DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais elabora un manual con recomendacións

Consellos e pautas para un teletraballo saudable

Destacan que é preferible empregar un ordenador de sobremesa

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
M. Del Río DUVI 27/03/2020

Con case a totalidade do persoal da Universidade Vigo  realizando o seu traballo dende a casa durante este período de alarma, fanse necesarias unha serie de pautas que axuden a trasladar ao domicilio os labores que habitualmente se realizan nos campus. Para axudar á comunidade universitaria neste proceso, o Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade de Vigo elaborou un manual para teletraballar dende a casa de forma saudable

O documento inclúe recomendacións que permiten ás persoas traballadoras protexerse ante os posibles riscos que se podan xerar como consecuencia desta nova forma de traballar e facilitan o teletraballo dunha forma saudable. Entre outros consellos, dende o SPRL destacan a importancia de busca un lugar da casa específico para traballar e non facelo, na medida do posible, nos lugares comúns, como salón ou comedor.  “Isto axudará”, aseguran, “a separar o tempo de traballo e de descanso”. Tamén remarcan a idoneidade de que se trate dun lugar con luz natural ou, no seu defecto, con luz artificial suficiente, que debe chegar lateralmente á pantalla do ordenador. Recomendan, asemade, ter espazo suficiente baixo a mesa para descansar as pernas comodamente. 

Respecto da organización da xornada laboral, dende o Servizo de Prevención de Riscos Laborais lembran que é importante facer paradas e descansos. Para aquelas persoas que traballan permanentemente diante da pantalla do ordenador, remarcan é que é preciso dar descansos periódicos á musculatura dos ollos e relaxar a vista durante uns segundos.

Preferiblemente, un ordenador de sobremesa

Para estas semanas de teletraballo, o manual recomenda empregar, na medida do posible, un ordenador de sobremesa. En calquera caso, a pantalla debe estar na liña dos ollos para non flexionar o pescozo; as costas rectas e apoiadas no respaldo da cadeira e os cóbados á altura da mesa. No caso de traballar cun portátil, destacan que é importante usar un rato e un teclado independente para manter a postura.

Exercicios de mobilidade

O manual do SPRL tamén fai fincapé na hixiene corporal e na prevención de posibles lesións derivadas de traballos repetitivos, sobreesforzos, posturas forzadas, etc. Para evitalas suxiren unha serie de exercicios de mobilidade articular deseñados polo Instituto Nacional de Seguridad y Salud en el Trabajo INSST, como mobilizar a cabeza e o pescozo; flexionar lateralmente a cintura; extensión das costas ou rutinas cos brazos e os ombreiros. En todo caso, lembran que “calquera momento é bo para facer exercicio”.