DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pode participar alumnado de Primaria e ESO da provincia de Ourense

Convócase o V Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O prazo de presentación de propostas remata o 20 de xaneiro de 2021

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 30/11/2020

Co gallo da celebración o día 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense unen cada ano as súas forzas para organizar diferentes accións destinadas a potenciar a presenza da muller na I+D+i. No marco destas iniciativas, veñen de convocar o V Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, aberto á participación de alumnado de Primaria e ESO da provincia de Ourense. A data límite para presentar propostas é o 20 de xaneiro de 2021.

Os obxectivos deste certame, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, son promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e das súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia; establecer un certame que axude a que se visualice o papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e que reflicta como son vistas pola sociedade, e chamar a atención do alumnado sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna. Esta iniciativa únese a outras organizadas desde estes centros (como a exposición virtual Exxperimenta en feminino e a feira divulgativa Exxperimenta en Feminino. Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, anulada para 2021 debido á pandemia) coas que se quere contribuír a contrarrestar o déficit de referentes femininos nos eidos da ciencia, a enxeñaría e a tecnoloxía e fomentar as vocacións científicas entre as novas xeracións desde unha perspectiva de xénero.

Dúas categorías e dúas modalidades

Pode participar neste concurso o alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria matriculado en calquera centro educativo que pertenza á provincia de Ourense. O certame conta con dúas categorías, unha de Educación Primaria e outra de ESO, e dúas modalidades. A modalidade visual abrangue debuxos con calquera material (lapis de cores, rotuladores, recortes para colaxe...) e recursos como o son, o vídeo ou a fotografía para crear obras ou propostas artísticas. A peza presentada deberá ser unha obra inédita e orixinal. A modalidade literaria está destinada a manuscritos que poderán estar escritos a man ou a ordenador e que, en calquera caso, enviaranse en formato dixital ao enderezo da organización do concurso. A extensión máxima do traballo será de aproximadamente 900 palabras e deberá ser unha obra inédita e orixinal, indicando desde a organización que non pode ser “un resumo do que xa está escrito na web”. Os traballos poderán estar escritos en galego ou en castelán nos xéneros de poesía e narrativa (contos, relatos).

Os traballos deberán tratar sobre “a visión do alumnado do papel das mulleres na ciencia con temas como os seguintes: que sabes dos descubrimentos das científicas pioneiras?; anímaste a debuxar unha científica?; inventoras e os seus inventos; anécdotas ou historias da túa contorna persoal: a miña avoa científica, a miña tía enxeñeira?”. A temática das propostas ten que tratar sobre as mulleres na ciencia e na enxeñaría ou nas tecnoloxías TIC.

A selección dos traballos gañadores realizarase por proposta dun xurado composto por docentes dos centros organizadores. Os criterios de avaliación serán os seguintes. Na modalidade visual valorarase “a calidade técnica, a orixinalidade, a creatividade e o tratamento da temática do concurso” e na literaria “o estilo, a capacidade de razoamento, a orixinalidade e o tratamento da temática do concurso”. A entrega de premios será nun acto especial que terá lugar na primeira quincena de febreiro coincidindo cos actos de conmemoración do Día internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Haberá tres premios por cada unha das categorías e das modalidades.