DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As e os participantes aprenderán a mellorar a súa escrita

Convócase unha nova edición do curso de Didáctica da ficción e creación literaria

O prazo de preincrición xa está aberto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 16/02/2023

Unha nova edición do curso avanzado de posgrao Didáctica da ficción e creación literaria xa está convocada. Desde o pasado día 1 de febreiro as persoas interesadas, membros ou non da comunidade universitaria, xa poden realizar a preinscrición nesta actividade que ten como obxectivo que as persoas participantes melloren as súas técnicas de escrita. Para acadalo, o programa mestura formación teórica coa principalmente práctica narrativa.

A iniciativa, que se enmarca na Escola Aberta de Formación Permanente da Universidade de Vigo, está dirixida por Ana Iglesias, profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, e Ramón Gutiérrez, profesor tamén desta institución académica, xa xubilado, e promotor do curso desde as súas orixes. Esta formación, lembra Ana Iglesias, leva desenvolvéndose con moi boa acollida desde o ano 2001, con algún cambio de denominación ao longo da súa traxectoria.

Teoría e práctica

Con este curso, indican desde a súa organización, preténdese que as persoas participantes comprendan os trazos da literatura e a súa singularidade como forma específica de coñecemento; identifiquen e saiban empregar os elementos estruturais da narrativa e se exerciten no recoñecemento do subtexto na ficción e en calquera discurso escrito. Tamén persegue que as e os inscritos aprecien a dialéctica entre tradición e renovación no discurso narrativo; valoren o xénero do conto literario; adquiran ou recuperen o pracer da escritura como expresión creativa e contrasten o propio punto de vista co dos outros diante da mensaxe literaria.

Didáctica da ficción e creación literaria, comentan os seus responsables, “ofrece unha visión distinta da arte literaria”. Para facelo, consta de tres partes. A primeira, a cargo de Ramón Gutiérrez, repasa os elementos da ficción narrativa e os motivos literarios a partir de textos da literatura universal e da literatura galega, dando a coñecer “os recursos para crear contos e aprender a apreciar os sentidos latentes dos textos”. A segunda parte impártea a doutora Ana Iglesias, quen complementa con exercicios prácticos as ideas vistas sobre a ficción narrativa, traballando con grupos pequenos. A terceira parte correspóndelle ao escritor Xosé Carlos Caneiro, quen estimulará ao alumnado para que “escriban e lean na aula textos creativos que el vai dirixindo”, botando man dos recursos obtidos nas outras seccións da actividade.

As seccións teóricas do curso, indícase desde a súa organización, “concíbense en dúas direccións”. A primeira ten como función explicar a singularidade da linguaxe literaria e os diferentes elementos estruturais da narrativa, con exemplos tomados de textos da literatura universal. A segunda dirección consiste na lectura e comentario de relatos breves das letras galegas que conteñen elementos narrativos e motivos paradigmáticos da literatura de todas as épocas e linguas. As seccións prácticas, engaden, “están concibidas para estimular e dirixir aos asistentes con vistas á creación, reelaboración e pulido de fragmentos narrativos e textos literarios que plasmen os diferentes coñecementos adquiridos nas seccións teóricas previas”.

210 horas

En cada edición do curso, detalla Ana Iglesias, “temos principalmente alumnado dos graos de Educación Infantil e Educación Primaria, pero tamén doutras titulacións e incluso sempre hai alguén xa egresado, que está traballando, procedente de diversos graos”. Para participar é imprescindible ter aprobados 120 ECTS ou posuír unha titulación previa (licenciatura ou grao). A actividade, de 210 horas (90 presenciais e 120 non presenciais), desenvolverase na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, de setembro a novembro de 2023, os luns, martes e mércores, con titorías os xoves. Proporciona oito créditos ECTS e o seu prezo oscila entre os 80 e os 68 euros, segundo a vinculación coa Universidade de Vigo.