Financiadas pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia
As convocatorias Inou 2025 destinan 119.000 euros a proxectos de persoal investigador do campus
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o día 28 de marzo
A Vicerreitoría do Campus de Ourense ten abertas dúas convocatorias que teñen como obxectivo financiar proxectos de persoal investigador deste campus relacionados con dúas das liñas de acción da Universidade de Vigo en Ourense: apoiar o desenvolvemento social e económico da provincia e a especialización Campus Auga. As iniciativas están dotadas cun total de 119.000 euros, financiadas nun caso pola Deputación de Ourense e noutro pola Xunta de Galicia.
Desenvolvemento da provincia
A primeira das convocatorias, que xa conta cunha dilatada traxectoria, é a de Axudas a grupos de investigación do campus de Ourense (Inou 2025), financiada con 59.000 euros (cun máximo de 5.900 euros por proxecto) pola Deputación de Ourense no marco do convenio anual asinado entre este órgano provincial e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural, investigación, formación e deportes no campus de Ourense.
Estas axudas teñen como finalidade o financiamento de proxectos de interese para a Universidade de Vigo e a Deputación Provincial de Ourense, apoiando investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense e ao coñecemento da súa realidade social. Ademais, a iniciativa persegue impulsar a interacción entre grupos de investigación do campus dos diferentes ámbitos de coñecemento e contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no Sistema Universitario de Galicia. Os proxectos realizaranse de forma individual, cun ou dous investigadores ou investigadoras principais e un equipo de proporcional ás tarefas a realizar.
Desenvolvemento do Campus Auga
A segunda das convocatorias, que se realiza este ano por primeira vez, é a de Axudas a proxectos do persoal investigador na etapa de formación posdoutoral do campus de Ourense (Inou+PosDou Campus Auga 2025). Neste caso está dotada con 60.000 euros (cun máximo de 10.000 euros por proxecto) no marco do financiamento do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga (2024-2027), o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia.
Neste caso, as axudas teñen como finalidade contribuír a potenciar as liñas de especialización do Campus Auga aprobadas no seu plan estratéxico 2024-2027. A acción quere contribuír á retención de talento, para que o persoal investigador novo con contribucións científico-técnicas relevantes e innovadoras teña a posibilidade de liderar proxectos como investigadores e investigadoras principais, co fin de que adquiran as competencias e capacidades que lle permitan obter as acreditacións e axudas que posibiliten a súa estabilización en organismos de investigación. Os proxectos realizaranse de forma individual, cun investigador ou investigadora principal e un equipo de investigación proporcional coas tarefas a realizar, e deberán enmarcarse nas liñas de especialización do Campus Auga: alimentación funcional; agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal.
Ambas convocatoria teñen o prazo de solicitude aberto ata o 28 de marzo de 2025 ás 23.59 horas. Un xurado elixirá os proxectos beneficiarios, aplicando criterios de valoración de méritos do persoal investigador implicado e da proposta do proxecto.