DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No seu último pleno do ano celebrado este mércores de xeito virtual

O Consello Social dá o visto bo definitivo aos orzamentos da UVigo para 2021

O teito de gasto e o plan estratéxico da institución académica foron outros dos temas abordados

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 23/12/2020

Despois de ser aprobados no Claustro e no Consello de Goberno, a proposta de orzamentos da Universidade de Vigo para 2021 acadou este mércores o visto e prace do Consello Social da UVigo. Con esta aprobación remata a súa tramitación e a institución académica contará o vindeiro ano cun orzamento de 184.640.912 euros, o que supón, despois de catro anos de incremento, un descenso do 5,3%. Será o orzamento estrutural máis alto da súa historia. Nunha sesión que tivo que ser telemática atendendo ás medidas de loita contra a covid-19, os membros do pleno da entidade abordaron tamén cuestións como o teito de gasto da institución académica e o Plan Estratéxico da Universidade de Vigo para o período 2021-2026.  

Antes da abordar estas cuestións, tanto Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da UVigo, como Manuel Reigosa, reitor da UVigo, tiveron palabras de recoñecemento para o traballo feito na institución académica neste ano tan “estraño” debido ao impacto da covid-19. Así, Ernesto Pedrosa fixo fincapé en como “da crisis debemos sacar conclusións positivas” e subliñou como “as universidades teñen exercitado unha potente capacidade de reacción (e Vigo é un bo exemplo), melloraron a súa identificación coas sensibilidades colectivas, cambiaron o ritmo de respiración académica e puxeron ás persoas por diante”. Pola súa banda, Manuel Riegosa quixo agradecer “todo o traballo feito durante este tempo de pandemia, un tempo moi complicado” pola comunidade universitaria e neste caso tamén polo Consello Social da Universidade. Foi, indicou, “un esforzo impagable da comunidade universitaria” o que permitiu á institución académica acadar os obxectivos e resultados que tivo desde que en marzo se declarase a pandemia. Así, durante o seu informe, o reitor fixo un detallado repaso por un amplo abano de actividades, proxectos de investigación, recoñecementos, captación de fondos e outras iniciativas institucionais desenvolvidas durante este período na Universidade de Vigo. 

Orzamento, teito de gasto e plan estratéxico

Tras esta aprobación, a UVigo contará en 2021 cun orzamento de 184.640.912 euros, o que supón, despois de catro anos de incremento, un descenso do 5,3%. A institución académica contará co orzamento estrutural máis alto da súa historia, de xeito que os ingresos estruturais, é dicir, os non afectados, ascenderán a 150.806.172 euros, 3 millóns de euros máis que nas contas de 2020. Atendendo á distribución dos gastos, o capítulo de persoal segue a ser a principal partida (63,28 % do total) cun importe de 116.833.700 euros, por riba dos 112.996.556 euros de 2020. Redúcese o capítulo de transferencias correntes (-9,45 %), debido á diminución de axudas do ministerio para os proxectos de relacións internacionais (Erasmus, Marmooc, Leap..., axudas para dotacións bibliográficas e bolsas de mobilidade internacional) e tamén descenden nun -32,41% os investimentos reais. Polo que respecta ao teito de gasto para o exercicio 2021 quedou fixado en 196 millóns de euros. Estes orzamentos foron explicados en detalle aos membros do pleno polo vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno.

Polo que respecta ao Plan Estratéxico da Universidade de Vigo para o período 2021-2026, Jacobo Porteiro, secretario do Comité de Dirección encargado da súa elaboración, foi o encargado de explicar o documento ante os membros do pleno. Este plan, tal e como puideron coñecer as e os asistentes á sesión, articúlase en cinco eixos estratéxicos (a formación; a relación coa sociedade; a organización e os recursos; a investigación e a transferencia e as persoas); tres valores (internacionalización, defensa da igualdade e fomento da lingua galega) e os obxectivos de desenvolvemento da sostibilidade e Axenda 2030. Del, Ernesto Pedrosa destacou como “é un documento esencial para que vehiculicemos as zonas de paso entre a universidade e a sociedade”. Do mesmo xeito, Manuel Reigosa agradeceu aos membros deste consello a súa participación neste plan “que para nós é algo importante, que nos vai a marcar o devir” e permitir “facer unha universidade máis moderna e máis involucrada na sociedade”.  

Outros temas

Tamén se aprobou neste pleno o orzamento do Consello Social para o exercicio de 2021 e as liñas xerais do plan de actuacións a desenvolver pola entidade en 2022. Entre outros puntos, tamén se levaron a esta sesión o informe do cambio de denominación da Escola Universitaria de Estudos Empresariais, que pasa a denominarse Facultade de Comercio, e o informe sobre a creación do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), impulsado polas tres universidades galegas e creado co obxectivo de compartir visión e estratexia para aproveitar as capacidades e reputación actuais das matemáticas galegas, creando unha entidade de I+D sostible, con relevante impacto académico, social e económico. 

No seu discurso ante os membros do pleno,o presidente do Consello Social tamén apuntou cuestións como que debido á pandemia “somos máis conscientes que nunca de que a ciencia e a investigación non só nos melloran a vida, senón que nos poden evitar perdela”. Neste momento, recalcou, “é o momento de mirar cara as inversións públicas en educación, cara o talento, cara a investigación e cara o mecenado”. Neste contexto, sinalou como “é unha boa noticia que o Ministerio de Universidades estea preparando un decreto de mínimos que deben cumprir as universidades, por riba da súa condición ou natureza, para poder ser aceptadas e denominadas como tales”, recalcando como “creo que esta iniciativa trae claridade, rigor, competitividade e garantías ao sistema universitario e evitará debates estraños ao esencial, que é a formación, investigación e o coñecemento de calidade”. Ademais, Ernesto Pedrosa indicou que con esta sesión plenaria culminou un período de catro anos da actual composición do Consello Social da UVigo, polo que “ante a eventualidade de que puideran producirse variacións antes de que volvamos a atoparnos na próxima reunión, cautelarmente quero agradecerlles a todos as súas achegas, expresamente aos que non continúen”.