal de todas estas materias nucleares”, explican.  

O programa conta coa participación de catedráticos e profesores de universidade “de todas as ramas do ordenamento xurídico -tanto substantivas como procesuais- comprometidas e un bo número de destacados profesionais do Dereito, con especial incidencia dos profesionais da notaría galega, representados polo decano, José Graíño”. De feito, como recalcaba Pillado na inauguración, “a elección dos contidos e dos poñentes foi realiza con moito coidado e atención, porque é unha temática cunha gran relevancia, non só no eido universitario, senón para a sociedade no seu conxunto”. 

Un fito normativo sen precedentes

Na súa intervención, a profesora Calaza destacou a importancia destas dúas “novas leis estruturais da xustiza civil e penal que afectan aos sectores máis vulnerables da nosa sociedade”, como son a infancia e a adolescencia e a discapacidade. Considera que a súa aprobación marca “un fito normativo sen precedentes, son leis modernas, ambiciosas, disruptivas, son leis que emprenden un proxecto novo de humanización e de dignificación da xustiza”. Pero aínda que o balance global, segundo a catedrática, é positivo, “presentan algunhas disfuncionalidades que os académicos e profesionais debemos analizar”. Así, por exemplo, no que se refire á tutela procesual civil da discapacidade, as persoas asistentes analizarán o expediente de xurisdición voluntaria ou o proceso contencioso e tamén se abordará o papel do notariado e os poderes preventivos ou o internamento non voluntario. Outras mesas redondas achegaranse ás reivindicacións internacionais sobre a protección da infancia e a adolescencia tras a pandemia; aos dereitos dos menores con discapacidade; á distinción entre as situacións de risco e desamparo na LO 8/2021; á regulación do acollemento transfronteirizo na LO 8/2021 ou ao dereito do menor a ser escoitado. Tamén se debaterá sobre a proba de exploración xudicial dos menores nos procesos de familia ou sobre as orixes e perspectivas da figura do coordinador de parentalidade.

Dos dereitos aos feitos

O acto de apertura do simposio contou tamén coa participación de Rafael de Lorenzo, secretario do Consejo General da ONCE, que quixo lembrar que este cambio lexislativo comezou coa convención de 2006 de Nacións Unidas, “o primeiro tratado de dereito internacional vinculante en materia de discapacidade”. A partir da súa sinatura, produciuse un “despregue lento pero inexorable” sobre o conxunto dos ordenamentos xurídicos dos países que a ratificaron. En España “o traballo foi incesante dende a súa entrada en vigor en 2008, provocando, dende unha posición moi propositiva do movemento asociativo da discapacidade, un senfín de normas e de adaptacións do ordenamento xurídico, o que permitiu grandes avances en dereito civís importantísimos, como o dereito ao voto para as persoas con discapacidade intelectual, a participación nun xurado ou o dereito á eutanasia”. Para De Lorenzo, a entrada de vigor destas dúas novas leis supón “un broche de ouro”, pero remarcou que agora “o importante é que se aplique, e que se aplique ben, porque non hai que esquecer que a inercia do funcionamento das institucións vai a tender a repetir as cousas do xeito no que se viñan facendo antes”. Nese sentido, considera necesario que, tanto “a academia como o movemento asociativo, en colaboración dos colexios profesionais, esteamos moi atentos para que de verdade este cambio de modelo de cara ao recoñecemento da plena capacidade xurídica das persoas con discapacidade non se vexa freado por prácticas que retornen a posicións anteriores. Hai que pasar dos dereitos aos feitos, e non é sinxelo, porque esta é a maior reforma do Código Civil dende a súa promulgación”. 

Finalmente, a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval, quixo aproveitar a súa intervención para reafirmar o compromiso da UVigo coa diversidade, cuxa celebración “é case como un lema”. Lembrou que, con máis de 20.000 estudantes na institución, arredor de 300 deles contan con exencións nas taxas por pertencen a algún colectivo “vulnerable ou vulnerado, algúns con historias de vida complicadas, xente valente, traballadora e loitadora que conseguiu chegar ata a universidade e estamos moi orgullosos de que elixisen a de Vigo”.